P1090999Hai máis dun ano Colineta anunciaba a próxima aparición no mercado da marca de calidade “pescadeRías”, que da man da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia chegaba para amparar o peixe da flota galega de baixura, así como mariscos, cefalópodos e algas.

Segundo a Consellería, a marca de calidade certificou dende a súa posta en marcha no mes de marzo de 2008 e ata o pasado día 31 de decembro entorno a 418.000 quilos de recursos mariños procedentes das nosas costas. Desta cantidade, 299.668 quilos correspóndense con moluscos bivalvos, 52.990 con crustáceos, 50.404 con equinodermos, 13.440 con peixes e 1.481 con cefalópodos.

Actualmente, un total de 15 entidades do sector da pesca de baixura e o marisqueo da nosa comunidade autónoma están autorizadas para certificar, etiquetar e vender os recursos mariños que extraen do mar baixo este marchamo. Trátase das confrarías de Baiona, Bueu, Aguiño, Portonovo, Cangas, Cedeira, Sada, Fisterra, Ribadeo, Mugardos, O Vicedo, Vilaboa, Noia, así como a lonxa do Campelo e a cooperativa Mar do Morrazo. Ademais, empresas maioristas de importancia en Galicia están a comercializar xa recursos pesqueiros amparados pola marca de calidade e, así mesmo, fábricas de transformación galegas están ultimando os trámites para poder certificar as súas mercadorías.

Cabe destacar, que nos case dez meses nos que leva funcionando este distintivo de calidade, a lonxa do Campelo foi a entidade que subhastou maior cantidade de produto “pescadeRías”. Foron en total 197.524,49 quilogramos de moluscos bivalvos, dos que 151.204,40 foron de berberecho, 22.839,20 de ameixa fina, 21.831,29 de babosa e 1.646,60 de ameixa bicuda. A seguinte entidade que máis produto certificado vendeu foi a lonxa de Baiona con 91.960,65 quilos, dos que 3.017 foron de bivalvos, 56 de cefalópodos, 29.976,25 de crustáceos, 50.404,50 de equinodermos e 8.506,90 de peixes. A terceira confraría en cantidade de recursos mariños etiquetados con “pescadeRías” foi a de Vilaboa que vendeu un total de 82.166,73 quilos, na súa totalidade de moluscos bivalvos: 862,75 de ameixa babosa, 6.433,65 de ameixa fina, 4.382 de rubia, 49.590,63 de xaponesa, 20.369 de berberecho e 528,70 de carneiro.

A estas tres entidades séguenlle en importancia as confrarías de Bueu e Aguiño con máis de 19.000 quilos vendidos de produtos “pescadeRías” cada unha, Portonovo con case 5.000 quilos e Mugardos con máis de 2.000. A continuación sitúanse O Vicedo con algo máis de 230 quilos, Ribadeo con 131 e Cangas con 128 quilos.

Foto: pescadeRías en Forum del Mar, Cambrils

© Colineta, 15-11-2008.- Dun tempo a esta parte semella que a industria alimentaria galega se está a sacudir o po de anos de inmobilidade para comezar a sacar ao mercado produtos innovadores.

Agora tócalle a quenda á conserveira Alfageme, que está a producir unha salchicha elaborada basicamente con atún e a achega de proteínas doutros peixes. O mesmo produto, ou moi semellante, estará no mercado en forma de loncheados. Cara mediados do mes de decembro estará a disposición del consumidor. Mañá, domingo 15, falaremos do asunto en Arroz con chícharos (Cadena SER Galicia) co director xeral de Alfageme, Pascual Romeo.

Tamén hai actividade no sector cárnico, que na semana que empeza presentará unha nova marca de calidade, e no lácteo, que a comezos de ano podería ter un novo produto, tradicional e ao mesmo tempo moi innovador, no mercado. Como dicía a televisión noutros tempos: permanezan atentos ás súas pantallas

De Colineta

Case 40 peixes e mariscos diferentes atopei nun supermercado da zona de Compostela. Procedían de máis de 20 sitios, a meirande parte de fóra de Galicia

Lee el resto de esta entrada »

A folga do transporte e do sector pesqueiro está deixando algúns datos que deberían facer pensar aos nosos lexisladores sobre algúns aspectos certamente discutibles da lexislación alimentaria que responden ninguén sabe a que criterios.

Onte representantes dos armadores e pescadores galegos percorreron algúns supermercados e grande superficies das áreas da Coruña e Vigo poñendo de manifesto as irregularidades na venda ao público de peixe fresco ou, ás veces, supostamente fresco. Na radio escoitei a un deses homes do mar dicirlle ás clientas do supermercado: “Non lle dean eso aos seus fillos ¡Estanos envelenando!”.

Polo que escoito e leo, o máis normal foi atopar o peixe mal etiquetado, cousa absolutamente común cando conta con etiqueta, que non é sempre, ou peixe desconxelado que se vende como fresco. Hai uns vinte anos eu fun testemuña, nunha madrugada de xoves, de como os servizos veterinarios comisaban na praza de abastos de Santiago luras desconxeladas que se ían vender por frescas, ou mariscos que non garantían documentalmente a súa procedencia. Hoxe non sei se os inspectores fan ou non ou seu labor nin baixo que directrices.

Na miña casa cómese con frecuencia peixe espada. Máis que nada porque teño un rapaz que é un dos poucos peixes que come. Así que sempre saio espantado dos supermercados onde, con tódalas bendicións da lei se vende este peixe desconxelado. Basta con que na etiqueta poña “produto desconxelado”, inda que sexa en letra ben pequeniña. Cada vez que o vexo lémbrome das recomendacións que sempre nos dan as autoridades sanitarias sobre a necesidade de non romper a cadea do frío cando mercamos conxelados. E danme gañas de mandalos a paseo. A autorización de vender peixe desconxelado ven do Código Alimentario, elaborado hai máis de 40 anos.

Vaia, que cheguei a pensar que todo o peixe espada que capturan os palangreiros de A Guarda se conxelaba a bordo dos barcos e que non se desembarcaba peixe fresco nos portos galegos, idea que esta mesma mañá me sacaba da cabeza o xerente de Orpagu (Organización de Palangreiros de A Guarda), Manuel Sequeiros.

A outra cuestión é o etiquetado do peixe. A normativa comunitaria, aplicada en España a través do Real Decreto 121/2004, establece que tódolos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, tanto vivos como frescos, refrixerados ou cocidos, deben identificarse no supermercado ou na peixería cunha etiqueta que conteña, entre outros datos, o nome comercial e científico do produto e a zona de captura e cría. Todo ben, se non fóra porque as zonas de captura establecidas a efectos de etiquetado son tan grandes que a zona 27, común nas etiquetas do peixe que se vende en Galicia, vai dende o Estreito de Xibraltar ata o norte de Rusia, onde se tocan Europa e Asia. É dicir, toda a costa atlántica europea está incluída nesta zona. ¿Serve de algo esta información?

O mesmo etiquetado val tanto para os produtos da Unión Europea como para os procedentes de terceiros países, sen que teña que indicarse cal é o país de procedencia.

So terán que aclarar na etiqueta o país de procedencia, cando veñan de terceiros países, os produtos incluídos na seguinte lista:

solla (Pleuronectes platessa),
atún branco (Thunnus alalunga),
atún vermello (Thunnus Thynnus),
patudo (Thunnus o Parathunnus obesus),
arenque da especie Clupea harengus,
bacallau da especie Gadus morhua,
sardiña da especie Sardina pilchardus,
eglefino (Melanogrammus aeglefinus),
carbonero (Pollachius virens),
abadexo (Pollachius pollachius),
xarda da especie Scomber scombrus,
estornino da especie Scomber japonicus,
xurel (Trachurus spp.),
galludo e pintarroxa (Squalus acanthias y Scyliorhinus spp.),
gallineta nórdica (Sebastes spp.),
merlán (Merlangius merlangus),
lirios (Micromesistius poutassou o Gadus poutassou),
maruca (Molva spp.),
bocarte/anchoa (Engraulis spp.),
pescada da especie Merluccius merluccius,
galo (Lepidorhombus spp.),
palometa (Brama spp.),
rape (Lophius spp.),
limanda (Limanda limanda),
mendo limón (Microstomus kitt),
faneca (Trisopterus luscus) y capellán (Trisopterus minutus),
boga (Boops boops),
caramel (Maena smaris),
congro (Conger conger),
rubio (Trigla spp.),
múxil (Mugi spp.),
raia (Raja spp.),
platixa (Platichthys flesus),
linguado (Solea spp.),
peixes cinto (Lepidopus caudatus y Aphanopus carbo);
quisquilla (Crangon crangon) e camaróns boreais (Pandalus borealis),
boi de mar (Cancer pagurus),
cigala (Nephrops norvegicus);
xibias (Sepia officinalis y Rossia macrosoma).

A concellería de Cultura do concello de Baiona organizou para a fin de semana unha “Feira de Abril” na que é de supoñer haberá sevillanas, fino, xamón e “pescaíto frito” a tutiplén. Os da asociación cultural Ximbaleu, que se ve que non están pola globalización, contraprogramaron cun “serán na beira do mar”, no que anuncian gaitas, regueifeiros e polbo á feira.

Anunciase un interesante combate culinario: nun curruncho o “pescaíto frito”, enfronte o “polbo á feira”. Imaxino que o polbo acabará tumbando ao peixe grazas á posibilidade de dar os golpes de oito en oito. A cousa non tería máis importancia se non me dera pé para sacar aquí o que hai xa meses aprendín da man de Juan Fernández Casal grazas ao artigo “De fritideiros e artistas”, publicado en “A Estrada. Miscelánea histórica e cultural”, unha publicación periódica do Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela.

No número de 2006 pódese ler o artigo no que Juan Fernández Casal confirma o que xa me contaran algúns bos coñecedores de Cádiz: case tódalas “freidurías” de peixe gaditanas son propiedade de galegos. E Cádiz é ao berce e paraíso do peixe frito.

Claro que a cousa, segundo nos conta o estradense, vai máis aló: dende comezos do século XIX a práctica totalidade das “freiudurías” de peixe existentes no litoral andaluz non so pertencen a galegos senón que todos eles teñen a mesma orixe: a parroquia estradense de San Pedro de Ancorados. No seu traballo, a partir de documentación e conversas cos vellos da parroquia, recompón parte desta historia descoñecida para a meirande parte dos galegos, que semellamos unha certa tendencia gremial: as pulpeiras concéntranse na parroquia de Arcos (O Carballiño), os “fritidores” de peixe andaluces son galegos de San Pedro de Ancorados (A Estrada) e Soutomaior ten fama de ter máis cociñeiros en Madrid que calquera outro concello galego.

Un dos naturais de Ancorados que acabaron metidos no negocio do peixe frito en Sevilla foi Xosé Castro Bascuas, nacido en 1875. Tivo doce fillos, dos que só se coñece o nome de dous: Manuel e Estrella. Desta filla sábese que viviu dous anos en Ancorados pero que non se afixo e regresou a Sevilla, onde se convertería nunha das glorias da canción popular andaluza: Estrellita Castro.

Prepárense a atopar na súa peixería dúas marcas de calidade que identificarán os produtos galegos do mar e que nestes días andan a ser presentadas nas diferentes feiras da pesca e gastronómicas que teñen lugar por Galicia adiante: “PescadeRias” e “Polbo das Rías”, a primeira impulsada directamente pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia e a segunda dependente da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, con apoio da administración autonómica.

Non veñen mal ambas iniciativas, e máis nun sector coma o do peixe no que a fraude está á orde do día por mor dos poucos controis que se realizan e a dificultade engadida de que se trata de produtos que se venden maioritariamente a granel. Sen dúbida o dos produtos do mar é o sector máis primitivo do mundo da alimentación: o home abandonou hai séculos a recolección e a caza como fornecedores fundamentais da súa alimentación, pero segue a ser pescador.

Teño eu a sensación de que as irregularidades no comercio do peixe e mariscos depende máis do punto final de venda que do sector extractivo. Eu mesmo teño atopado, en centros comerciais de moita reputación, ameixas procedentes de Tarragona que se anunciaban como galegas, por poñer un exemplo. As tales ameixas tiñan un aspecto fenomenal e seguramente sería moi boas, pero non eran galegas, tal como aseguraban os carteis. Iso é fraude.

As dúas novas marcas de calidade pretenden poñer un pouco de orden no mercado, partindo da orixe, as lonxas onde a través das cales o peixe entra nos circuítos comerciais. Acadarase o éxito se conseguen que a identificación dos produtos chegue ata o consumidor evitando que polo camiño se produzan manipulacións indebidas.

En esencia, tanto a marca “PescadeRias” como “Polbo das Rías” levan a mesma dirección: garantir que os produtos acollidos a elas foron capturados de maneira artesanal nas costas galegas e proceden exclusivamente da pesca extractiva, excluíndo tanto os producidos en instalacións de acuicultura coma os engordados nesas mesmas instalacións e os procedentes de mares afastados de Galicia, inda que sexan capturados pola flota galega de altura.

“Polbo das Rías” vai amparar o polbo capturado pola flota artesanal nas Rías Baixas, identificando individualmente cada polbo, mentres que “PescadeRias” será aplicable a peixes, algas e mariscos capturados nas augas continentais galegas, é dicir, na costa que vai da desembocadura do Eo á do Miño, por barcos que saen e entran diariamente do porto e empregan artes de pesca selectivas. Trátase, en definitiva, de identificar os peixes galegos do día.

Os consumidores temos dereito a saber se as sardiñas que mercamos na praza ou no supermercado proceden de augas galegas, de Portugal, de Asturias ou de calquera outro sitio. Se nos venden ameixas procedentes de Cataluña dicíndonos que son galegas é coma se nos lle pagamos á peixeira cun billete falso: parece bo, pero non o é.

© Miguel Vila Pernas (Publicado en El Progreso o 20-10-2007)


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura