Novedependencia é o que parece ter a Guía Michelín en Galicia nos últimos anos, exactamente no que levamos de século.
Ata 2004 en que chegou a estrela a Casa Marcelo, Solla era o único restaurante do grupo que tiña unha distinción gañada en tempos de Pepe Solla pai e mantida firmemente por Pepe Solla fillo.
Pero desde ese ano seis das oito estrelas concedidas a restaurantes de Galicia recaeron en cociñeiros do Grupo: A Rexidora, Retiro da Costiña, Yayo Daporta, Pepe Vieira e A Estación, ademais da citada Casa Marcelo.
Playa Club e As Garzas son as dúas únicas estrelas do século XXI que non teñen relación con Grupo Nove.
A sensación de novedependencia intensifícase se temos en conta os restaurantes que perderon a súa estrela no que vai de século: Toñi Vicente, Loliña, Rotilio, Roberto e Playa Club. Ningún do Grupo Nove, que mantén intactas todas as súas estrelas.
E se caemos na conta de que os dous únicos restaurantes alleos a Nove con estrela na actualidade corresponden a esa categoría denominada de produto a sensación é xa plena.
Dito todo isto, reafírmome na idea xa expresada de que Michelín é unha empresa privada que co seu diñeiro e a súa guía fai o que lle dá a gana. Isto non é unha oposición onde hai que garantir as mesmas oportunidades a todos.
Pero non menos certo é que este tipo de cousas está sesgando a percepción que ten o público, e máis o de fóra de Galicia, da cociña galega. Empeza a dar a impresión de que fóra de Nove non se fai máis cociña que a tradicional, mal chamada de produto, pero a realidade é que temos cociñeiros tan destacados como Flavio Morganti, Enrique Castillo, André Arzúa, Jaume García, Álvaro Vilasante, Pedro Roca e moitos outros que fan unha cociña moi persoal e pertencen a outros grupos ou van por libre.
Nove ten o mérito engadido de que aproveita como pode as oportunidades que se lle brindan e os resultados son patentes.
A dúbida é se os demais non saben aproveitar as súas oportunidades ou é que non as teñen






