Non é a dos limóns a subida que máis debe preocuparnos, salvo se nos dedicamos á produción de granizado…
Ultimamente Marcelo Tejedor está en tódolos papeis gracias á invención do pan líquido en aerosol e a empanada realizada co mesmo, que presentou na última edición de Madrid Fusión e que recentemente lle valeu o premio Aerosol de Plata, concedido pola Asociación Española de Aerosoles.
Os pratos de Marcelo marcan a época. Antes do pan líquido andivo en tódalas bocas o seu tomate kinder, bautizado así porque no seu interior gardaba unha agradable sorpresa, coma os chocolates infantís.
Famoso foi o ollo da lura, un prato xurdido por casualidade limpando luras, como indica o propio cociñeiro.
Pero aparte deses pratos mediáticos, unha das grandes creacións de Marcelo Tejedor é a pescada con caldo de pementos e pil-pil de limón, no que ingredientes a priori tan distantes como a pescada e os pementos harmonizan perfectamente entre sí e co limón, conseguindo un conxunto que non deixa indiferente a ninguén.
Como en toda a súa cociña, este prato caracterízase polo emprego de poucos ingredientes (pescada, pementos, limón e pouco máis) e pola pureza das súas texturas e sabores.
Pasen a páxina e miren a receita na outra cara deste blog.
O meu amigo J. estivo bastantes minutos preocupados pola raxa, e non a da faldra da camareira senón a de limón que pensaba poñerlle ao seu café con xeo, con gran sorpresa por parte da meirande parte do resto de presentes na mesa, aos que poñerlle limón ao café lles resultaba raro, pero non poñerlle xeo, nin tampouco poñerlle xeo ao café con leite. Eu, fiel ao meu costume, tomeino so e cortiño. Pero J. decidiu que eu tiña autoridade suficiente para respaldar a súa teoría de que o limón é imprescindible e reclamou, naturalmente, un post en Colineta sobre o asunto. Misión cumprida
O coñero é que pouco despois atopei no supermercado un café soluble que se anuncia como especial para o café con xeo.
Isto de mesturar café e xeo é moi español. Non vaian a Italia, un dos países onde mellor se prepara o café, a pedilo con xeo, porque seguramente non vai sacar máis que unha dor de cabeza ou, se cabe, dúas: a propia e a do camareiro que o atenda. A medio mundo parecelle ben tomar no verán te xeado (pode que o cine norteamericano teña algo que ver no caso), pero cando ao café se lle inverte a temperatura comeza a xente a escandalizarse.
Sobre o asunto do limón, pois que lles vou dicir, que hai para tódolos gustos e non é a primeira vez que o vexo facer inda que a min, que ás veces no verán tomo un, nunca se me ocorreu facelo. Prometo que na próxima ocasión non vai faltar o limón, que de todo hai que probar.
Dándolle voltas ao asunto de poñer xeo nunha bebida que se elabora con auga fervendo, veume á cabeza o éxito que Pichi tiñas cos xeados que servía de postre no seu bar-restaurante da rúa Torres Miranda, en Madrid. Desculpen se non poño o nome do local, pero é que non me lembro. Pichi tiña unha personalidade tal que agora que o penso igual nunca ninguén soubo como se chamaba o local porque sempre dicíamos o mesmo: imos tomar algo cabo de Pichi.
O caso era que os xeados do Pichi estaban sempre no seu punto. Brandiños, cremosos, nunca servía un deses tan conxelados e duros que había que partilos a golpes. Un día descubreunos o segredo: antes de chegar á mesa os xeados sempre pasaban polo microondas. Aquilo lembroume cando moi nena miña prima A. chegou cabo miña aboa cun cucurucho que lle acababan de agasallar pedindo que o metera un pouco no forno porque estaba moi frío, ou cando a mai de C. quixo aproveitar o Tulipán que quedaba pegado no envase, botou dentro un pouco de leite e puxoo sobre a prancha da cociña acesa. Eran tempos nos que os plásticos non eran tan comúns como agora. Nin que dicir ten que para limpar a prancha tiveron que aplicarse a fondo co Pedramol.
En fin, que ao final cheguei á conclusión de que unha cousa é a temperatura precisa para preparar o café e outra a temperatura á que se consome a bebida. Porque a min tampouco me gusta o café demasiado quente. [/lang_gl]
Hoxe volveron á miña cabeza os grandes momentos pasados na hai tempo desaparecida Taberna Cubana, que se situaba na madrileña rúa María de Guzmán, ás costas desa marabilla realizada polo arquitecto galego Antonio Palacios que é o coñecido como Hospital de Xornaleiros de Maudes, hoxe sede dalgúns organismos oficiais da Comunidade de Madrid. Vese que a Palacios lle gustaba darlle ás súas obras un aspecto distinto do uso ao que ían dirixidas, de maneira que o Hospital a todos lles parece unha igrexa e Troski, na súa estanza en Madrid, rebautizou o Palacio das Telecomunicacións, antiga sede de Correos na Praza da Cibeles, como “Nosas Señora das Telecomunicacións”, porque non parece unha igrexa, senón unha catedral. Outra obra salientable de Palacios na zona é o edificio do Banco Central. Por imperativo legal non se podían construír máis de dous pisos, que son os que o edificio ten exteriormente, pero por dentro deben ser cinco ou seis.
En fin, que a arquitectura madrileña de comezos do século XX ten un nome propio fundamental: Antonio Palacios.
Pero a cousa ía non de arquitectura madrileña senón da Taberna Cubana, na que tantos momentos estupendos pasei noutro tempo. Tan pequena tan pequena que cunha ducia de clientes xa se enchía e con quince revertía, que era a situación habitual o establecemento. O mérito era de Elma, unha habaneira descendente de xentes da parroquia de Noche do concello de Vilalba (Lugo).
Elma lembraba a seu avó vilalbés e como con frecuencia preparaba o cocido na Habana e coas sobras do mesmo (carnes, garavanzos, verduras e ata os fideos da sopa aos que escorría o caldo) facía unha tortilla á que segundo a habanera chamaba “molleta”. Eu andei por Galicia detrás da molleta pero non fun quen de dar co seu rastro e ademais o nome, de aspecto catalán, tenme algo despistado.
Na Taberna Cubana Elma non poñía molleta. A súa especialidade eran os cócteles cubanos de toda a vida. Facía os mellores mojitos e daiquirís que teña probado na miña vida, e ademais ensinoume a facelos, pero nunca fun capaz de sacar no daiquirí o punto que ela conseguía. E tamén preparaba mulatos, cubanitos, jaibol, e tantos outros, sempre con auténtico ron cubano (Habana Club) o que moitas veces lle levou a ter problemas co peor da colonia cubana en Madrid e ata a recibir anónimos con graves ameazas, que eu mesmo tiven nas miñas mans.
Non lle importou e seguiu empregando Habana Club, que daquela era o único ron cubano que había en España, porque dicía que tódolos demais non valían para o seu traballo. Na Taberna ofrecía o catálogo completo de Habana Club, que daquela eran os de 3, 5, 7 e 15 anos, así como o Edmundo Dantés, de 25.
Elma ata inventou o seu propio cóctel. Resulta que nun tempo os importadores de Habana Club, que daquela era a firma española Larios, traían de Cuba o ron e un licor doce, de canela, de baixa gradación (arredor de 20 grados) que se chamaba Licor Diabólico. Dalgunha maneira se amañaron para obrigar aos consumidores de ron a mercar tamén o Diabólico e a nosa amiga, que se negaba a vender chupitos aos rapaces que daquela aínda non facían botellón, só lle atopou un destino: o cóctel Diabólico Cubano.
Nun vaso de mojito (vaso de tubo pero máis baixo que os normais e, polo tanto, de menos capacidade) poñía unha gotas de zume de limón, unhas pedras de xeo, un chupito de Habana Club 3 anos e outro chupito de Licor Diabólico. Despois enchía de zume de laranxa natural ata o borde, remexía e listo.
De verdade que era diabólico o combinado, porque entraba como auga e subíase á cabeza coma o ron e o licor que levaba. Así que non era raro que os que se atrevían cun diabólico despois de seis ou sete mojitos ou daiquirís acabasen algo peneques.
Pero eu ía falar aquí do sorbete de mojito e xa esgotei o espazo, así que mellor será que lle dean a volta á páxina para mirar a receita.



