O Ministerio de Agricultura acaba de conceder os premios Alimentos de España e en Galicia, malia ter unha triple representación nos mesmos, pasaron case desapercibidos, a excepción de algunha información referida ao premio concedido a Granxa Maruxa.
A parte desta empresa de Monterroso, coñecida polas súas deliciosas galletas de nata e polas peculiaridade da explotación gandeira na que producen a materia prima, foron premiados Granxa Familiar e Anfaco-Cecopesca.
Revisando publicacións anteriores en Colineta sobre os premiados, vexo que nunca publiquei nada sobre as galletas de nata de Granxa Maruxa e pouco sobre Granxa Familiar, malia que nos dous casos estaba convencido de telo feito.
Así que como recurso de urxencia deixo aquí o enlace co número de xaneiro-febreiro da revista Origen (páxinas 62-64), na que publiquei un reportaxe sobre Granxa Familiar, e a entrevista con Marta Álvarez, de Granxa Maruxa, que emitimos na Cadena SER en setembro de 2010.
“Agora falaremos do queixo, ¡non?“. Con esa frase, que seguiu a un longo discurso sobre a vida no campo coas súas cabras e precedeu a outro non menos longo sobre os queixos que elabora co leite das mesmas, Antonio Dacuña sacou a enésima gargallada dos asistentes ao taller do Forum Gastronómico de Santiago no que se presentaba o proxecto Granxa Familiar, taller que tiven o privilexio de presentar e no que Iago Castrillón (restaurante Ácio, Santiago de Compostela) realizou diversas preparacións co que queixo de Antonio e con carnes e verduras doutros produtores asociados a Granxa Familiar.
Antonio é unha desas persoas entusiasmadas co seu traballo como gandeiro, pastor e queixeiro, por moito que se dedique a este traballo dende hai so uns anos, xa que antes fora torneiro e soldador.
Hoxe leo en Galicia Gastronómica, ese portal que eu montei en 2006 e deixei en 2007 e que ultimamente está a sufrir grandes altibaixos, que Antonio Dacuña prepara un cambio importante nos seus queixos: no verán incorporarán a contraetiqueta do consello regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.
Pero Dacuña non se conforma con levar as cabras a pastar polos montes do parque natural do Xurés, así que recibe na súa explotación a quen queira ir visitalo e amósalle o seu ecomuseo, vende mel e castañas da zona e ata abono procedente das súa cabras. Paga a pena pasar polo Xurés para coñecer a Antonio e probar os seus produtos.
Posiblemente foi Naranjas Lola quen comezou a abrir en España o mercado de venda directa, da explotación ao domicilio, de froitas a través de internet. Un negocio que vai medrando e diversificándose con iniciativas como a galega Granxa Familiar.
No recente Forum del Mar de Cambrils tiven oportunidade de coñecer Disfruta & Verdura, unha empresa desta localidade catalá que envía a domicilio aos seus socios caixas semanais ou quincenais contendo as froitas e verduras producidas na súa propia finca de Cambrils.
Lee el resto de esta entrada »
Dun tempo a esta parte estanse dando algunhas casualidades que me chaman a atención: algúns temas que publico en Colineta aparecen aos poucos días nalgúns xornais ou radios. Non estou a falar de asuntos difundidos a través de notas de prensa que o mesmo me chegan a min que ao resto de medios, senón asuntos coma o dos xeados Gael, que aos poucos días aparecían en La Voz de Galicia, ou o de Granxa Familiar, sobre o que acaban de falar na Radio Galega. Veremos se os produtos de Seagood, por exemplo, saen á palestra na próxima semana.
Nada que obxectar a que os blogs se empreguen como fonte sempre que despois o redactor de quenda desenvolva o seu propio traballo, como pasou nos dous casos sinalados. Distinto é cando se usa o copio-pego, do que fun vítima nunha etapa anterior.
Cada día nos afacemos máis a mercar no supermercado e esquecemos que preto de nos hai produtores artesanais, que nos ofrecen verdadeiras exquisiteces e que están agardando por nos. Eu acabo de enterarme de que preto da miña casa, no concello onde vivo, hai dúas granxas que venden capóns de un ano criados en liberdade e cunha alimentación a base de millo e verduras.
O mellor do caso é que calquera pode mercalos en internet grazas a un proxecto liderado polo Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia(GIS-T IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela: Granxa familiar.
En Granxa familiar podemos atopar os capóns brioneses, pero tamén podemos mercar directamente do produtor espárragos trigueiros, carne de tenreira ou tomates madurados na mata de Antas de Ulla, patacas de Coristanco, leitugas de Monterroso ou pavos de Mabegondo. Tamén se poden mercar outras verduras, froitas do país, ovos ou queixos…