Pulpo á feira

Non estou moi seguro se a forma de vida dos tempos actuais está impulsando á industria alimentaria a ofrecernos produtos novos ou é esa oferta a que nos está cambiando a maneira de vivir. Pasa tamén, ás veces, que os produtos novos non son tal, senón que unicamente é nova a presentación.

Poñamos por caso o polbo á feira. De ovo non ten nada, inda que tampouco é tan antigo como para dicir que levamos toda a vida coméndoo.

- Si señora, xa sei que vostede o come dende os seis anos, e iso é toda unha vida, pero quería eu falar da “vida” en termos históricos, e nese aspecto a vida dun ser humano é un gran de area na praia das Catedrais e con marea baixa.

O polbo á feira como hoxe o coñecemos naceu cando o pemento moído chegou a Galicia, posiblemente no século XVIII. O comercio de pemento seco e moído era moi importante en Herbón a finais dese século, o que leva a pensar que algo tamén se debeu fabricar nas veiras do Ulla.

Pero non busco eu aquí a historia senón a actualidade. Resulta que hai uns días vin en Hipercor, unha vez máis, polbo á feira envasado ao baleiro e refrixerado. Un produto que non me interesa o máis mínimo, xa que o polbo á feira ou se come acabado de cocer ou mellor é dedicarse a outro asunto. Pero algo me chamou a atención naquel polbo, non sei que, e vítima de nove anos de “master” en etiquetado por motivos que non veñen ao caso, mirei tódalas súas etiquetas. E sorprendinme.

Primeiro porque o polbo está elaborado e envasado en Málaga.

Segundo polo seu prezo: 22,90 euros a bandexa de 300 gramos, o que supón un total de 76,33 euros o quilo. ¡E iso que estaba de oferta!

- Si cabaleiro, xa sei que vostede merca o que lle peta e págao ao prezo que lle piden, que para iso é vostede un potentado, pero déixeme rematar…

Porque resulta que o máis grave do conto é que na etiqueta frontal di clariño: “De Galicia a su mesa”. ¡E eu pensando que a quinta provincia estaba en Bos Aires cando a temos aí, a un paso, con so dobrar o mapa habilmente!.

O produto comercialízase baixo a marca Peka2 Don Rodrigo e a empresas responsable é “Congelados Fripesca, S.L.”. Podemos darlles as gracias por levar o nome de Galicia polo mundo adiante en comercial@fripesca.com

Como non teño foto do pekado poño a da última ración de polbo á feira que comín no Mesón Concheiros (Santiago de Compostela)


Cartel fotografado esta mesma semana na localidade luguesa de Vilalba.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura