© Colineta, 27-11-2008.- Lera sobre os faragullos en “Merlín e familia”, a primeira novela de Álvaro Cunqueiro, e un día de verán de 2005 souben que na Pontenova lles facían festa dende o ano anterior, así que falei coa organizadora do evento e publiquei un artigo na sección que por entón tiña en El Progreso, que polo visto foi moi festexado polo cura da vila. Tamén falei dos faragullos en Colineta e volvino facer o día que decidín preparalos na miña cociña sen máis referencias que a receita que me deran, vía telefónica, na Pontenova.

Hoxe Por mis fogones publica un estupendo video, realizado en Vilanova de Lourenzá o domingo pasado, no que se pode ver a preparación desta sobremesa que debeu ser común en parte da Mariña. E digo en parte porque eu son do Valadouro e nunca por alí escotei falar dos faragullos (enfariñada lle chaman no video).

Volver a los diecisiete/ después de vivir un siglo/ es como descifrar signos/ sin ser sabio competente”. Nin século nin sabio nin competente, pero estoutro día volvín aos dezasete paseando Mondoñedo cun feixe de libros debaixo do brazo, como nos meus tempos de estudante de bacharelato na antiga capital de provincia onde tiven o privilexio de saudar unha tarde a Álvaro Cunqueiro. Mágoa que daquela non admiraba ao mindoniense como agora e todo quedou nun saúdo propiciado polas sobriñas do escritor, compañeiras miñas de clase.

Entre os obxectivos da visita á vila episcopal estaba xestionar a publicación do primeiro texto culinario galego do que se teña coñecemento, que polo momento durme entre outros manuscritos, case douscentos anos despois de ser escrito seguramente na vila natal de Cunqueiro.

Aparquei fronte ao cementerio vello e a primeira visita foi ás tumbas de Álvaro e Manuel, Cunqueiro e Leiras Pulpeiro, o médico-poeta ao que o clero da época non lle perdoou o seu fondo sentimento anticlerical mandándoo ao cemiterio civil. Contan que na noite posterior ao enterro moitos paisanos da zona, agradecidos co médico, carretaron sacos de terra dos cemiterios das súas parroquias para que Leiras repousara, malia todo, en terra sagrada. Esta primavera (mil primaveras máis para a lingua galega desexou Cunqueiro) entoleada non permitiu aínda que florecera a roseira que hai ao pé do panteón de Leiras, que nun poema pediu rosas vermellas ao seu rente.

Camiño do centro da vila pasei ante o vello cuartel da Garda Civil, unha impresionante casa grande, e despois mirei sen ver o escaparate da antiga confeitería de Pura, onde me pareceu ver as súa afamadas tortas entre non sei que mercadorías actuais. Pode que unha tenda de roupa.

E despois a antiga pensión do Manxarín, onde vivían boa parte dos meus compañeiros de bacharelato e que tiña comedor para os aloxados na casa e os viaxeiros e viaxantes que pasaban pola vila, situación que se repetía algo máis adiante en “El Valle de Oro”, onde comín con meu pai a primeira vez que visitei Mondoñedo para facer os exames de primeiro que preparara por libre. Comín unha “carne asada” delicioso, cuxo sabor aínda teño na boca. Tiña eu entón 11 anos.

Non era hora de cocer e por iso a panadería Castro non me agasallou cos seus aroma de pan e empanadas acabadas de facer, e acabei tomando un café no bar Central, despois de mirar un momento para o escaparate do local onde comezou a súa aventura empresarial o Rei das Tartas, onde seguen vendendo as mesmas madalenas que hai case corenta anos.

No Central tomei café, que aínda era cedo, pero quedáronme gañas de pedir unha daquelas tapas de zorza que comíamos cando estudantes.

Dende o bar mirei a rúa onde Manolo Montero, cando aínda non era o Mago Merlín pero si Manolita Montero para as malas linguas, tiña a súa librería agora convertida en museo. Durante cinco anos Montero foi o meu libreiro (Cunqueiro dixo que era o seu “libreiro de cámara”) e provedor de material de papelería, o mesmo que Alvite, para quen sempre me daba lembranzas meu pai xa que se coñeceran en Cuba.

E mirei o vello local da imprenta onde de rapaz mercaba as fichas nas que preparábamos a asignatura de historia e onde sempre me gustaba ver a Fernando imprimindo tarxetas ou folletos nunha vella Minerva semiautomática. Na Alianza, que hai 104 anos era “dulce” e anunciaba na prensa local os seus buñuelos de vento e ósos de santo (¿quen dixo que son cousa recente?), non había cañas de follado recheas de crema, que tanto lle gustaban a meu pai, así que seguín camiño para mirar un momento a Catedral. E como a hora da cita ía achegándose virei cara arriba e pasei diante do xa inexistente ultramarinos no que mercabamos as campurrianas e as vainillas. E vin o vello Meilán e o Troita, que xa non están, e a Tropicana que semella seguir igual. Afortunadamente non atopei con ningún dos vellos compañeiros, o que me evitou as lágrimas.

Como había que aproveitar o tempo pasei polo xulgado para preguntar por un asasinato do tempo de Jack o Destripador que me trae de cabeza, e mirei outra vez a Alcántara, que me pareceu moito máis pequena do que era daquela, e o sitio no que algún día estará a fundación, ou como lle chamen, Álvaro Cunqueiro, un vello proxecto mindoniense que o Goberno non da desenvolvido. A ver se o ministro de Cultura, cunqueirán de pro, consegue rematar con este esquecemento.

Saín de Mondoñedo por diante da Fonte Vella e o vello Seminario, co corazón cheo de lembranzas e saudade. Da fiestra dun vello pazo saía a voz de Violeta Parra: “… volver a ser de repente, tan frágil como un segundo…”

Nalgunha ocasión lin algo sobre o Sus myriapoda, algo así coma o porco milpés, pero non son capaz de atopar onde. Cunqueiriano como son as mans fóronseme primeiramente ás obras de Álvaro Cunqueiro, que levo algún tempo revisando sen dar coa pista. Non atopo a referencia nin nos seus libros nin na infinidade de artigos xornalísticos que publicou en xornais e revistas galegos e do resto de España, unhas veces en galego e outras en castelán.

Ante un animal tan imaxinario, o lóxico era pensar en Cunqueiro como fonte da información, pero xa penso que non saiu del. Mirei tamén a obra de Julio Camba, e moi especialmente un libriño de artigos xornalísticos titulado “Etc. etc.” no que entre outras cousas fala de cando probou en Londres os ovos de pingüín e anoxou as sardiñas por longo tempo, xa que era a sardiña ao que sabían ditos ovos. Tamén fallei na pescuda. Xa sei que é máis raro atopar en Julio Camba información sobre seres mitolóxicos, pero lembro perfectamente que o asunto tiña un claro contido culinario e falábase do porco milpés como paradigma do mellor animal doméstico posible, capaz de deixarnos en herdanza unha longa colleita de saborosos xamóns.

Agora ando cavilando en si puiden escoitar o asunto de boca de Eugenio Domingo, escritor e gastrónomo coma seu irmán Xabier, o máis coñecido dos dous. Houbo un tempo en que escoitaba cada semana a Eugenio Domingo na radio, en Radio Nacional de España, que entón era a única que se sintonizaba no Valadouro, falar de gastronomía, cociña e historias fantásticas, moitas delas tiradas dos textos de Cunqueiro e Josep Pla. Igual foi a Eugenio Domingo a quen lle escoite falar do Sus myriapoda naqueles tempos de adolescencia, nos que xa me interesaban a fantasía e a cociña, inda que non de forma pública como na actualidade.

Ven todo isto a conto porque na cea de Noiteboa me contaron que aparecera na biblioteca dun mosteiro do norte de Portugal (de momento resérvome o nome, a ver se poido facer miña a exclusiva da noticia) unha copia do “Gallaecia cybarius“, antiquísimo libro atribuído a un tal Petronio, sen máis datos, e no que habería un amplo compendio do saber culinario da antiga Gallaecia, inda que ao parecer tratado de maneira bastante fantástica. Digo que atoparon unha “copia” e non un “exemplar” porque ao parecer se trata diso, dunha copia realizada no século XVII e non dun exemplar do libro orixinal, que non sei de que século sería.

Prometeron poñerme en contacto co responsable do mosteiro (non sei se abade, prior ou que grado ten) e xa non veño chegar o momento de poder confirmar dito achado e tentar ver a copia dese “Gallaecia cybarius”. Agora é cando me pregunto porque demo non me apliquei máis nas clases de latín do bacharelato, xa que o libro está nese idioma.

Don Merlín non foi quen de amañar a princesiña inglesa de cristal que rachara e que chegou ata Miranda da man do tamén inglés Mestre Flute, tal como nos conta Álvaro Cunqueiro na súa primeira novela, Merlín e familia e outras historias, con cincuenta anos recén cumpridos.

Para a cea, a Mestre Flute “a señora Marcelina púxolle diante, na tabla do escano, unha enfaragullada de fariña de trigo con torresmos i unha xarra de viño de San Fiz…” conta Cunqueiro. Xa non se fan enfaragulladas nas casas onde en tempos foi prato propio de ceas e merendas, reducíndose despois a sobremesa para acabar desaparecendo dos nosos usos e costumes habituais. Seguramente aínda quedan casas nas que de cando en vez se cociñan as enfaragulladas ou faragulladas, pero reducidas a meros testemuñas do pasado.

Por iso me satisfai especialmente a iniciativa dunha asociación de A Pontenova, na terra de Miranda, que no pasado mes de agosto, e por segundo ano consecutivo, organizou a festa da Faragullada, na que se puideron comer os faragullos acompañados de mel, azucre, chourizos e torrezmos. Todo un acerto dedicar un día á recuperación dunha memoria culinaria que estamos perdendo día tras día.

Na Pontenova cociñan os faragullos mesturando auga, leite, fariña de trigo do país, ovos da casa e sal. A masa frítese en tixolas de ferro traballándoa coa escumadeira para que quede en anacos o máis pequenos posibles, en faragullos. Despois cada un ponlles o acompañamento que máis lle guste.

Tradicionalmente fritíanse uns anacos de touciño na tixola antes de botar na mesma a masa dos faragullos. Cunqueiro gustaba deste prato acompañado de mel do país: “E o que mais sabe dos faragullos é o atopar no bocado escondido un torrezniño, que pon na boca, a carón do mel, un ponto de salado” dicía.

Para amañar uns faragullos precisamos un ovo batido por persoa, mesturado con catro culleradas de fariña de trigo do país, sal e auga e leite, a partes iguais, que se precise para obter unha masa espesa. Ponse algo de aceite na tixola e frítense uns anacos de touciño entrefebrado, botando de seguido a masa dos faragullos e a remexer de seguido, partindo a masa o máis posible, ata que os faragullos estean dourados. Deseguido bótanse nunha fonte, engádese mel e sérvense de inmediato.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura