© Colineta, 27-11-2008.- Lera sobre os faragullos en “Merlín e familia”, a primeira novela de Álvaro Cunqueiro, e un día de verán de 2005 souben que na Pontenova lles facían festa dende o ano anterior, así que falei coa organizadora do evento e publiquei un artigo na sección que por entón tiña en El Progreso, que polo visto foi moi festexado polo cura da vila. Tamén falei dos faragullos en Colineta e volvino facer o día que decidín preparalos na miña cociña sen máis referencias que a receita que me deran, vía telefónica, na Pontenova.

Hoxe Por mis fogones publica un estupendo video, realizado en Vilanova de Lourenzá o domingo pasado, no que se pode ver a preparación desta sobremesa que debeu ser común en parte da Mariña. E digo en parte porque eu son do Valadouro e nunca por alí escotei falar dos faragullos (enfariñada lle chaman no video).

Quesos gallegos© Colineta, 23-11-2008.-A VII Cata dos Meles de Galicia e a XI Cata dos Queixos de Galicia comeza en Santiago de Compostela o luns 24 de novembro e rematará o xoves 27 coa entrega dos galardóns nun acto presidido polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.

A VII Cata dos Meles de Galicia organízase en colaboración co Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e coa participación dun total de 19 meles galegos a concurso, dos que seis son monoflorais e trece multiflorais. Os sete expertos que conforman o Panel de Cata realizarán un exame visual, olfactivo e gustativo das mostras, fixándose en aspectos como a intensidade do cheiro, o gusto, ou a homoxeneidade do produto. Os seis meles multiflorais mellor clasificados na fase de selección pasarán pola tarde á Cata Final da que sairán os 3 meles premiados.

Lee el resto de esta entrada »

Pan de nueces© Colineta, 21-11-2008.-Un delicioso pan de noces, elaborado con mestura de diversas fariñas, mercado en Santiago de CompostelaMáis fotos de pan en Flickr

© Colineta, 18-11-2008.- “Amigos, hai que facer algo con urxencia porque estamos todos en perigo“, anunciou a papuxa, que ao ser un ser alado ten máis facilidades para moverse de aquí para aló, e ao ser pequena pode escoitar calquera conversa allea sen que os demais se decaten. No souto xuntáranse coa papuxa a lebre, o xabaril, o corzo e a perdiz. O coello mandou aviso para que desculpasen a súa ausencia.

Lee el resto de esta entrada »

© Colineta, 18-11-2008.- Dez cociñeiros, dez viños, dez deseñadores, dez fotógrafos e 250 comensais protagonizarán a cea-desfile “Moda, gastronomía e viños do Camiño Inglés” que terá lugar o 28 de febreiro de 2009 no Hotel Finisterre da Coruña, organizado pola Asociación Provincial de Hostalería da Coruña en colaboración co Consorcio das Mariñas. Non se trata dunha profesión de fe dos organizadores no sistema métrico decimal, senón dunha homenaxe aos dez concellos que compoñen dito consorcio.

Lee el resto de esta entrada »

Fabas de Lourenzá con setas© Colineta, 17-11-2008.- O sábado, ao remate da primeira sesión dos talleres de Santiago Repetirás tiña unha cita na rúa Galeras. Iago Castrillón, cociñeiro e propietario do restaurante Acio convidarame a tomar un viño para agasallarme cunha tapa de fabas e cogomelos, sabedor como é de que me gustan unhas e outros.

Lee el resto de esta entrada »

Chef Kumale© Colineta, 11-11-2008.- “… no hay duda de que la nueva cocina catalana, junto con la vasca y, más recientemente, la cocina gallega contemporánea, es un mundo de referencia para quienes participan en la alta cocina”. As palabras non son miñas (as comiñas tampouco), senón do xornalista gastronómico italiano Vittorio Catellani, Chef Kumalé, no primeiro post do seu recén estreado blog no xornal italiano La Stampa.

Chef Kumalé coñeceu a cociña galega no mes de xullo de 2007, nunha xira que o levou por algúns dos mellores restaurantes da nosa terra e na que tiven a fortuna de ser o seu guía en Compostela. Atopámonos de novo en Madrid Fusión e despois volveu a Galicia polo Forum Gastronómico. A última vez que nos vimos foi o mes pasado no Forum del Mar de Cambrils onde tivemos uns poucos minutos de charla (el chegaba, eu estaba a piques de saír cara ao aeroporto) e falamos de proxectos, das andanzas dunha pulpeira galega en Italia (levouna el para unha feira gastronómica, pero deso falaremos noutra ocasión) e do moito que lle gusta a nosa terra e a nosa cociña.

Seguramente esta non vai ser a única vez que Chef Kumalé escriba no seu blog sobre a cociña galega

© Colineta, 9-11-2008.- En internet hai chorizos de diversas clases e un tipo habitual é o dos que pretenden facer diñeiro a costa do traballo dos demais. Son moitos. Capturan os post alleos e publicanos ás veces como propios e outras veces limítanse a poñer o nome do blog de onde proceden, sen un mísero enlace, sen respectar os dereitos de autor de quen pon no seu blog un Copyrithg, ou as condicións das licenzas Creative Commos doutros.

O seu obxectivo é crear tráfico cara ás súas webs ou blogs para rendibilizalo por medio de publicidade.

E todo iso fano de forma automática, sen o máis mínimo esforzo. Así que se están a ler este post nunha web ou blog que non sexa Colineta (www.colineta.com) e que non ofreza un enlace directo de cada post coa súa orixe fácil e rapidamente identificado pode que esteas lendo unha web pirata.

De ser así tes varias posibilidades: poñer Colineta entre os teus favoritos ou no teu lector de feeds e ler a fonte orixinal, avisarme da situación por correo electrónico ou seguir tranquilamente léndome a través dun pirata. Sexa cal sexa a túa elección, gracias por ler Colineta

Huevo frito© Colineta, 9-11-2008.- Hai uns anos Galicia viviu unha explosión dos cursiños de galego nos que fundamentalmente participaban funcionarios da Xunta e opositores que co correspondente título acumulaban algún punto adicional. Traballando na Xunta, inda que sen ser funcionario, un día deume por apuntarme a un daqueles cursos de iniciación, do que non aproveitei gran cousa (galegos falantes e escribentes mesturados con salmatinos acabados de chegar ao mundo do galego non é o mellor sitio para aprender gran cousa, especialmente para os primeiros). Pero foi divertido.

Lee el resto de esta entrada »

Améndoas, ovos, azucre e limón, únicos ingredientes da Colineta

Lee el resto de esta entrada »


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura