Din os de Coca-Cola que as sardiñas están entre os alimentos que menos apetecen aos españois no verán. Volven as risas

Lee el resto de esta entrada »

Un ano máis, Cerveceros de España publica a súa enquisa sobre as preferencias dos españois e os galegos á hora do aperitivo. ¡Todos queremos cervexa e aos “Cerveceros” volve a medrarlles o nariz

Lee el resto de esta entrada »

Tapas-2

Vai quedando menos tempo para o inicio do primeiro concurso de tapas de Santiago de Compostela (Santiago(é)Tapas), que se desenvolverá ao longo de dúas semanas, dende o 28 de xuño ao 13 de xullo.

Como paso previo ao concurso, na próxima semana os hostaleiros composteláns poderán participar nun curso de preparación de tapas que impartirán tres dos grandes especialistas do sector.

Na primeira sesión Edorta Lamo e Íñigo Cojo de A Fuego Negro (San Sebastián), cociñarán e falarán sobre a conceptualización dunha tapa, a organización e loxística dunha barra e de unha cociña especializada nas tapas ou a súa exposición. Íñigo Cojo foi o gañador do Campeonato Euskadi de Pintxos en 2006 y 2007.

Pola súa parte, Paco Guzmán, chef do barcelonés restaurante Santamaría traballará coas súas habituais preparacións feitas con produtos de orixe moi diverso (lentellas, arroces, especias…) que se renovan constantemente.

Cos cervexeiros non

Como tódolos anos, Cerveceros de España volve a dicirnos con quen prefiren os españois saír de tapas, que beben e que comen neses momentos. E como tódolos anos cabréome coa tomadura de pelo dunha suposta enquisa, e como cada ano me cabreo máis desta volta dígolles que se vaian ao carallo.

Menten sen vergoña ao tempo que amosan o seu descoñecemento da realidade e demostran que so lles interesa vender, cos métodos que sexa. Como tódolos anos, a enquisa di que á hora do aperitivo os galegos prefiren a cervexa. Deberían dar unha volta polos bares de Galicia para comprobar a realidade, e xa de paso os enquisadores e os cervexeiros que leven consigo aos redactores dos medios de comunicación galegos que reproducen a nota de prensa recibida sen o máis mínimo análise. A realidade é que o consumo de viño en Galicia segue sendo moito máis alto que o de cervexa.

Xa teño falado outras veces destas enquisas e me remito ao publicado en 2006 e 2005. Tamén teño falado persoalmente cos responsables da realización da enquisa, que un ano me recoñeceron que nesa ocasión non realizaran ningunha enquisa e que traballaban cos datos do ano anterior, no que me indicaran que non sabían cantas enquisas realizaran en Galicia porque trataban conxuntamente todo o noroeste e norte de España: galegos, asturianos, cántabros, vascos, casteláns, leoneses… todos no mesmo saco.

Eu, a verdade, desta volta tomaría uns viños con calquera… menos cos responsables desta pseudo-enquisa.

Achegábase a unha da tarde e despois de toda a mañá camiñando estaba sedento e con gañas dunha cervexa fresquiña que non atopaba por ningures. E ademais un delicioso cheiro a carne asada tíñame tolo mentres dun lado e doutro me ofrecían probar este viño, esta sidra, este queixo, este chourizo. ¡Quero unha cervexa! berrei dentro da miña cabeza.

E de súpeto abriuse o horizonte e cheguei ao curruncho máis concorrido do Salón do Club de Gourmets, a esquina onde Los Norteños promocionaba a súa carne ofrecendo degustacións gratuítas e multitudinarias a esa hora da mañá. Pouco a pouco fun facéndome sitio ata chegar á barra onde acababan de poñer un prato de tenreira á prancha (tenra, saborosa, deliciosa…) ao que che metín unha boa entrada, o mesmo que tódolos que me rodeaban, ao tempo que descubría o gran tesouro: dúas billas de Estrella Galicia que non paraban de botar cervexa para tódolos comedores de carne que se amontoaban naquela esquina. So uns poucos preferían o viño tinto. Collín unha caña e saín da aglomeración satisfacendo a miña sede.

Resulta curioso como a única marca galega vai abríndose sitio nun mercado moi consumidor de cervexa, coma o madrileño, e ademais orgulloso das súa propias marcas: Mahou e Aguila.

Non me sorprendeu que Los Norteños tivera dúas billas de Estrella. Na tarde do luns, acabado de chegar a Madrid, decidín tomar unha caña nun bar calquera da zona de Atocha. Das dúas billas que vin unha anunciaba “River”, a cervexa sen alcohol de Estrella, mentres que á outra quitáranlle o rótulo. Supuxen que sería Estrella porque os dous paisanos que estaban ao meu rente tiñan diante senllas botellas de cervexa galega, “tercios” como se denominan en Madrid, “medias” como se chamaron en tempos en Galicia.

Errei na suposición. Non caín na conta de que os meus veciños de barra, claramente partidarios de Estrella, estarían tomando cañas se na billa houbera cervexa galega. Penso que a cervexa de grifo era Aguila, precisamente a que menos me gusta das dúas marcas madrileñas, pero a caña estaba moi ben tirada, por moito que o taberneiro fora mesmamente o dobre de Cachao nos seus anos mozos. “Merque un contrabaixo e ten traballo seguro na televisión”, dixénlle.

Pero volvamos ao Salón do Club de Gourmets. Bebín a miña Estrella e marchei cara o espazo da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, onde me convidaran a unhas tapas elaboradas con conservas. Pero ese asunto queda para un próximo post.

“Cerveceros de España” e as empresas demoscópicas que traballan para eles toman de coña aos consumidores de cervexa. Os xornais de mañá informarán de que os galegos prefiren tomar as cañas con Rodríguez Zapatero, Fraga, Rajoy, Touriño e Fernando Alonso, Raúl e Anxo Quintana, por ese orde. Os resultados saen dunha suposta enquisa realizada para ditos Cerveceros.

Pasado mañá os mesmos xornais informarán de que os galegos prefiren a cervexa (31%) para o aperitivo, seguido dos refrescos de cola (19%) e limón (9%) e o viño (7%). Non estou a traballar cunha bola de cristal, limítome a reproducir as porcentaxes publicadas hai un ano.

Entre as tapas máis destacadas estarán a tortilla, as olivas e a ensalada rusa, así como as patacas bravas e ali-oli, as gambas e outras delicias. Nin empanada, nin callos, nin polbo nin outras trangalladas.

Cada primavera a mesma enquisa ataca de novo. Digo a mesma porque os resultados repítense ano tras ano. Os xornais non preguntan cómo, onde, cando, a quen, de que maneira, se fixeron as enquisas, no caso de que se fixeran.

Coma o asunto non da para máis, convido a visitar os post sobre este tema publicados o ano pasado. Como supoño que Angelina Jolie non está agora para andar de viños, este ano case a vou cambiar por Mabel Rivera, que é o primeiro nome que me ven á cabeza, seguramente porque acabo de ler algo sobre ela no xornal.

Tamén hai algún dato sobre o consumo real de cervexa e viño en Galicia.

Teñen os madrileños un curioso costume que chama a atención dos etnógrafos e viaxeiros procedentes doutras culturas: saír de cañas cos amigos (eu sei algo do asunto, que para algo vivín no foro 18 anos). Xúntanse varios colega e van de bar en bar, bebendo vasos de cervexa (que chaman cañas cando deberían dicir cañas de cervexa, xa que caña é o vaso, non o contido). Para acompañar a cervexa os madrileños comen pequenas porcións de tortilla de pataca, boqueróns en vinagre, olivas, gambas, luras fritidas, e cousas polo estilo nos sitios de altura. Nas tabernas máis populares a cervexa resulta máis barata, pero a tapa, que así se chama esa pequena porción de alimento, non vai máis aló dun pouco de sangue cocido, uns anacos de patacas acabadas de fritir con sal como todo adobo…

Centro esta descrición en Madrid por poñerlle un lugar xeográfico á cousa, pero o acontecemento repítese en moitos outros lugares de España. En Galicia non. En Galicia xúntanse os amigos para saír tomar uns viños. O que si se repite entre nos é o costume de comer as tapas, inda que o contido das mesmas sexa abondo diferente que en Madrid.

Xa notarían un algo de coña na maneira de contar o conto. É que non me parece serio que un ano máis nos veñan coa coña das enquisas sobre o consumo de cervexa e sobre os personaxes con que nos iríamos de cañas. A enquisa publicada nalgúns xornais di que os galegos iríamos de cañas con Zapatero e Fraga, por ese orden. Mágoa que non preguntaran con quen iríamos tomar uns viños, que a min, se me dan a escoller, prefiro a Angelina Jolie. A miña muller non, ela prefire a Mel Gibson. Cousas das enquisas.

Pero ao final os galegos saímos tomar algo cos amigos, e no meu círculo de amizades non está ningún dos catro personaxes citados. O que xa non é tan seguro e o que bebemos os galegos. Polo menos non parecen estar moi seguros os autores da enquisa. O xornal di que o 31% prefire a cervexa, seguida dos refrescos de cola (19%) e dos de limón (9%).

Como eses datos, referidos a Galicia, me parecen máis falsos que os billetes de 37,50 pido que me manden a información completa. Sorpresa: este ano so se fixo unha enquisa sobre a compaña preferida, pero non sobre a bebida. Os datos sobre o dominio da cervexa nos nosos gustos son do ano pasado, segundo me din, inda que os que me remiten están datados en agosto de 2003.

O informe confirma os datos que recollín unhas liñas antes e engade que o cuarto lugar está ocupado polo viño (7%). Se non me equivoco isto supón que por cada galego que toma viño no aperitivo, hai catro que beben refrescos de cola ou limón e cinco que beben cervexa. Mentres, o Ministerio de Agricultura asegura que o consumo de viño en Galicia duplica ao de cervexa, polo que so nos queda deducir que nas comidas e fóra do aperitivo os galegos dámoslle ao morapio de maneira desaforada.

Polo que respecta ás tapas, a enquisa di que o 36% por cento dos galegos prefiren a tortilla de patacas, seguida das olivas e a ensalada rusa. Despois veñen o xamón, chourizo e lombo, os tres metidos nun saco, as luras á romana e así ata un total de 19 especialidades tan galegas como as gambas ao alliño, as rabas, o peixe frito (supoño que será pescaíto andalú) e outros. Como a porcentaxe máis baixa dos 19 produtos da lista corresponde ás anchoas e ás patacas bravas, cun mísero 1% en cada caso, supoño que a empanada, os callos, a zorza, a orella, e outros produtos non están presentes porque aos galegos non nos gustan, o que demostra a tremenda equivocación dos nosos hostaleiros, que se empeñan en poñernos callos cando preferimos, poñamos por caso, rabas. Afortunadamente, entre os 19 produtos está o polbo á feira, que prefire o 2 por cento dos enquisados.

¿Recoñécense vostedes nestes resultados ou, coma min, pensan que nos están tomando de coña?. Aseguran os responsables do traballo que fixeron 1.700 consultas en toda España (por poboación a Galicia correspóndenlle arredor de 100), pero eu estou por crer que tampouco isto é certo. Claro que sempre cabe a posibilidade de que preguntaran a cen galegos residentes en Madrid cando andaban de cañas. Entón si, os resultados sería fiables e eu non tería razón para, unha vez máis, comportarme coma un destripa enquisas cabreado.

Esquecíame de dicir que a enquisa foi feita por encargo dunha asociación de cervexeiros españois. E tamén que eu comezo bebendo cervexa cando salgo cos amigos.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura