
Aforrar máis da conta na información que se ofrece a través das etiquetas ou por calquera outro medio pode acabar levantando sospeitas e rumores como os aparecidos nas últimas semanas sobre a cervexa Gallaecia, que se presenta como galega pero unicamente di que se fabrica na UE.
Nestes días puiden ler e escoitar opinións de todo tipo, dende quen defendía a fabricación galega da cervexa ata quen suxería una posible procedencia de Estados Unidos ou Rumanía. E tamén escoitei si sería unha segunda marca de Estrella Galicia porque alguén dicía que era Estrella quen a distribuía. O único certo para min era que Estrella Galicia nada tiña que ver porque precisamente dende a cervexeira coruñesa me preguntaran pola orixe do novo produto.
Tentei varias veces, sen éxito, falar con algún responsable de Enerdrinks, empresa compostelá fabricante de Gallaecia. Tentei tamén falar con alguén de San Amaro, fábrica de cervexa emprazada en Redondela, unha vez que un lector de Colineta asegurou nun comentario que era alí onde se fabricaba Gallecia. Pero non houbo maneira. Ata onte en que Miguel Gómez, xerente de Enerdrincks, me atendeu amablemente para confirmar que o lector de Colineta estaba no certo e que Gallaecia se elabora na fábrica de San Amaro, en Redondela.
Gómez, que dende a primeira chamada a Enerdrinks fora identificado como o único interlocutor válido, indicou que a súa empresa adquirira a metade de San Amaro e que están construíndo unha nova fábrica en Mos, a onde se trasladará en poucos meses non so a produción de Gallaecia senón tamén da cervexa San Amaro. Á fronte da produción en Mos continuará Amaro González, asesorado por mestres cervexeiros de fora de Galicia.
As instalacións de Mos, como ben apuntaba o lector de Colineta, terán unha zona de degustación e permitirán coñecer de cerca o proceso de produción da cervexa. Pero a empresa está interesada en que a súa comunicación manteña un perfil baixo ata a inauguración de Mos, e de aí o silencio que mantén.
Non queren gastar agora a pólvora que van precisar cando inauguren a nova planta. E teñen medo ademais de non ser capaces de abastecer o mercado so coas instalacións de Redondela. De feito, segundo indica Miguel Gómez, xa nunha ocasión estiveron a piques de romper o stock necesario para subministrar aos actuais clientes, xa que a capacidade de produción en Redondela, segundo Gómez, é de entre 10 e 15.000 botellas ao mes.
Parece, polo tanto, unha manobra arriscada inundar con Gallaecia o mercado de Compostela, enchendo bares e máis bares de carteis anunciadores, sen ter subministro garantizado. E resulta arriscado manter ao mesmo tempo un gran silencio motivado porque o único interlocutor válido para os medios de comunicación pasa máis tempo no estranxeiro que na súa empresa. Parece evidente que Enerdrinks ten un problema de comunicación, pero o mesmo se dicía de Zara…












