Os ovos fritos con patacas e chourizo que preparou Xosé Cannas no Forum del Mar de Cambrils empregando iogur, mango e amorodos lembráronme outros ovos fritos para a sobremesa que facía miña cuñada en Castropol, na beira asturiana da ría de Ribadeo.
Hoxe comezou o congreso profesional do Forum Gastronómico de Cambrils, no que o cociñeiro galego Xosé Cannas (restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe) realizou un show cooking con degustación para un numeroso grupo de profesionais.
Cannas traballou cos produtos do mar galegos presentes no Forum (volandeiras, ourizos), así como con sardiñas, xoubas e xurelo, empregando técnicas tradicionais coma o escabechado, que Cannas moderniza e converte nunha forma de cociñar no canto dun sistema de conservación, xunto con outros coma o tartar.
Chamou especialmente a atención a empanada de xoubas, que Cannas e o seu axudante, Aitor Martínez, prepararon en directo cunha masa sen levadura.
Produtos galego-catalanes
Os produtos galegos non so están presentes no Forum no espazo que comparten a Consellería de Pesca e os produtores artesanais. As ostras do Delta do Ebro, ao natural, en escabeche e afumadas, da marca L’Avi Agustí póñense en conserva nas instalacións de Lou, no concello de Ribeira. O curioso é que a idea foi do empresario catalán, que decidiu buscar unha conserveira de calidade en Galicia para que procesase as súas ostras, descoñecendo a antiga tradición galega das ostras escabechadas
As fotos do Forum del Mar de Cambrils, e moi especialmente da presenza galega, estarán dispoñibles nun album de Flickr
Se pola mañá Xosé Cannas sorprendeu ao público coas preparacións a base de produtos do mar galego, pola tarde realizou un show cooking en compaña do cociñeiro catalán Jeroni Castell, elaborando a coñecida pataca do cocido, que foi moi celebrada polo público, unhas sardiñas en escabeche de frío e un prato para os máis pequenos: ovos fritos con patacas e chourizo, ou o que é o mesmo, dous círculos de iogur con outros máis pequenos derriba de crema de mango que imitaba os ovos, acompañado de mango cortado como se foran patacas fritas e amorodos imitando o chourizo. O prato foi moi aplaudido polo público, que previamente disfrutara do montaxe realizado por Jeroni Castell, quen explicou como o intento de preparar un prato de foie escabechado acabou dando lugar aos “MacMoles”.
Na foto Xosé Cannas e Milucho na sesión da mañá
O desembarco galego no Forum del Mar de Cambrils non puido comezar con mellor pe. Os produtores de peixe, navallas, ameixas, volandeiras, paté de ourizos ou percebiños en lata constituíronse nun dos principais atractivos neste día dedicado a o público xeral, un público que aproveita un domingo case de verán, despois dunha semana de frío e choiva, para achegarse ao Parque do Pescador e ver a oferta gastronómica, galega e catalana, que se xunta no recinto.
Xosé Cannas, Luís Paadín e un incansables Milucho, que representa no Forum a Lonxanet, protagonizaron o primeiro taller sobre os produtos galegos. O primeiro cociñou, para un público composto de máis de 60 persoas, navallas, volandeiras, polbo, percebiños e ourizo, que se consumiron en compaña dos viños presentados por Paadín, de Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras e Monterrei. E para remate unha augardente da Ulla, Milucho explicou a maneira en que os pescadores e mariscadores galegos capturan cada un dos produtos obxecto da degustación.
Despois da degustación o público interesouse polas marcas dos viños degustados ou as receitas de Xosé Cannas, achegándose ao remate aos protagonistas para resolver dúbidas aqueles que non quixeron facer as súas preguntas publicamente. A intensa calor non foi obstáculo para que os asistentes permaneceran ata o final da demostración, e incluso houbo xente que expresou o seu disgusto por non poder acceder á sala unha vez completa a mesma.
Pola tarde Cannas volverá a cociñar, esta vez sen degustación e para un público moito máis amplo, en compaña do cociñeiro catalán Jeroni Castell. Ao final do día tentarei ofrecer máis información sobre a sesión da tarde, xa que agora teño que regresar ao recinto do Forum, onde me toca presentar a sesión da tarde de Xosé Cannas.
Navallas de Aldán, volandeiras de Cangas, ourizos de Lira, polbo das Rías e percebiños de Baiona serán algúns dos produto do mar galego que poderán degustar os asistentes ao Fòrum del Mar, que terá lugar en Cambrils do 26 ao 28 de outubro, coa presenza de produtores galegos, o cociñeiro Xosé Cannas (restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe), e a Consellería de Pesca da Xunta de Galicia.
![]() |
| De Colineta |
O cociñeiro pontevedrés Xose Cannas, do restarurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, será o representante galego no congreso sobre a cociña do mar que terá lugar en Cambrils a finais de outubro
En outubro o Atlántico e o Mediterráneo estarán conectados a través do Fórum del Mar que terá lugar en Cambrils (Tarragona)








