- Veña Xurxo, vai ti pola sobremesa e trae Tarta de Santiago para todos.

Era a primeira comida da viaxe, pero despois dunha longa mañá de visitas aos arrozais de Pals (Xirona) e ás plantacións de mazás e pexegos da cooperativa Costa Brava, o ambiente no grupo de xornalista que viaxabamos polo Ampurdán era xa moi distendido e prestábase ás bromas.

- Eso sería a ostia, respondeu Xurxo no mesmo momento en que a metade dos comensais se levantaban da mesa para ir ao buffet na busca da crema catalana ou as tortas diversas. Eu tamén fun na busca dunha pera ao viño cando me vin sorprendido pola chegada á mesa das sobremesas dunha ¡Tarta de Santiago!. Con moito éxito por certo.

Rimos con gañas a situación que lembraba a tantos restaurantes galegos que na sobremesa non se complican e sistematicamente ofrecen tarta-de-santiago-tarta-al-guisqui-e-tarta-de-queixo.

Foi o momento cómico dunha estupenda comida. Evidentemente non é o buffet o mellor sistema para gozar da alta cociña, así que os membros de Cuina de L’Empordanet recorreron para a ocasión aos grandes pratos tradicionais da cociña ampurdanesa, na que a gran protagonista é a mestura de carnes e mariscos, encabezada polo polo con cigalas, un prato excepcional.

Foi difícil para todo escoller ese día a comida e xa que a oferta era ampla e tentadora eu optei por pedir encarecidamente que me serviran so un chisquiño de cada prato, para poder probar varias especialidades.

Así que comecei pola esqueixada e os embutidos do Ampurdán, espléndidos nos dous casos, e a escalivada, que non resistía a comparación coa que nos serviran na cea da noite anterior.

Entre os pratos fortes non podía faltar esa marabilla que é o polo con cigalas, espléndido inda que me tocou un anaco de peituga algo cocido de máis e, polo tanto, reseco. E probei o coello con caracois e centolo que se pode ver na foto, e o pato con cunchas (mexillóns). Estupendos os dous, pero sen chegar á potencia e conxunción dos sabores do polo e as cigalas.

Pero deixei pasar de longo o polo ao viño do Ampurdán, as unllas de porco asadas, as albondegas de peixe azul, a xibia con chícharos, o suquet de xarda, o peixe sapo á mariñeira, o polo con lumbrigante, as fabas e chícharos, os cogomelos con verduras e as cabaciñas recheas.

¡Aquilo parecía unha voda galega!

Remato xa deixando aquí a foto da Tarta de Santiago, sobre a que publico unha reportaxe no número de xuño da revista Origen. Esquecín preguntar se andaba algún galego pola cociña.


“Excelente” é a cualificación oficial outorgada polo consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas á colleita de 2007. Segundo o seu presidente, Xosé Ramón Meiriño, a decisión “foi moi meditada, non porque se discutira a calidade da anada, senón porque se pretende buscar parámetros que nos obriguen a ser moito máis esixente na cualificación dos nosos viños”.

Segundo o departamento técnico do consello regulador, nos viños de 2007 destaca a “excelente graduación e un niveis de acidez moi ben equilibrados”, con rendementos uva/mosto inferiores aos de anos anteriores e “mostos moi aromáticos e con bo equilibrio grado-acidez”. Na cualificación tamén se tiveron en conta outras evidencias, tales coma os premios concedidos neste ano aos viños da denominación de orixe.

Mañá en “Arroz con chícharos” (Cadena SER Galicia) falaremos destes temas con Xosé Ramón Meiriño, presidente do consello regulador, que o pasado mércores en Madrid, no transcurso da presentación da anada aos xornalistas gastronómicos madrileños destacaba o incremento das exportacións de Rías Baixas rexistradas no último ano: un 60 por cento máis que o ano anterior.

Entre xoias

No recente viaxe polo Ampurdán visitei as instalacións de Vins i Licors Grau, en Palafruguell, o segundo distribuidor de viños e licores de España por volume de negocio. Doce millóns de botellas saen cada ano dos seus almacéns camiño de restaurantes, tendas e supermercados. E tamén dos domicilios particulares, xa que a firma dispón dunha tenda aberta ao público na que ofrecen máis de 8.000 referencias de viños e licores.

Un dos espazos máis destacados é o destinado ao que os propietarios denominan “grandes viños” con, naturalmente, grandes prezos. O espazo dos grandes viños está climatizado, con 17 grados de temperatura estable e humidade controlada. As mesmas condicións ten o almacén de 1.200 metros cadrados onde se gardan as botellas destinadas a repoñer as que se venden na tenda. Máis de 6.000 euros marcaba a botella máis cara, da que nin me molestei en anotar a marca xa que non teño previsto comprar ningunha caixa del nos próximos días.

Como non podía ser doutra maneira, entre os grandes viños de Vins i Licors Grau había tamén unha representación de caldos galegos. Pequena pero escollida: Organistrum (Rías Baixas), As Sortes (Valdeorras) e Emilio Rojo (Ribeiro). No almacén de grandes viños tamén vin catro caixas de Nora (Rías Baixas), referencia na que non repara na tenda. O Organistrum, xa se ve na foto, cotizábase a máis de 14 euros, mentres que As Sortes supera os 21 e o Emilio Rojo os 24. No almacén non había prezos, así que non sei a como ía o Nora.

Sorprendeume atopar nesa parte da tenda un viño doce de marca “De puta madre”, así que non me puiden resistir a facer a pregunta chistosa do día: “¿Haberá logo un ‘El vino que vende Asunción’?”. “Non, ese non hai” foi a resposta do meu acompañante, un dos catro propietarios do negocio.


En breve embarco en Lavacolla, xunto co colega e amigo Xurxo Fernández (El Correo Gallego) con destino ao Ampurdán catalán para coñecer de cerca unha das iniciativas turístico-gastronómicas de Turisme de Catalunya e Cuina de L’Empordanet.

O programa promete de todo. Visitas aos arrozais de Pals, os campos de froitas da Costa Brava, Museo da Confitura de Torrent, mercado de Palafrugell, Aula Gastronómica de L’Empordá, lonxa de Palamós, Vins i Licors Grau (Palafrugell)… e naturalmente a gastronomía do Ampurdán da man dos cociñeiros que compoñen o colectivo, coa participación estelar, que dirían nunha película de época, de Joan Roca (Celler de Can Roca) e Ángel Pascual (Restaurante Lluçanés).

Agardo que entre green e green me quede algo de tempo e gañas para ir contando as primeiras impresións.

I si no ens veiem el dijous…



© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura