“Literatura” gastronómica

O terceiro post de Colineta, publicado en xaneiro de 2005, hai máis de once anos, non necesita que lle toque nin unha coma para estar de plena actualidade no que con el quería transmitir, así que aquí o deixo intacto. Sigo recomendando a lectura de Diario de Comidas e sigo discrepando nalgunhas cousas do meu amigo Baixeras.

(Publicado orixinalmente o 10-1-2005) Escribía onte que estou a ler o Diario de Comidas, de Xavier Rodríguez Baixeras, poeta galego nacido en Tarragona (sempre dixen que os galegos nacemos onde nos peta, eu fíxeno na Habana, do que me sinto orgulloso) anque orixinario da Mariña de Lugo por parte de pai.

Neste libro Baixeras da mostras dunha ampla experiencia en materia gastronómica e de non menos amplos coñecementos na materia, anque non comparto algunhas das súas afirmacións.

O libro é moi recomendable para calquera interesado na gastronomía e na literatura.

Semella que gastronomía e cociña interesan cada vez máis, pero mira un os andeis das librerías e a meirande parte do que atopa son libros de receitas, moitas veces copiados uns dos outros. O valor principal de moitos destes libros son as espléndidas fotografías e, outras veces, o feito de estar asinados por estrelas da televisión ou da música, que probablemente o único que aportan ao libro é o seu nome.

O caso é que estes libros véndense e os editores piden fundamentalmente libros de receitas. E cando se lles ofrece literatura gastronómica, piden que se incorpore un capítulo de receitas.

Por eso non deixa de ser notable a aparición de obras como a de Baixeras, pura literatura gastronómica. Non deixen de mercalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *