Condenado a morte en Zaragoza ante a súa última cea: En viaxe longo, levar a tripa chea, aforra as alforxas

A publicación dun informe sobre a derradeira cea dos condenados a morte en Estados Unidos, á que fai referencia El Comidista, levoume a buscar os datos que hai máis dun ano recollín na mesma liña, pero referidos a executados en España, despois de ler “No matarás” de Salvador García Jiménez.

A pena de morte tortúrame dende que escribín “O crime de Santa Cruz do Valadouro” (Edicións do Castro, 2004), unha crónica sobre o asasinato do devandito cura, dúas criadas e un criado co obxectivo de roubar os cartos que había na reitoral.

Corría daquela o ano 1888, cando Jack o Destripador facía das súas por Londres, pero os asasinos do cura rápido caeron nas máns da Garda Civil e foron condenados por asasinato á pena de morte no garrote. Poucas horas antes da execución chegou a condonación da pena de cinco deles, pero o sexto foi finalmente executado polo verdugo de Valladolid, o famoso Lorenzo Huerta. O indulto non so salvou a cinco reos, senón tamén ao verdugo da Coruña, José Mayer, de ter que facer o que máis temía: exercer o seu oficio.

No traballo de documentación para o meu libro non atopei información sobre a última cea dos seis condenados por este caso, pero si do que comeron o día antes da execución: guiso de bacallau con patacas, sopas de allo con ovos e viño de Xerez.

Da lectura do libro de Salvador García Jiménez, catedrático murciano que me agasallou eloxiando o meu traballo no seu libro, saquei información sobre a última cea doutros reos españois.

Manuel Ramírez de Peñaflor foi posto en capela o 29 de abril de 1889, en Zaragoza. Quixo cear miolos, carneiro, pescada, xamón ou longaínza e fumar bos cigarros. “En viaxe longo, levar a tripa chea, aforra las alforxas” parece que dixo.

En 1892 foi executado en Barcelona Aniceto Peinador, culpable dun dobre homicidio. A súa última cena consistiu en sopa de macarróns, cocido, pescada, doces e froita.

A noite previa á súa execución en Alcañiz, en xaneiro de 1894, Ramón Benito Ortiz cenou media libra de carne, dous peixes, unha pera e dous vasos de viño. Despois tomou café.

En febreiro de 1897 Gregorio Tomás Yuste pediu anguías para a súa última cea, pero non había, de modo que cenou sopa e cabrito asado. Foi executado en Ejea de los Caballeros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *