Has de cantar, que che ei de dar zonchos

Din os que pouco saben de nos que coma os galegos cociñamos pouco escribimos moito sobre cociña. Demostran, sen dúbida, unha grande ignorancia sobre a cociña galega, que reducen aos peixes e mariscos cocidos, renunciado á enorme riqueza da nosa gastronomía, o mesmo sexa a máis tradicional que a máis anovadora. Posiblemente a súa ignorancia abarque da mesma maneira a literatura galega, inda que acerten de cheo na segunda parte dese comentario que enceta hoxe o artigo.

Certo é que en Galicia se escribe moito sobre gastronomía e, o que para min resulta máis interesante, a gastronomía está case permanentemente presente na obra literaria dos máis diversos autores galegos. A todos nos veñen á cabeza, é inevitable, Álvaro Cunqueiro ou Julio Camba e a poucos, tamén é inevitable polo amplo descoñecemento da súa obra, se lles vai ocorrer que Rosalía de Castro, a nosa convidada de hoxe nestas páxinas, tamén levase os praceres da mesa á súa obra, inda que sexa a partir dun estado previo de grave necesidade.

Na pasada edición do Forum Gastronómico de Santiago lembramos a Cunqueiro pouco despois do seu centenario, nunha sesión na que se deu a circunstancia de que tivo lugar dous días antes da celebración do cabodano do arousán Julio Camba e dous días despois de festexar o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro no antigo Hospital Real, que hoxe acolle un dos símbolos da hostalería compostelá: o Hostal dos Reis Católicos.

Lembraba ese día que “Cantares Gallegos”, a obra de Rosalía considerada como a primeira gran obra da literatura galega contemporánea, publicada en 1863 cando a poetisa ten 26 anos, comeza cunhas estrofas nas que as cousas de comer son protagonistas esenciais e serven, o mesmo entón que agora, para seducir e namorar. Escribe Rosalía:

«Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;

has de cantar,
que che hei de dar moitos.

Canta, meniña,
na veira da fonte;
canta, dareiche
boliños do pote.

Canta, meniña,
con brando compás,
dareiche unha proia
da pedra do lar.

Papiñas con leite
tamén che darei;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.

Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces,
¡que ricas que saben!

Da importancia de “Cantares Gallegos” na nosa literatura da fe o feito de que se elixira o día da súa publicación, o 17 de maio, como Día das Letras Galegas.

Non é este o único poema rosaliano no que as cousas de comer aparecen coa mesma forza.

En “Follas Novas” Rosalía inclúe un longo poema titulado “A probiña que esta xorda”. A pobre de pan pedir prométese un bo fin do día nunha casa de montañeses:

Que hoxe, seica… seica… seica…
has de comer sete cuncas
de bon caldo, coa da cea
e mais compango de porco
ou de sardiñas salpresas
que os montañeses son homes
que cando dan, dan de veras.

E abofé que tiña razón a probe da xorda, que non é tal senón que se fai, e todo remata en festa ben comida, bebida e cantada, como nos gusta aos galegos:

Foron chegando, chegando,
mais de nove ulindo a festa,
i a ningún botou da porta
a rica da montañesa;
que hai para todos, o día
que alí cocen, carne fresca
por arrobas, e se fan
Pppas de arroz en caldeiras.
Matouse un carneiro, grande
como un boi, e unha tenreira
como unha vaca, e gordiña
como unha cocha pequena.
Hai viño a Dios dar, un viño
do Ribeiro, que é canela;
e para a xente de menos
haino tamén do da terra,
un pouco agriño, mais fresco
e saboroso como fresas.
Coceuse unha gran fornada
de millo branco que albea,
con mixtura de centeo
i unha pouca de manteiga.
Parece biscoito a broa,
iun non se ve farto dela,
que inda é miuto máis sabrosa
que os moletes que en tres cestas,
escollidos, de Santiago
trouxeron as panadeiras.
En fin, a comida roda
polos pés, i o viño alegra
as xentes tanto, que rabia
de envidia a negra tristeza.

O Día das Letras Galegas dedícase en 2012 a Valentín Paz Andrade, intelectual, galeguista e industrial. Un máis daquela xeración de intelectuais que viron na industria un instrumento para reivindicar Galicia, dos cales o máis coñecido na actualidade é Isaac Díaz Pardo, alma mater de Sargadelos.

A aventura industrial de Paz Andrade tivo moito que ver co mundo da cociña e a alimentación, xa que foi un dos impulsores de Pescanova.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *