Emigrantes

Percebes y navajasSemella que os galegos estamos condenados a seguir emigrando. E a triunfar na emigración. Falo tanto dos cidadáns de Galicia como dos produtos galegos.

Trae o xornal a nova de que a metade dos percebes que se extrae na Semana Santa en Corme (A Coruña) vai destinado a Madrid e iso faime lembrar que case toda a coquina que se recolle nas praias do norte da comunidade acaba nos mercados do Mediterráneo, o que constitúe un caso moito máis grave que o do percebe, xa que mentres calquera galego ten fácil acceder aos nosos percebes, son contados os privilexiados que catan as coquinas e, o peor, a meirande parte dos galegos nin saben da súa existencia nas nosas praias.

No mesmo sentido, un dos produtos galegos de gran calidade que ten que saír do país para triunfar é a carne de vaca. Hai poucos días visitaba por primeira vez un novo restaurante preto da miña casa. Despois de ofrecernos a carta, o camareiro indicounos que fora da mesma había boi especial. Vin que na carne ofrecían carne de boi e preguntei cal era a diferenza entre unha e outra. Resultou que o boi, a secas, era vaca. E o boi especial supostamente boi. Pedimos vaca.

En Galicia temos a mellor carne de vacún do mundo, que non é cousa que diga eu senón grandes expertos no tema coma Martín Berasategui ou o carniceiro Luismi Garayar. Pero aínda non temos un restaurante de referencia dedicado a ela como os hai especialistas en churrascos e chuletóns de tenreira. Por iso resulta chocante escoitar a Imanol Arias, en Un país para comérselo dicir que nos vai levar a un restaurante onde se come a mellor carne do mundo e aló se vai, á montaña. Chega ao asador e pregúntalle ao cociñeiro polo segredo do seu establecemento e da carne que serve. “Es vaca gallega“, escoita como resposta mentres aprecia a paisaxe do Pirineo navarro no que se atopa.

Emigran os nosos produtos e emigran os nosos cociñeiros.

Hai poucos días o chef executivo do Palacio de Sober (Lugo), Marco Varela, proclamábase terceiro no Campionato de España de Cociñeiros, celebrado no Salón de Gourmets. Pero colóuselle outro galego, Xavier Gómez, que se clasificou en segundo lugar representando a Castela e León como xefe de cociña do restaurante do Parador de La Granja de San Ildefonso (Segovia).

Non foi o primeiro caso: en 2008 a galega Laura Nieto gañaba o campionato de cociñeiros de Canarias, onde desenvolvía o seu labor profesional.

Volvendo a Sober, contan alí cunha fundación que apoia a formación en materia de cociña gracias ao traballo dun dos seus veciños que triunfa polo mundo adiante. Chámase Belarmino Fernández e montou un imperio gastronómico baixo a marca Rubaiyat. Curiosamente, Galicia non conta con ningún restaurante desta cadea. Tal vez por pudor do propio Belarmino, que nos seus establecementos vende a carne que el mesmo produce en Brasil, o país que o acolleu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *