Selecciones del Reader Digest

Tiven eu un amigo nos madriles que sabía de todo, e sabía moito. Digo que tiven e xa non teño hai polo menos vinte anos porque en cambio si teño a facilidade de cantarlle as corenta a algúns amigos, pensando que, tentando reformalos, lles fago un favor a eles e á humanidade, e o único que consigo é perder amigos e que a humanidade siga igual de perdida.

Dicía que aquel amigo meu sabía moito e de todo. Pero en realidade o único que sabía era aparentar, e tamén a data en que chegaba ao quiosco o Selecciones del Reader Digest que tiña por centos na súa casa e compoñían a súa única lectura.

Era, claro está, un tipo espelido, que sempre procuraba levar a conversa a campos que os demais non dominasen para, con catro palabras ben postas e dous latíns, deixalos a todos estupefactos, a todos menos, claro está, aos que coñecíamos o seu segredo, que estupefactábamos (a ver cando me incorpora o palabro ao dicionario a Real Academia) ao ver o fácil que resultaba enganar á xente. Daquela eu quería ser coma o meu amigo, triunfante en tódalas ocasións, pero un problema ideolóxico sempre me impediu ler aquel comecocos das Seleccións. ¡Que merda de ideoloxías, que lle impiden a un triunfar!.

Ven todo isto a que hoxe me atopo, en cuestión de poucos minutos, con dous títulos de recente aparición no mercado que gustosamente lle regalaría ao meu ex-amigo conseguindo co agasallo non sei se a reconciliación ou un incremento vectorial da inquina. (Non entendo nada de vectores, pero pareceume que quedaba bonito e lle facía unha homenaxe ao interfecto).

Tales libros son “Presume de vinos en siete días” e “Saber de vino en tres horas“. Do primeiro tiven noticias hai un pouco, cando recibín a revista Origen. O segundo chegou a min un ratiño despois a través de Facebook. Pura casualidade en menos de media hora, que so me leva a pensar que este post estaba predestinado a ser escrito hoxe.

Confeso sen vergonza e por adiantado que non lin nin un libro nin o outro e por iso poño dous enlaces con quen si parece telos lido. Pero os dous títulos déixanme algo inquedo. ¡Lembráronme a aquel vello amigo!.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *