O recendo do viño da Ulla

Aproveitando un momento de descanso no traballo estaba lendo en Álvaro Cunqueiro sobre a lagoa de Antela, esa lagoa que estaba nas terras da Limia, na provincia de Ourense, e que tiveron que bordear as lexións de Décimo Junio Bruto “o galego”, para chegar ata as ribeiras do Limia onde os lexionarios pararon en seco, porque viron nese río, que compartimos galegos e portugueses do norte, o Lethes, o río que lles roubaría a memoria, impedíndolles voltar á casa. A cabezonería do xeneral romano, que atravesou as augas e dende a outra beira comezou a chamar aos lexionarios polo seu nome, demostrando que non perdera a memoria, abriulle as portas de Galicia á dominación romana e, nun instante, cambiou para sempre a nosa historia.

A lagoa de Antela, que xa non existe porque o franquismo quixo desecala para gañar para Ourense extensión de terra cerealista e so conseguiu deixarnos sen lagoa e sen trigais, a lagoa, digo, agocha ese tesouro da cidade asolagada de Antioquia, que agora que xa non hai augas so se amosa aos ollos dos que saben mirar co corazón, da acubillo tamén a un tropa lendaria; os Cabaleiros da Táboa Redonda que, segundo conta a lenda, agardan o regreso do rei Artús convertidos en mosquitos. Tal vez por iso sexa a Limia a única zona de Galicia onde sempre foi ben visto capturar ras e comer as súas ancas rebozadas, despois dun adobo de allo.

Dicía que estaba a ler o que Cunqueiro conta sobre a lagoa de Antela mentres outra parte da miña cabeza cavilaba sobre o fastoso espectáculo que tivo que supoñer o estanque de viño da Ulla que fixo construír Felipe el Hermoso na praza do Obradorio para celebrar a súa presenza en Compostela no ano santo de 1507. Lía por un lado e cavilaba polo outro cando ao meu nariz chegou un vívido aroma de viño da Ulla, ese clarete ilegal, feito con uva catalana, híbrida e polo tanto prohibida para vinificación, que aínda se pode probar en tantas casas da zona, nalgunhas tabernas e tamén nalgún dos postos de polbo da Santa Minia, en Brión.

Tan real era o aroma dese viño, lixeiro, acedo e moi, moi aromático (dito sexa de paso que do seu bagazo se elabora a augardente, esta legal, máis aromática e saborosa de Galicia) que tiven por un momento que deixar a lectura e as cavilacións para comprobar de onde viña o recendo a viño. Pero eu estaba so, non había arredor miña ningunha botella de viño, nin da Ulla nin doutra procedencia, do que puidera proceder o aroma.

O aroma a viño da Ulla seguía alí, como diría Monterroso. E aínda continuou durante uns minutos máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *