Espárragos da Ulloa con queixo de Arzúa-Ulloa

Tosta de esparragos y queso de Arzúa-Ulloa

Vou poñer unha marca máis no meu xa longo historial de xurado de concursos de tapas, xa que na tardiña do 5 de xuño formei parte do que avaliou as sete tapas presentadas ao concurso celebrado en Antas de Ulla (Lugo) con motivo da celebración da festa do queixo da D.O. Arzúa-Ulloa. No momento de escribir estas liñas nada poido dicir da gañadora do concurso, xa que, como segue sendo habitual na Galicia rural, as mulleres continúan dominando as cociñas.

Probamos as tapas presentadas a concurso e outras fora do mesmo. Cada local podía preparar cantas tapas quixera, empregando os queixos remitidos polo consello regulador da denominación de orixe, que debían ser ofrecidas de balde aos clientes. Pero so unha entraba a concurso, elixida polos responsables do local, e polo menos en dous ou tres dos sete locais participantes me pareceu que ofrecían tapas fora de concurso mellores que as elixidas para concursar.

Probei cousas estupendas, como os roliños de troita recheos de queixo de Arzúa-Ulloa, os bombóns de queixo (cobertura, queixo e azucre) ou as tostas de verduriñas (berenxena, cabaciño, pementos, queixo), todas elas fóra de concurso. Aprendín que pola zona de Antas se fai un tipo de queixo descoñecido no resto de Galicia e do que falarei en canto consiga un deses queixos e a información suficiente; contáronme que a febre do cultivo do espárrago en terras da Ulloa desapareceu ao tempo que as subvencións, porque producíase moito e bo, pero fallou a comercialización. E foi precisamente unha tapa de espárragos, a que máis me gustou de cantas probei (esta en concurso): unta tosta do espléndido pan de Antas, uns espárragos verdes cultivados na zona e un queixo de Arzúa-Ulloa fundido. Naturalmente, non podía faltar un anaquiño de pemento vermello asado, o auténtico emblema da cociña rural galega de festa. Sorprendeume a potencia dos espárragos, a súa tenrura e o ben que combinaban co pan e o queixo.

Curiosamente, servíronnos esta tapa nunha taberna rural na parroquia de Castro de Amarante, onde se atopa o pazo de Santa Mariña, cuxa impresionante lareira aparece fotografada por Sole Felloza na exposición Ao pé do lar. Aproveito para lembrarvos que ata finais de agosto esta exposición se pode visitar no centro cultural de Caixa Galicia en Pontevedra.

Bombónde queso ArzúaUlloa

2 thoughts on “Espárragos da Ulloa con queixo de Arzúa-Ulloa

  • 08 de Xuño de 2010 at 01:21 01Tue, 08 Jun 2010 01:21:24 +000024.
    Permalink

    Hola Miguel. Eu son de Antas pero non puiden asistir a esta degustacion xa que traballo en Santiago (de cociñeiro). So queria facerche un pequeno apuntamento: Na parraquia de Castro de Amarante (onde está a taberna) está a Fortaleza de Castro de Amarente (fotos no google) e na parroquia de Santa Mariña de Castro de Amarante está o Pazo onde se encotra a lareira de “Ao pé do Lar”.
    un saudo

    Reply
  • 08 de Xuño de 2010 at 18:29 06Tue, 08 Jun 2010 18:29:42 +000042.
    Permalink

    Gracias pola precisión, Adrián. Pensei que era todo a mesma parroquia.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *