Con este menú de crise ¡que viva a crise!

De Colineta

A crise, que orixinaron uns poucos irresponsables e sufriremos tódolos demais, está tamén nas salas dos restaurantes, xa que empresas e particulares apertan o cinto polo que consideran máis prescindible. Os únicos que non teñen que prescindir de nada son, precisamente, os causantes do problema, co que se volve confirmar o vello dito de que se roubas unha galiña vas á cadea, pero se roubas miles de millóns…

Os consumidores comezamos poñendo menos gasolina no coche e parece que xa vamos poñendo menos provisións no carro da compra, así que os restaurantes teñen que tomar medidas para que non escapemos todos xuntos e ata para que volvan algúns dos fuxidos.

Así que onte Antonio Botana xuntou a un pequeno grupo de xornalistas e blogueiros no seu restaurante (Pandemonium, en Cambados) para presentar o seu novo menú, cun prezo máis reducido pero coa mesma calidade de sempre.

O novo menú, ao prezo de 23 euros, sen bebidas pero co ive incluído, consta dun aperitivo, primeiro prato, segundo e sobremesa e servirase de martes a venres ao mediodía.

Onte o aperitivo consistiu nunha sopa de tomate ecolóxico con albahaca e tartar de xurelo, un xurelo simplemente pasado polo sal e cortado en pequenos dados. Unha combinación que volve sobre o xogo de peixes crus ou simplemente mariñados e tomate, co engadido neste caso dun bo toque de pementa negra acabada de moer, moi agradable para o meu gusto.

De primeiro chegou un arroz con codium (alga que en Galicia leva o nome de ramallo de mar) e uns magníficos berberechos de Noia. Moi acertadamente o Gourmet de Provincias, cuxa crónica recomendo, dixo que sabía a marea baixa. Estupendo prato, froito das leccións sobre algas que recentemente recibiu Botana de mans do gran experto galego na materia: Marcelo Tejedor.

Como segundo unha dourada salvaxe con maionesa de herbas, espárragos trigueiros e acelgas. Habitualmente non me interesa moito a maionesa acompañando peixe, e se este é da calidade da dourada que puxo Botana xa nin miro para ela, así que poido dicir que o peixe era espléndido e á maionesa tamén lle botaron flores algúns dos compañeiros de mesa.

Para rematar a comida un “mango en texturas”: sobre un fondo de iogur unha confeitura de mango con canela e un xeado da mesma froita.

Evidentemente, un menú destas características polo prezo que lle pon Botana non se atopa facilmente, pero tamén é certo que Pandemonium se ve obrigado a facer un esforzo extra, xa que en Cambados non se move tanta Visa institucional como en Santiago, ou Pontevedra, por poñer un caso máis próximo.

Acompañamos a comida coas novas cervexas gourmet que a cervexeira portuguesa Super Bok acaba de sacar con destino a restaurantes. De feito foi a presentación destas cervexas en Galicia.

A Gold é unha cervexa destinada a maridar con peixes e mariscos mentres a Rubí se destina a carnes e bacallaus. Parece que os cervexeiros queren reproducir o vello esquema dos viños, xa superado, que emparentaba brancos con peixes e tintos con carnes, incluso na cor, xa que a Gold é unha cervexa rubia mentres a Rubí ten unha cor moito máis subida… e colorantes entre os seus ingredientes. Terei que mirar máis as etiquetas da cervexa porque por primeira vez vexo o colorante entre os seus ingredientes.

O máis sorprendente foi a graduación de ambas cervexas: 6,8 grados. Paréceme que van errados os cervexeiros se con cervexas destas graduación queren ocupar o lugar do viño que se deixa de consumir por mor dos controis de tráfico, que é a principal causa de que os restaurantes vendan cada vez menos viño. Calquera bebe dúas destas cervexas coa comida e, segundo as contas da vella que acabo de botar, supoñen unha inxestión de alcohol igual a máis de catro copas de viño. Creo que pode haber moitos positivos.

En La Voz de Galicia

One thought on “Con este menú de crise ¡que viva a crise!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *