Guía gastronómica de Santiago de Compostela

Con tanta actividade no Forum Gastronómico, acabo de decatarme de que aínda non vos presentei a miña última creación: a Guía Gastronómica Santiago de Compostela, que se presentou ao público o pasado venres na cea de inauguración do Forum e que foi distribuída a tódolos congresistas e prensa asistentes ao mesmo. Os interesado poderán adquirila a través de Turismo de Santiago, que foi quen apostou por dotar á cidade dunha guía que é moito máis que un repertorio de restaurantes. Gracias a Turismo de Santiago, ao Concello e á Deputación Provincial que fixeron posible a existencia desta guía.

Pero antes de entrar en detalles é xusto agradecer publicamente a colaboración de Jorge Guitián na mesma, que elaborou unha introdución espléndida (“Historia gastronómica dun cruce de camiños”) que poderedes seguir no seu blog, xa que anuncia que a vai incluír no mesmo. Pero a colaboración de Jorge non remata aí, senón que tamén me axudou na selección dos locais a incluír na guía e me facilitou información de primeira man de aqueles que eu descoñezo ou coñezo mal. Gracias Jorge.

Coa Guía Gastronómica Santiago de Compostela queremos dar unha información completa ao interesado no mundo da gastronomía compostelá. Así que comezamos coa introdución histórica de Jorge Guitián e seguimos cun amplo capítulo sobre os produtos que se poden atopar na mesa e no mercado compostelán (empanada, mariscos, polbo, peixes, lamprea, pementos de Padrón, grelos, carnes, queixos, doces, viños, augardentes, licores…), seguimos coas opcións de turismo gastronómico que ofrece a cidade e con catro posibles rutas de tapas e racións no casco histórico e nos barrios de Compostela. E tamén nos paramos nos bocadillos, nas compras gourmet, dende alimentos ata utensilios de cociña (¿quen non busca un prato de madeira para o polbo, unhas cuncas para o viño ou unha pota para a queimada?). A Praza de Abastos de Santiago, o segundo monumento máis visitado da cidade, despois da Catedral, ten o seu propio capítulo, así como os alimentos galegos de calidade contrastada ou as receitas dalgúns dos mellores chefs de Santiago: Toñi Vicente, Marcelo Tejedor, Gonzalo Rei, Pedro Roca…

E despois xa nos metemos coa escolla de restaurantes (incluíndo algúns destacados do arredores de Compostela), bares de tapas e racións, bares de bocadillos, tendas gourmet, ultramarinos, pastelerías. Unha escolla persoal coa que pretendo dar información obxectiva ao viaxeiro, ao tempo que algunhas apreciacións persoais sobre os diferentes locais. Apreciacións, non críticas, xa que nin son crítico de restaurantes ni aspiro a selo.

Pero si acepto de bo grado as críticas alleas ben intencionadas que me sirvan para mellorar o traballo no caso de que haxa edicións posteriores dunha guía que se publicou en galego, castelán e inglés. Aos críticos mal intencionados, que os haberá, xa lles auguro por adiantado o fracaso máis absoluto: teño un impermeable indestrutible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *