¿Robaliza ou lubina?

Unha pequena lea amistosa sobre se o que estibo no prato era “robaliza” ou “lubina” levoume hoxe a revisar algúns libros na procura de máis saber ao respecto e tentando confirmar o que xa sabía. Trátase do mesmo peixe que en galego se chama robaliza e en castelán lubina.

Pero, se ben o Dicionario da Real Academia Galega so inclúe o termo “robaliza”, non é menos certo que nalgunhas partes de Galicia tamén se emprega o termo “lubina”.

Na “Guía dos Peixes de Galicia” (Manuel Rodríguez, Sergio Devesa e Lidia Souto, editada por Galaxia en 1983), inclúese o nome galego dos peixes, pero tamén outras denominacións escoitadas polos autores en diversos lugares do país. No apartado da robaliza (Dicentrarchus labrax según Linneo) aparecen tamén os nomes de “reboriza, lubina, lamega, balilla, cacheira, chalizo, chasca, tasca, chibana e róbalo”. No caso do róbalo din os autores que se emprega para as robalizas grandes.

O problema non é de agora. No “Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia, arreglado al sistema del caballeo Carlos Linneo. Con un tratado de las diversas pescas, y de las redes y aparejos con que se practican”, publicado en 1788 por José Cornide Saavedra, o naturalista coruñés fala do “róbalo” (“al róbalo no le conozco nombre propio en castellano, a no ser que se quiera adoptar el de Lubina”, escribe) e da “robaliza” á que según Cornide “en Asturias le llaman lubina”. Cornide tamén di “Creo que la Robaliza sea el mismo pez que en castellano se llama Lisa” e indica que nalgúns portos de Andalucía teñen a esta lisa por unha especie de “mugil”. En moitas zonas de España o múxil segue a chamarse lisa. Semella que Cornide tiña un certo cacao sobre o nome, que non sobre o peixe, describindo perfectamente unha robaliza e o seu costume de frecuentar as ribeiras e incluso entrar nos ríos. En noite de inverno nas que andabamos ás angulas na desembocadura do río Ouro teño visto ás robalizas no río ocupadas en comer as angulas que nos queríamos coller. Era noite sen lúa, así que primeiro tiven que crer o que dicían os compañeiros de pesca, moi experimentados, que aseguraban que o chapoteo que se escoitaba no medio do río eran as robalizas cazando angulas. Despois chegaron dous rapaces asturianos armados de canas que se fartaron de pescar robalizas cebando os anzois coas crías da anguía que previamente pillaran no río.

No século XIX as opinións de Cornide chegaron ao “Dicionario gallego-castellano” de Francisco Javier Rodríguez (1863) e de Pintos (1865). O primeiro cita expresamente ao naturalista.

En 1884 Marcial Valladares enfoca de maneira diferente no seu dicionario a definición de robaliza, asegurando que se trata da Perca labrax ( o “róbalo” de Cornide), indicando que se trata dun peixe de mar de boas carnes.

Leandro Carré Alvarellos (1972) di da robaliza “Pez de mar. Es el mismo robalo o lubina antes de llegar a su desarrollo total. La hembra llámase robaloa”.

En definitiva, e como dixen ao comezo, o que en castelán é “lubina” en galego é “robaliza”, localismos aparte.

6 comentarios sobre “¿Robaliza ou lubina?

  • el 02 de marzo de 2008 a las 21:15 09Sun, 02 Mar 2008 21:15:22 +000022.
    Permalink

    Ves como ías solventalo dun plumazo.
    Eu tíñao bastante claro, pero a insistencia do GdP descolocoume… 😉

    Respuesta
  • el 02 de marzo de 2008 a las 21:16 09Sun, 02 Mar 2008 21:16:40 +000040.
    Permalink

    Pois aclarado queda.

    Por certo, o exposto por Carré Alvarellos ben ser, en liñas xerais, o que comentábamos nos correos respecto a que en zonas do Barbanza a robaliza (con seseo) é a pequena, pescada nas rochas, mentres lubina é a grande, xeralmente a de cultivo.

    Respuesta
  • el 02 de marzo de 2008 a las 21:23 09Sun, 02 Mar 2008 21:23:58 +000058.
    Permalink

    Poderíamos comezar un debate sobre localismos, pero o certo é que o Diccionario da Real Academia non inclúe “lubina”. E hai máis razóns para reivindicar o termo galego, que xa vai boa que internacionalizou o propio Nat King Cole cantando en inglés o seu famoso ghit “Robalisa mon amour”: http://www.youtube.com/watch?v=fxEmnxiUz8w

    Respuesta
  • el 02 de marzo de 2008 a las 21:24 09Sun, 02 Mar 2008 21:24:20 +000020.
    Permalink

    Coma os micromachines 😉

    Lembro de novo cun día cheguei a casa contando que un compañeiro de clase pescara unhas “lubinas”, e non sei quen dos meus pais lle aclarou o outro (e a min claro) que eran unhas “robalisas”.

    Respuesta
  • el 03 de marzo de 2008 a las 10:33 10Mon, 03 Mar 2008 10:33:23 +000023.
    Permalink

    En galego é robaliza. Lubina é un castelanismo.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *