Grelos “super”

Eran uns grelos espléndidos, pero se lles poño o cualificativo de “super” e polo lugar onde estaban á venda: un gasolineira de Compostela. Chamoume a atención de que eran da variedade de nabo de Lugo, inmensamente mellor que a típica de Santiago, e apañados como debe ser: un a un no canto de arramplar con todo o que ten a planta.

Tiven que saír rápido porque o condutor que estaba detrás de min impacientábase. Prometín volver a mercalos un par de días despois, pero entón xa non había. Agora cando paso pola zona sempre miro, xa que en Compostela é ben difícil atopar verdadeiros grelos, que ás veces atopo, de cultivo ecolóxico, en A Cesta da Saúde (na rúa Ramón Cabanillas), procedentes da zona de Palas de Rei (Lugo). ¡E que onde estea o nabo de Lugo que se quiten os demais!

¿Grelos ou nabizas?

Aproveito a oportunidade para volver sobre a diferenza entre nabizas e grelos da que xa teño falado e escrito en moitas ocasións.

A estrutura cada vez máis urbana da nosa poboación está a poñer en perigo a nosa verdura máis tradicional, os grelos, que unha boa parte da poboación xa descoñece, sendo incapaz de distinguir grelos de nabizas, cando son dúas cousas ben diferentes.

Podería resumir, unha vez máis, que as nabizas son follas, as primeiras follas que produce o nabo, que nacen directamente do seu bulbo, que en galego chamamos “cabeza”. Teñen un pequeno pedúnculo pero a maioría é folla.

Cando avanza o inverno, os nabos comezan a producir unha nova verdura, os grelos. Grelo é o falso tallo, moito máis gordo que o pedúnculo das nabizas, en cuxo extremo acabará formándose a flor do nabo e do que tamén nacen follas. O grelo NON son esas follas, é o conxunto de tallo e follas, pero o importante é precisamente ese tallo, xa que as follas non deixan de ser nabizas tardías. O que fai que os grelos sexan unha verdura diferente, de sabores moito máis complexos que os das nabizas, cun punto de amargor que varía segundo as variedades e a zona de cultivo é precisamente a presenza deses falsos tallos onde se atopa o amargor e o sabor a nabo característico do grelo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *