Estudantes do IES Carlos Oroza gañan o concurso de cociña organizado en Pontedeume

Con “Ostras fritas con verduriñas frescas” e polbo á feira os representantes do IES Carlos Oroza de Pontevedra proclamáronse campións do X Concurso de Cociña e Coitelería José Rodríguez-Moldes Rey, organizado como cada ano polo IES Fragas do Eume, de Pontedeume, e que tivo lugar esta mañá.

Os alumnos do Carlos Oroza competiron con representantes doutros oito centros de formación, todos eles IES a excepción da Escola de Ensinanzas Elementais da Escola Naval da Graña (Ensengra) e a Escola Superior de Hostalería de Galicia, que participaba por primeira vez no concurso.

O polbo á feira era prato obrigado para tódolos participantes, que ademais debían presentar un prato libre elaborado con ostras.

O xurado, do que formei parte xunto con Xosé Varela, responsable da sección gastronómica de FUGAS (suplemento de La Voz de Galicia), os cociñeiros Pedro Roca e Diego Bello e Luís Molla, propietario do restaurante Pil-pil de A Coruña e columnista gastronómico, apreciou o traballo realizado polos participantes tanto na elaboración do polbo como nos pratos con ostras, entre os que houbo algunha proposta moi interesante.

A uniformidade no punto de cocción do polbo foi moi destacada, con so dous casos nos que o polbo estaba lixeiramente duro (un) e algo brando de máis no outro. Tamén foi xeral o exceso de pemento en case tódolos pratos, mentres que na presentación uns optaron polo sistema tradicional das feiras mentres outros realizaron algunhas propostas alternativas empregando as puntas dos raxos para decorar.

As grandes diferenzas chegaron cos pratos de ostras, un produto certamente difícil de preparar dada a súa delicadeza. O prato dos gañadores consistía en ostras moi lixeiramente cociñadas, en realidade practicamente crúas, acompañadas dun surtido de verduras fritidas. Estivo entre as miñas preferidas, pero non foi a opción que máis me convenceu, xa que eu puntuei en primeiro lugar o “ravioli de ostra e porco celta con cítricos e alloverde”, presentado polos representantes do IES Sanxillao, de Lugo. Un sorprendente ravioli que comeza sabendo exclusivamente a porco para rematar sabendo so a ostra, coa frescura dos cítricos e picardía do allo.

Tamén me pareceu moi interesante o prato presentado polos alumnos do Fragas do Eumeostra, porco e mazá” e espectacular o escabeche do prato presentado pola Escola Superior de Hostalería de Galiciaostras, escabeche, aceite picante e triscante de touciño”. Mágoa que neste último caso a ostra desaparecía do mapa ante a potencia dun escabeche delicioso.

Antes da constitución do xurado tiven oportunidade de visitar algunhas instalacións da escola e comprobar a pouca atención que a consellería de Educación, responsable última das mesmas, presta ás escolas de hostalería, onde seguen cociñando con aluminio e so se poden adquirir novos utensilios ou máquinas despois de aforrar o diñeiro preciso para iso a través de iniciativas tales como fomentar que o alumnado coma no propio centro (3 euros o menú) destinando os beneficios que se obteñen a financiar novas dotacións.

Un comentario sobre “Estudantes do IES Carlos Oroza gañan o concurso de cociña organizado en Pontedeume

  • el 28 de febrero de 2008 a las 18:32 06Thu, 28 Feb 2008 18:32:19 +000019.
    Permalink

    Non sei agora, que fai moito que non imos, pero antes tamén se podía comer á carta por seis euros (bodega aparte), cun nivel moi superior ó e calquer menú do día do mesmo prezo (ensalada de vieiras de primeiro e carrilleiras de segundo, por exemplo).

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *