Compromiso

Hai xa unhas semanas que o Código Cociña é unha realidade na rede, pero a súa presentación oficial tivo lugar no marco do Forum Gastronómico Santiago’08, no que se celebrou un encontro de blogs digno de tal nome e non como o que tivo lugar en Madrid Fusión, claramente improvisado.

O encontro de blogs do Forum víñase xestando dende hai preto dun ano cando xurdiu a idea na cabeza do seu director Pep Palau, ao constatar a existencia dun grupo de bloggers galegos cun alto nivel de interrelación: os blogastrónomos. Desa preparación xurdiron dúas conferencias de senllos expertos universitarios, Manolo Gago profesor da Universidade de Santiago e blogger gastronómico, e Irene García Medina, profesora da Facultade de Empresa e Comunicación da Universidad de Vic. Houbo tamén un diálogo con Ferrán Adriá, Rafael Ansón, Carlos Maribona e Pau Arenós, que tivo lugar nun auditorio repleto de xente e que continuou despois nunha sala xa reservada para os bloggers acreditados, máis de trinta fronte a so oito en Madrid Fusión.

Ao final deste encontro, no que Ferrán demostrou que ten as ideas moi clariñas respecto do fenómeno blog e Rafael Ansón demostrou un nivel de culto á súa propia personalidade propio dunha república bananeira, ao final da xuntanza, decía, presentouse o Código Cociña. O xestor da iniciativa, Manolo Gago, e os que despois colaboramos dalgunha maneira na súa redacción definitiva procedemos á súa lectura nos tres idomas dos presentes: galego, castelán e catalán para despois posar ante a cámara do amigo César R. Carril da guisa que xa vedes.

A adhesión a Código Cociña non vai cambiar nada, ou case nada, en Colineta xa que sempre se cumpriron aquí os preceptos do mesmo. Como autor do blog identifícome na súa cabeceira con nome e apelido, son autor de tódolos textos e fotos que publico, e no caso en que tomo traballo doutros e por medio de citas do autor, como no caso da foto que acompaña a este post. As poucas veces que tomo material prestado asegúrome de que sexa de libre uso ou estea sometido a unha licenza Creativa Commons e sempre libre de copyrigth, non permito comentarios que conteñan insultos, inxurias ou calumnias (en catro anos de blog tiven tres, do mesmo autor, no mesmo post e enviados un detrás do outro, práctica que me fai pensar nun posible autor)… e cumpro todo aquilo que se agarda dun xornalista profesional que a finais de 2008 cumprirá trinta anos no oficio. Cando algúns aínda xogaban co baby mocosete eu xa lle daba á tecla e ademais pagábanme por elo. Comprenderedes que non vou tirar unha traxectoria de trinta anos por unha trapallada propia, e tentarei sempre evitar que as trapalladas e mala fe de outros afecten negativamente ao meu traballo, eso si, sempre de fronte, a cara descuberta, cargado de razón e coas probas na man. Téñome arrepentido moitas veces na miña vida persoal, pero nunca na profesional (e Colineta é unha parte da mesma). Todo o que fixen volvería a facelo, se cadra algo mellor.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *