Grelos, tradición e innovación

Os idiomas fainos o pobo, que os fala e os escribe, e a correspondente Academia “límpaos, fíxaos e dálles esplendor”, como reza o lema da Real Academia Española, claro que non sempre o conto é así, e co galego semella que son algúns “iluminados ou seres superiores” os que crean o idioma para que despois os mortais nos vexamos na obriga de cambiar todo canto aprendemos co tempo, que xa supuxera un cambio anterior do que mamamos, falando en materia de idioma, claro está. Pode que o que digo non sexa certo, pero así o vexo eu, simple mortal galego falante e escribinte, e farto de normativas que me parecen artificiais.

Afortunadamente, de cando en vez os que manexan os fíos do idioma “oficial” dan directamente no cravo, como ven de pasar coa aceptación da palabra “greleira” por parte da Real Academia Galega (o procesador de textos acaba de sinalar o temo como incorrecto, pero xa lle farei eu que se vaia enterando de que os tempos cambian). O termo interésame máis que nada na súa forma substantiva, na que serve para referirse a esas mulleres que dobran as costas para apañar os grelos que despois gozaremos na mesa. Digo eu que se apañan nabizas tamén lles poderemos aplicar a mesma denominación, xa que “nabiceiras” aínda non foi aceptado pola RAG, e ademais non soa nada ben.

Pero non sei eu se o asunto non chegará demasiado tarde. Hai poucos días, o cociñeiro compostelán Gonzalo Rei, un dos compoñentes do Grupo Nove, preguntábame se os grelos tiñan futuro. A pregunta deixoume algo desconcertado, fundamentalmente porque estabamos na radio e o entrevistador era eu.

Di Gonzalo que ao paso que imos cada vez vai ser máis difícil atopar grelos en Galicia se a situación non se remedia. El mírao dende a óptica de Compostela, onde sempre teño dito que a xente do común non sabe distinguir unha nabiza dun grelo, e falo con case catorce anos de residencia na zona.

Hai tempo que en moitas zonas as nabizas e os grelos apáñanse a eito e chega ao mercado algo que nin é nabiza nin é grelo, cortado a coitelo e moitas veces cun anaquiño da cabeza do nabo pegado. Mal negocio, especialmente para o consumidor. Dende esta perspectiva, o futuro dos grelos igual non está en Galicia, senón noutras zonas onde se poidan cultivar, e xa me vai estrañando non ter visto aínda no mercado grelos producidos fóra de Galicia, con excepción duns que atopei en 2000 ao pé das torres xemelgas e dos que lles din conta nestas páxinas aló polos finais de 2005.

Agardemos que antes da chegada dese día reaccionemos os propios galegos e o cultivo de nabizas e grelos, apañados como se debe e no momento oportuno, se poida converter nun negocio de futuro, que é a maneira que temos de asegurarlle o futuro ao produto.

Neste tempo de Entroido e cocidos o grelo e compañeiro insubstituíble do galego. Pero non so de cocidos vive o grelo; iso sábeno ben os novos cociñeiros galegos, que non teñen reparo en poñelos cunha pescada ou un mero, xuntando no mesmo prato tradición e innovación.

Publicado en El Progreso o 2 de febreiro de 2008

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *