Que aproveite

Que aproveite”, “Gracias” é a conversa repetida á que se ven sometidos os ocupantes da mesa máis próxima á entrada-saída das tradicionais casas de comidas que aínda quedan no noso país e nas que segue a ser sinal de boa educación desexar bo proveito cando se entra e se sae do comedor.

Neste comedor case nunca se ven garabatas, e de haber algunha seguro que está no pescozo dun viaxante de comercio. O resto da clientela acostuma a estar composta de obreiros, oficinistas, xubilados da vila que quedaron na vida sen compaña familiar próxima. Ás veces algún tipo desentoa no ambiente. A súa cara, a súa maneira de vestir e de comportarse permiten descubrir que ese non é o seu ambiente de diario. Fíxense, esqueceuse de desexar bo proveito antes de coller mesa. É un urbanita que por casualidade caeu alí, inda que as veces non hai tal casualidade, senón coñecemento do sitio e toda a intención de comer o menú da casa.

Na casa de comidas non hai carta nin nada escrito ao respecto. A preceptiva lista de prezos que debe estar exposta ao público pode ser fiel reflexo da realidade do sitio ou pura aparencia. Aquí entrarémonos do que hai para comer cando o camareiro/a de quenda, xeralmente o propietario do local ou o seu fillo, nos recite a oferta do día: caldo, empanada, xurelos ou fanecas fritas, callos, caldeirada de maragota ou de bacallau, carne asada, pescadilla de rosca, churrasco ao forno, lingua, rabo… Non hai distinción entre primeiros e segundos, así que pida vostede o que máis lle apeteza, que a conta hanlla facer e función do prezo individual de cada un dos pratos consumidos, xa que non se atopa nun sitio de menú de prezo fixo, tres primeiros e tres segundos a elixir, bebida e sobremesa ou café, tantos euros, coma ou non coma.

Os clientes da casa de comidas, sen ningunha pretensión “gastronómica” na súa vida, buscan comer aquel caldo que tantas veces lles puxo na mesa súa mai, ou a carne asada con patacas fritas e pementos morróns do día da festa. Buscan, en definitiva, comida caseira. E polo comín atópana.

O menú que relatei antes non é un invento. É, máis ou menos, o que calquera día destes poden atopar en Curtiñas, casa de comidas emprazada en Urdilde (Rois), uns cinco quilómetros despois de pasar Bertamiráns camiño de Noia.

Dous pratos de comida caseira, unha cervexa e un café estarán entre 8 e 10 euros. Escribo cervexa con intención, xa que o viño é e barrica e non apto para tódolos padais. O viño e as sobremesas acostuman a ser a asignatura pendente deste tipo de locais.

Que aproveite”, “Gracias”.

Un comentario sobre “Que aproveite

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *