Un mundo marabilloso

Descoñezo cantas, pero nas festa de Nadal que acabamos de vivir foron moitos os miles de botellas de cava que se abriron no noso país, que inda que non sexamos especialmente afeccionados aos viños escumosos, o brinde é un costume que non pode faltar nesas datas. Moitas menos serían as botellas de champaña francesa, fundamentalmente por cuestións de prezos e falta de costume, ou dese estupendo viño escumoso que se está a producir en Valdeorras, o “cova” galego. Neste último caso a pequena produción, que dificilmente chega ao mercado, é a responsable.

Así que o normal é que polo Nadal brindemos con cava… e despois nos esquezamos del ata o ano próximo. Gran erro me parece a min renunciar durante todo un ano aos praceres que nos achega un viño tan especial como é o escumoso, que o mesmo acompaña un marisco que un peixe, unha carne que unha verdura.

Claro que nesto do cava en Galicia aínda vivimos cun certo descoñecemento da realidade. Nas pasadas festas a meirande parte das comidas e ceas se acompañaron de viños brancos ou tintos, viños “tranquilos” como se denominan no argot enolóxico, e so se abriron os escumosos no momento menos apropiado: para acompañar as sobremesas e para o brinde final. Non é de estrañar que nesas circunstancias, fartos de comer e beber, moita xente se reafirme na crenza de que non lle gusta o cava.

E escribo “crenza” de maneira deliberada, que unha cousa é o que ás veces cremos e outra a realidade. Se vostede está nese amplo grupo de xentes ás que non lles gusta o cava, ou o champaña, ou o noso “cova”, ou no daqueles que non lles gusta gran cousa ou son indiferentes a este tipo de viños, faga a proba ao revés do que acostuma. Terá vostede que abrir en primeiro lugar a botella de cava e comezar os aperitivos con este viño e continúe despois a comida co mesmo escumoso e, se quere, deixe un chisco, ou abra outra botella, para o brinde. Se despois desta proba sigue convencido de que non lle gusta o cava, non serei eu quen de discutirllo.

Cavas, o mesmo que champañas, hai moitos tipos e cada un pode acompañar mellor ou peor a certo tipo de alimentos. Así que o mellor é que, se desexa facer a proba anterior con acerto, atenda os consellos do responsable da viñoteca máis próxima, que seguramente poderá guialo na súa elección. Porque se no mundo dos viños tranquilos hai una enorme variedade, e non é o mesmo un albariño das Rías Baixas que un godello de Valdeorras, un mencía da Ribeira Sacra que un caíño do Ribeiro, no mundo dos escumosos non hai menos variedade, e non é o mesmo un cava catalán que estremeño. Xare-lo e parellada son dúas das variedades de uva máis empregadas na produción de cava catalán, mentres o “cova” galego se fai con godello. E non so varía a uva, tamén o fai o chan no que se crían, o clima, as horas de sol… pode que ao final o único que non varíe moito na produción dos escumosos sexa o método de elaboración, que máis ou menos ven a ser o mesmo en Francia, en Cataluña ou en Valdeorras.

Xa sei que me dirán que estas non son horas, ou mellor datas, para falar de cavas, “covas” e champañas porque falta case un ano para o próximo Nadal. É por iso, porque falta case un ano, polo que escribo agora sobre escumosos: a ver se fan a proba antes de que volvan as últimas festas do ano. Igual descobren un mundo marabilloso.

Publicado en El Progreso o 19 de xaneiro de 2008

Un comentario sobre “Un mundo marabilloso

  • el 23 de enero de 2008 a las 17:50 05Wed, 23 Jan 2008 17:50:45 +000045.
    Permalink

    Coincido contigo en que os escumosos (cavas, champagnes ou os que sexan) son os grandes descoñecidos e esquecidos. A min gústame moito, de cando en vez, acudir a un bo cava, sobre todo, para acompañar a cea.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *