Bois con tetos

Con frecuencia poden ler nesta sección queixas polo trato que moitas veces recibimos os consumidores cando nos dan gato por lebre, cousa que sucede con moita frecuencia, moita máis do que se debería permitir, inda que semella que algunhas normas están feitas á medida da industria alimentaria e sen ter en conta as necesidades e intereses dos consumidores.

Falo, por exemplo, desa permisividade no etiquetado dos alimentos, que indican que tal ou cal produto contén “aceites vexetais” e ata “graxas vexetais”, inda que as mesmas sexan un dos compoñentes fundamentais do mesmo, como é, por exemplo, o caso da margarina, na que so se indica o tipo de “aceite” ou “graxa” cando supón unha cualidade positiva, como no caso das que conteñen aceites de oliva, xirasol ou millo. Basta con que leven un tres por cento de calquera deses aceites para que xa apareza citado na etiqueta, mentres que os de palma ou coco, que poden supoñer preto da metade do que hai na terrina, xamais se citan.

Claro que ás veces semella que algunhas empresas queren empezar a cambiar as cousas. Estes días puiden ver nun supermercado unhas tostas, desas que empregamos para os patés, que declaraban na súa etiqueta aceite de palma. Un detalle, pequeno, dunha gran multinacional que ten no mercado ducias doutros produtos nos que segue a declarar aceites e graxas sen identificación.

Tamén teño visto a situación absurda de que un establecemento ofreza nos seus andeis “pementos de Padrón”, en tempada ou fóra dela, e atoparme despois con que o propio envasador se limita a etiquetalos como “pementos pequenos para fritir”, sen mención á localidade coruñesa. Os consumidores temos aínda moito camiño por andar ata converternos en corresponsables do que sucede, reclamando cando é preciso e rexeitando os gatos cando queremos mercar lebre.

Dende esta posición de denuncia, non poido menos que aledarme do éxito editorial que está acadando o último libro gastronómico aparecido no mercado galego. Publicado por unha editorial leonesa (Everest) e escrito por un cociñeiro italiano (Flavio Morganti), trátase dun libro ben galego. Flavio é italiano de nacemento, pero galego de adopción: entre as moitas dedicatorias hai unha a Porto, no concello ourensán de Vilar de Barrio, “o meu pobo de adopción”, escribe Flavio, que leva décadas en Galicia e ten aberto un dos restaurantes con máis éxito da provincia de Ourense: o Galileo.

Na súa obra, Morganti defende a identidade das vacas como animal moi próximo ao ser humano, ao que proporciona leite, queixos e manteiga, carne e traballo. Nun tempo foi ata calefacción para a casa, como moi ben sabían os labregos de antano.

E como non podía ser menos no caso dun cociñeiro, o libro contén un bo número de receitas elaboradas con carne de vaca (68) e unha, que fai a número 69, con testículos do touro.

Eu concordo con Flavio Morganti en que como a carne de vaca non hai nada, naturalmente dentro do mundo das carnes vacúas. A tenreira, moi especialmente a galega, está moi ben para a cociña doméstica de diario, pero cando un quere gozar de tódolos sabores e texturas da carne non queda máis remedio que un bo anaco de vaca. ¿E do boi qué? Preguntará algún lector. ¿E logo, queda algún ao noso dispor? pregunto eu, consciente de que se hai algún boi en Galicia acabará irremediablemente nas mans dun cociñeiro vasco.

Unha porcentaxe altísima da carne que se ve nos escaparates dos restaurantes e se vende como boi é vaca. Galega, por máis señas. E de gran calidade. Flavio Morganti deu un primeiro paso firme para dignificar o papel da vaca nas nosas vidas. Agora somos os consumidores os que temos que esixir.

Publicado en El Progreso o 29 de decembro de 2008.

Un comentario sobre “Bois con tetos

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *