Menú de Nadal

“Felicidades para ti en esta Navidad, te digo al ritmo de alegre chachacha” cantaba en tempos Celia Cruz acompaña pola Sonora Matancera, o grupo que dirixía o galego Rogelio Martínez e co que a artista habanera acadou o estrelato, en Cuba antes da Revolución e fóra despois dela. Cada mes de decembro recupero o disco que contén esa canción (Chachacha de la Navidad), xunto con outras dedicadas ao mesmo tema por artistas cubanos da talla de Compay Segundo, o Conjunto Matamoros, Ñico Saquito, Miguelito Cuní, Félix Chappottín… todos grandes estrelas. “Nochebuena en La Habana”, se titula a recompilación.

Doce temas contén o disco. Nun deles a propia Celia Cruz fala dos motivos relixiosos do Nadal. Nos outros once fálase de comer leitón, “guanajo relleno”, “frijoles negros”, tostones, iuca con mollo de allo e outras delicias do Nadal cubano. E fálase tamén de bailar, como non pode ser menos en Cuba. “Vino con sabor a uva, bastante sidra de España” conta unha das cancións.

Quero hoxe escribir sobre a cociña do Nadal pero levo case medio artigo e aínda non vou entrar en materia, xa que esa “sidra de España” faime lembrar unha bebida típica da Habana na década dos cincuenta: o “España en llamas”: mestura de sidra e coñac, mestura aquí descoñecida e alí moi popular.

Pero volvendo coa cociña de Nadal, cada país ten os seus propios costumes tradicionais para estas datas, inda que dun tempo a esta parte parece que os costumes se van relaxando.

Se os madrileños comen polas datas navideñas a sopa de améndoas e o “besugo al horno” (ben, este xa o comen moi poucos, que o prezo do ollomol anda habitualmente polas nubes e no Nadal chega á estratosfera) noutras terras o costume pasa polo cardo, unha verdura que en Galicia resulta máis exótica que algúns elementos da cociña chinesa por moito que o cardo estea aquí ao lado e China no outro extremo do mundo.

Os galegos temos tamén os nosos vellos costumes para estas datas. Bacallau con coliflor ou con repolo, compota de mazás ou peras… verdadeiras obras de arte da cociña popular que pouco a pouco van caendo en desuso. O bacallau é común pola Noiteboa en moitas mesas, non so galegas senón do resto de España, cousa que chama atención a moita xente. Trátase dun costume nacido en tempos pasado, cando o 24 de decembro era día de vixilia, ou dito con maior propiedade, de abstinencia, o que supoñía a prohibición relixiosa de comer carne a todo aquel que non pagaba a bula correspondente.

Pero dun tempo a esta parte semella que os galegos estamos renunciando ao bacallau e substituíndoo polo marisco que se agora está en comida, tamén está nos prezos máis altos do ano. E despois dos froitos do mar chegan á nosa mesa os bos peixes galegos, seguidos cada vez máis do cordeiro e o leitón. E miren por onde volvemos ao comezo mentres escoito a Cheo Marquetti y su Septeto cantar o seu tema navideño “A comer lechón”.

Artigo publicado en El Progreso o 15 de decembro de 2007

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *