Chicote xa ten axudante no ceo

Hai máis de dous anos daba aquí a nova do peche de La Puerta del Sol, o mítico establecemento de A Estrada especializado en cócteles. Chegara o día da xubilación para os seus propietarios, que non atoparon quen continuará cun negocio que aparentaba, polo aspecto do local, estar totalmente desfasado, pero que en fins de semana se enchía ata reverter.

Hoxe leo na Voz de Galicia que Elena, a simpática propietaria do establecemento, que preparaba os cócteles, faleceu o xoves.

La Puerta del Sol era un deses locais decadentes (ía escribir de aspecto decadente, pero non so era o aspecto), decorado ao estilo das cafeterías “finas” de vila dos anos sesenta e setenta, con dominio do “skay”.

Cada vez que entraba alí lembraba inevitablemente “Amarcord“, unha das grandes películas de Fellini, que podería incorporar o local e os seus personaxes a calquera das súas películas. Feliniano era vez a Elena, con máis de 70 anos, detrás da barra preparando os seus cócteles, pero máis feliniano aínda era ver ao seu marido cunha “chaquetilla” inmaculada disposto a servir, hierático coma un maiordomo inglés, as bebidas e os inevitables cacahuetes que as acompañaban, así coma un pan con tomate sinxelamente marabilloso.

Sen dúbida La Puerta del Sol merecía un lugar nesa historia das tabernas galegas que Álvaro Cunqueiro comezou a escribir, pero que non rematou nunca. Pódense ler os artigos sobre cinco tabernas en “El Pasajero en Galicia” (Editorial Tusquets), unha selección de artigos xornalísticos do mestre de Mondoñedo recompilados por César Antonio Molina.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *