Aínda falta Gourmetour… con sorpresa galega

Como anunciamos hai poucas horas, os reis magos (¿ou habería que escribir vagos?) da Guía Michelín chegaron este ano en Galicia ata Cambados e Santa Comba con novidades e deixaron aos sete restantes como estaban. ¿Satisfeitos?. ¡Nunca!

Xa escribín que me sorprende a estrela de Yayo Daporta pola rapidez da mesma. Non se trata de que Yayo non a mereza, senón de estrañeza na velocidade a que a guía decide galardoar ao restaurante de Cambados mentres outros con máis pouso, coma Pepe Vieira, La Estación, Galileo… seguen a agardar pola súa. Así que nos sabe a pouco, por moito que me alede especialmente a estrela do Fogón Retiro da Costiña, un restaurante que descubrín ás presas o 25 de xullo de 1993.

O Retiro da Costiña é o único restaurante do que lembro a data da miña primeira visita, que foi por causalidade, nunha viaxe de Compostela a Muxía no que, polas presas, decidimos para no primeiro sitio que atoparamos no camiño. Demos co sitio en Santa Comba e acodámonos na barra. “Déanos algo rápido de comer aquí mesmo, que levamos moita présa. Un pouco de xamón (estaban guindados fronte a nos) ou calquera outra cousa”, pedimos ao que estaba detrás da barra, que resultou ser Xesús, o dono.

Non houbo maneira de convencelo e acabamos no comedor, no que definitivamente nos convenceu coa súa cociña. Saímos escopeteados cara Muxía (chegamos a tempo de embarcar cuns amigos da vila para a procesión do Carme) pero prometendo volver. Houbo que viaxou dende Madrid, algún tempo despois, para repetir a experiencia con máis tranquilidade.

Pero volvamos coa estrelas. Xa dixen que penso que Galicia merece algunha máis, pero se comparamos co global de España resulta que este ano case podemos dicir que somos os grandes gañadores. O conxunto do estado gaña 15 estrelas e perde 9, quedando un balance positivo de +6 estrelas. Galicia non perde ningunha e gaña dúas, cun balance positivo de +2, o que supón un terzo do resultado positivo estatal. Se Rajoy e Feijoo lera Colineta xa me estaban copiando o razoamento.

Pero non todo é guía Michelín. A asociación que xunta aos xornalistas galegos de turismo entregou na noite do martes os seus premios. Pepe Solla foi considerado o mellor profesional da cociña do ano, mentres Marcelo Tejedor recibía o premio ao mellor prato do ano polo seu “cafetocaldo”. Tamén foron premiados o restaurante España, Nacho Costoya como mellor sumiller, A Sortes, Os Peperetes e outros moitos que podedes ver na lista completa que publica Matemáticas, Paladar y Fogones. Deixo que Elena, que estivo na gala de entrega, o conte, xa que eu falo de oídas.

Despois da decepción da Guía Campsa (sigo sen entender cómo lle quitan o sol a Marcelo), e as medias satisfaccións da Michelín, quédanos a esperezanda de ver como nos trata a Gourmetour. Poido adiantar que, polo menos, nos van a dar un gusto: Eduardo Pardo, de Casa Pardo (A Coruña) será o mellor maitre do ano.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *