Cociñando cogomelos con Héctor e Gonzalo

Rematou a primeira fin de semana dos obradoiros de cociña do programa “Santiago de Compostela. Repetirás” e, aínda que non son o máis indicado para facer balance, xa que me atopo metido na organización, penso que os dous primeiros obradoiros merecen, polo menos, un notable alto. Claro que estou aberto a calquera crítica. Houbo fallos que tentaremos corrixir en sucesivas edicións.

Comezou a temporada de cinco meses de talleres Héctor López chef e propietario do restaurante España, de Lugo, que contou cun axudante de luxo: Gonzalo Rey, do compostelán El Mercadito.

Héctor López cociñou catro pratos:

Salteado de cantarelas con moegas
Arroz cremoso con níscalos e ovo escalfado
Bacallau ao pil pil con boletos
Figos recheos de cantarelas

Tódolos pratos preparados polo cociñeiro foron probados polos asistentes, que enchían a sala. Non se cociñaron grandes cantidades, pero si suficientes para que todos puideran probar.

En todo momento o cociñeiro estivo aberto a contestar as preguntas dos asistentes, que foron moitas e que en todo momento recibiron resposta, o mesmo que sucedería o domingo no taller protagonizado por Gonzalo Rey, propietario e chef de El Mercadito (Santiago de Compostela).

Gonzalo Rey cociñou tres pratos:

Escuma de pataca con pisto con cantarelas e ovo
Arroz cremoso con boletos e foie
Porquiño asado con cogomelos e aire de laranxa

Este segundo taller tivo un compoñente máis técnico que no caso de Héctor López, dado o emprego dalgúns aparatos de cociña, como o ronner, non dispoñibles na cociña dun fogar. En calquera caso, Gonzalo Rey explicou as alternativas domésticas a este tipo de elementos de uso exclusivo profesional, explicando por exemplo como se poden cocer ovos a baixa temperatura no fogar.

Para rematar a súa intervención, Gonzalo Rey deu unha expliación sobre a xarda, distinguindo entre a autóctona das nosas costas e a da variedade “xapónica”, de moi inferior calidade. O asunto veu a conto pola intención frustrada de elaborar un cuarto plato a base deste peixe, que finalmente non había no mercado.

Boa proba do interese do público asistente aos obradoiros polo que alí se explicou foi o continuo diálogo cos cociñeiros e o feito de que rematados os talleres a gran maioría dos asistentes se achegaran aos profesionais da cociña para resolver as últimas dúbidas. No taller de Gonzalo Rey estivo presente a responsable de Cocinalia, que seguramente dará no seu blog unha visión máis documentada que esta miña.

A próxima fin de semana preséntase tamén saborosa, con excursión micolóxica na mañá do sábado e talleres con Daniel Punzoni e Pedro Roca na tarde do sábado e a mañá do domingo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *