Vive la France

Vaia por adiantado a miña admiración por Francia, moi especialmente no culinario. Basta o carro de queixos antes da sobremesa para cativarme, por non falar de moitas outras cousas.

Pero unha cousa é que me guste Francia e outra que me pareza ben o que algúns, supoño que afrancesados, tentan facer co idioma galego.

Hoxe escoitei na radio o anuncio dunha cadea galega de supermercados que ofrecía, entre outras marabillas TON. Supuxen que se refería a ATÚN.

Tamén na radio, fundamentalmente na Radio Galega, escoito con frecuencia referencias ao SUCRE, é dicir, ao AZUCRE.

E para completar, tamén se ven con frecuencia receitas de SALADA, que en galego diríamos ENSALADA.

Curiosamente en dous casos o termo galego é igual que o castelán que define os mesmos produtos. No outro caso, o do azucre, son ben parecidos.

Supoño que algunha cabeza mal amoblada prefire inventar un galego que se asemelle ao francés antes de permitir que o idioma real se asemelle ao castelán. Deberían saber que os idiomas fannos os seus falantes, nunca as academias, os filólogos ou as autoridades. O noso idioma resistiu séculos escuros na boca dos labregos, pero xa veremos se soporta tanta “ilustración”.

“Merce”.

3 comentarios sobre “Vive la France

  • el 31 de octubre de 2007 a las 09:41 09Wed, 31 Oct 2007 09:41:31 +000031.
    Permalink

    No primeiro caso que citas a influencia francesa é evidente. Igual ten que ver coa tendencia a pensar que calquera producto alimentario ou gastronómico parece ter máis categoría ó chamarlle “á francesa”.

    No segundo caso igual é máis un hiperenxebrismo. Non o sei.

    Pero no terceiro, coido que o referente inmediato é a Salada portuguesa, antes que a Salade. Non sería o primeiro caso no que a palabra ou a expresión orixinalmente galega é substituída polo equivalente portugués. Sen ir máis alá, o outro día lle oín a Superpiñeiro dicir que “gostaba moito” de nonseiqué.

    Respuesta
  • el 02 de noviembre de 2007 a las 09:22 09Fri, 02 Nov 2007 09:22:27 +000027.
    Permalink

    Sorpréndeme amigo Miguel, que te alporices por 3 palabras, de orixe galo e unha lusa, cando calquera deses programas aos que te refires está inzado de castelanismos, e non quero lembrarme da fala dos políticos que podería clasificarse como “calquera cousa”.

    Concordo contigo en que hai que coidar a lingua, pero non é o seu meirande problema o frances, nin o portugues.

    Sen ánimo de polemizar ;-).

    Respuesta
  • el 02 de noviembre de 2007 a las 09:42 09Fri, 02 Nov 2007 09:42:32 +000032.
    Permalink

    Pois amigo Makeijan, non te sorprendas tanto. O problema non é unha nin tres palabras, nin o francés, portugués ou castelán. O problema son as actitudes.
    Certo que a fala, dos políticos, dos medios de comunicación e de todos nos, está chea de castelanismos, unha eiva que arrastramos deses séculos escuros dos que falo e que resulta complicadísimo quitarnos de enriba.
    Os enemigos do galego tentaron por tódolos medios que desaprecera e non o lograron. Eu, que son máis vello ca ti, lembro a miña nenez na que na escola so se podía falar castelán, o mesmo que coas autoridades e o cura. En caso contrario a labazada era segura. Na televisión (so nos chegaba a primeira cadea, o UHF era para os señoritos da cidade) so se falaba castelán, o mesmo que na radio (so nos chegaba Radio Nacional de España) e no cine. O galego quedaba para a casa… cando nela se falaba. Polas malas non conseguiron nada… do que buscaban: hoxe non se apean do galego moitos dos meus amigos e as súas familias que entón so falaban castelán.
    A situación actual, que eu traio ao meu post, é radicalmente diferente. Non se trata dos defensores da “lengua del imperio” os que atentan contra o galego, senón algúns que pensan que coas súas accións defenden mellor o noso idioma. A “caza” do castelanismo estana a converter nunha caza de bruxas na que todo o que sone a castelán hai que subtituílo por outra palabra, inda que soe a francés ou mohicano, tanto ten con tal de diferenciarse do castelán. Dende logo hai moitos riscos: igual tentar cambiarnos a palabra “morriña”, que tamén aparece no Diccionario da Real Academia de la Lengua Española.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *