Adegas Galegas

Con so doce anos de idade e malia non estar no top da popularidade, o Grupo Galiciano, cuxa matriz é Adegas Galegas (Don Pedro de Soutomaior, Veigadares, Gran Veigadares) destaca polo seu dinamismo e o interese en achegar a o mercado produtos cun selo propio moi definido, con moi ben dixo a súa cabeza visible, Pepe Rodríguez, na visita que realizamos á adega en compaña dun grupo de xornalistas vigueses. O obxectivo era presentar os datos da vendima 2007, pero houbo máis.

Despois dos discursos, explicacións e reparto de papeis, e tras unha rápida visita á adega, na que a estrela foi o filtro de mosto da segunda fotografía (alguén dixo “Se Adriá ve isto rápido inventa algo, unha lasaña”), pasamos ás palabras maiores, é dicir, unha degustación dalgúns dos caldos da adega.

Comezou a cousa cun Don Pedro de Soutomaior Neve, o único viño galego (posiblemente tamén o único español) elaborado polo sistema de maceración carbónica que, segundo explicaron, resulta moi caro e por iso non se emprega máis… e a produción deste Don Pedro de Soutomaior Neve de 2007 se limitará a 18.000 botellas. Se a maceración da uva, que se realiza sistematicamente nesta adega con toda a súa produción, realza os aromas dunha variedade como a albariño que non destaca precisamente pola súa intensidade aromática, a maceración carbónica faino nun grado aínda maior, co engadido de que ademais aparecen aromas novos, debidos en parte a queimadura que a neve carbónica causa nas uvas que están máis en contacto con ela. O viño que probamos na adega era, certamente, un prodixio de aromas frutais e resultou moi apreciado por tódolos presentes.

Seguiulle un Veigadares, tamén moi aromático pero que en boca que pareceu algo doce, seguramente porque aínda non levaba en botella todo o tempo preciso para a súa evolución. Non debemos esquecer que cada día queda máis claro que os albariños (igual que os godellos de Valdeorras) evolucionan moi ben en botella e están mellor no segundo ano que no primeiro.

Despois do Veigadares chegou a primicia do ano: un Don Pedro de Soutomaior Neve da colleita de 2007. O viño aínda está en proceso de elaboración, sen filtrar nin embotellar; tamén me pareceu algo doce, pero o potencial aromático estaba ben presente na copa.

Para rematar chegou un magnum de Gran Veigadares, famoso por ser o viño branco (tranquilo) máis caro de España, e que so se elabora cando a calidade da uva é verdadeiramente excepcional, como excepcionais é en sí o viño.

Naturalmente, a degustación foi a parte máis entretida da visita á adega, pero tamén saíron da mesma algúns datos sobre os que reflexionar. O primeiro que a colleita de Adegas Galegas en 2007 foi un 40 por cento inferior á do ano pasado. Os responsables da adega insistiron en que estabamos a comparar unha colleita escasa (2007) con outra excepcional (2006), pero o certo é que a de 2007 foi a máis escasa dos últimos seis anos.

Como era de agardar ante semellante dato, falouse do prezo do viño, asegurando os responsables de Adegas Galegas que non hai motivo para unha subida e citando incluso as declaracións no mesmo senso do presidente da denominación de orixe Rías Baixas. Xa se verá.

Inda que non se trata dun produto de Adegas galegas, pero si do grupo Galiciano, quixen saber cantas botellas sairán este ano ao mercado do escumoso, “cova”, Danza: serán 8.000, pero non vai ser fácil atopalo xa que a demanda supera á produción. Segundo Pepe Rodríguez, aspiran a chegar a producir 30.000 botellas deste escumoso elaborado en Valdeorras con viño godello.

¿Porque facer un escumoso con godello, que cada día ten máis sona e mellor mercado? preguntaría calquera, pero Pepe Rodríguez non da tempo a facer a pregunta e explica que o godello mantén unha gran dependencia da D.O. Rías Baixas: cando a colleita de albariño é moi grande e baixan os seus prezos resulta difícil vender o godello. Un produto único, coma o Danza, ten o seu mercado asegurado sen dependen dos sube e baixa do albariño.

2 comentarios sobre “Adegas Galegas

  • el 24 de octubre de 2007 a las 21:01 09Wed, 24 Oct 2007 21:01:51 +000051.
    Permalink

    Creo que en Prada a Tope hai uns anos andaban cun viño de maceración carbónica, non sei se deixaron de experimentar.

    Respuesta
  • el 25 de octubre de 2007 a las 06:25 06Thu, 25 Oct 2007 06:25:07 +000007.
    Permalink

    En Rueda tamén fixeron probas, pero segundo Pepe Rodríguez parece que o deixaron.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *