Temos que mellorar

Por fin a gastronomía comeza a ser considerada polos galegos, refírome aos empresarios e institucións da terra, como un dos principais reclamos turísticos que aquí temos. Nin un so visitante que chegue a Galicia marcha da nosa terra sen dicir aquilo tan socorrido de “que ben se come aquí”.

O curioso e que o din incluso nos casos en que realmente comeron mal, inda que eles mesmos non o saiban. Por que o certo é que unha parte da nosa “industria” gastronómica, especialmente nas zonas máis turísticas, non ten o menor reparo en “sablear” ao turista sen pensar no mal que lle poden facer ao país. Son verdadeiros oportunistas que so buscan diñeiro rápido… os que lle cortan o pescozo á galiña dos ovos de ouro.

Afortunadamente, comezan a ser cada vez máis comúns iniciativas doutro tipo, como as dúas que se desenvolven nesta días ligadas ao turismo rural: “Outono gastronómico en turismo rural” e “Cómete o viño”.

O “Outono gastronómico en turismo rural” impulsado por Turgalicia, ofrece a posibilidade de coñecer a cociña de sesenta casas de turismo rural por un prezo fixo de 25 euros por persoas. O problema aparece cando se consultan os menús que se ofrecen: a primeira vista propostas vulgares, que demostran pouco interese en sorprender ao cliente. Dende logo, ningún dos menús que teño visto na carta me atrae o máis mínimo, sendo como é o outono unha época propicia para sorprender na mesa. Falta traballo por parte dos responsables de cociña destas casas rurais, que non poden conformarse con ofrecer caldo e cocido, poño por caso, por moito que sexa o cocido o prato único que levaría comigo a unha illa deserta.

Tamén pode pasar que, sentados á mesa dunha calquera destas casas rurais os resultados sexan espléndidos e o único que falle sexa a comunicación previa.

A outra campaña, “Comete o viño”, depende da Asociación de Profisionais de Turismo Rural Lugosur e agrupa a 14 establecementos da zona sur da provincia de Lugo que, ata o 2 de febreiro ofrecerán menús de caza maior e menor elaborados cun elemento común: a presenza do viño da Ribeira Sacra en todas e cada unha das receitas. Dese uso ven o lema, certamente desafortunado e malsoante, froito ademais dunha mala traducción. Aposto os dedos da orella a que o lema foi concibido en castelán (“Cómete el vino”) e de seguido mal traducido ao galego. Un mal lema, sen dúbida, pero unha idea interesante, pouco difundida e mal comunicada: na páxina web da asociación non hai maneira de saber qué nos ofrece cada local nin a qué prezo, polo que non queda máis remedio que facer catorce chamadas ou botarse á estrada sen saber como vai acabar a cousa.

As dúas iniciativas me parecen moi interesantes… pero tamén moi mellorables.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *