Amorodos de verán… e de outono

Hoxe atopei uns estupendos amorodos na Praza de Abastos de Compostela. Naturalmente galegos. E lembrei que o ano pasado xa escribira sobre a temporada desta froita no noso país, pero o buscador de Colineta so me devolvía un post sobre amorodos belgas, así que busquei no disco duro do ordenador e, naturalmente, atopei o que buscaba. Un artigo publicado en agosto de 2006 na miña sección semanal de El Progreso (lamentablemente a miña colaboración non está on line), que reproduzo de seguido.

“AMORODOS DE VERÁN

Coa primavera chegan ás froiterías e supermercados os amorodos procedentes dos cultivos de Andalucía, que grazas ás súas condicións meteorolóxicas e o cultivo baixo plástico consegue sacar esta froita ao mercado antes que ningunha outra zona produtora de Europa.

O dominio andaluz no cultivo do amorodo é esmagador, con preto do 94 por cento do total que produce España. Despois van Cataluña e, moi preto, Galicia, pero con cantidades practicamente insignificantes fronte ás andaluzas: se esta comunidade rolda o cuarto de millón de toneladas anuais, Cataluña e Galicia superan en pouco as cinco mil toneladas cada unha.

Claro que a vantaxe andaluza é tamén o seu hándicap, e cando os calores do verán comezan a apertar no sur, a produción de amorodos desaparece pouco a pouco, deixando o mercado libre para os procedentes doutras latitudes. Así, este verán puidéronse ver en Galicia amorodos procedentes de Bélxica, a un prezo moi razoable e cunha calidade e presentación mellor que a dos produtos procedentes do sur de España, todo hai que dicilo.

En agosto case non se ven amorodos nos mercados. E digo case porque quen busca atopa, e atopa amorodos de gran calidade inda que o prezo xa non sexa o das épocas de abundancia de finais da primavera. Algunhas explotacións galegas seguen producindo esta deliciosa froita ao longo de todo o verán, e os prezos que acada no mercado semellan do máis atractivo: no arredor dos tres euros por quilo.

O que resulta inexplicable é que, pechada a produción do sur pola calor (“el género dentro, por la calor”, rezaban os escaparates madrileños en agosto antes de que foran refrixerados), e con todo o mercado á súa disposición, os produtores galegos de amorodos non opten decididamente por producir masivamente nos meses de verán, aproveitando ademais o tirón do turismo e as vacacións, durante as cales nada nos parece caro. Os prezos, xa se dixo, parecen suficientemente atractivos como para intentalo.

Igual o que falta entre nos é iniciativa. Galicia sempre foi produtora de froitas de altísima calidade, pero as variedades autóctonas (a pasada semana falamos das peras urracas) foron substituídas por outras máis comerciais, máis produtivas, sen pensar que ao mellor non é en cantidade e en prezo no que debemos competir, senón en calidade. Dificilmente poderemos acadar nunca as cifras de produción de amorodos de Andalucía, pero podemos producilos cando ninguén os saca ao mercado. Tampouco imos competir coa produción de peras ou melocotóns de Aragón ou Cataluña, pero temos variedades propias de altísima calidade, e resulta que no mundo actual pódese competir con prezos baixos ou con gran calidade, que para todo hai clientela.

Mentres, os amorodos galegos de agosto seguen chegando de cando en vez ás miñas mans para facerlles as honras pertinentes. Son moitas as maneiras en que se poden preparar os amorodos, pero eu prefiro unha ben sinxela e que permite apreciar o aroma e sabor da froita en toda a súa plenitude: con azucre e un chisco de vinagre, deixándoos macerar dous ou tres minutos antes de consumilos. Ben fresquiños son unha delicia no verán.

E agora que chega setembro, están os figos en comida, e tampouco son cousa de desprezar, por moito que centos de figueiras galegas queden sen apañar, como sen apañar quedan as amoras nas silveiras, que tamén están no seu momento óptimo e que serven para elaborar unha das xeleas máis deliciosas que teño probado. Pero iso queda para outro momento.”

2 comentarios sobre “Amorodos de verán… e de outono

  • el 11 de octubre de 2007 a las 18:33 06Thu, 11 Oct 2007 18:33:05 +000005.
    Permalink

    Unha pequeno cambio de tercio absurdo…

    É curioso coma Google Ads insiste en que coñezamos a todos os outros parentes de Colineta:
    Colin Firth
    Colin Alexander
    Colin MacRae

    Hehehehe…

    Respuesta
  • Pingback: Fresa – Sin Objetivo

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *