Vela festa, que hai requeixo

Requeixo da Capela (esquerda) e das Neves (dereita)

O próximo domingo A Capela, moi preto de Pontedeume, celebra a décimo novena edición da Festa do Requeixo, o quinto queixo de Galicia por moito que algúns, máis preocupados do BOE que da realidade, queiran facer del outra cousa. O problema é lingüístico e absurdo.

Alguén quixo un día traducir “requeixo” ao castelán e saíulle “requesón”. E fodeuna. Non sei porque en castelán non se pode dicir “requeixo” e si “mozzarella”, ou “gongonzola”, “maasdamer” e ata “ratatouille”.

O asunto é que a normativa di que o “requesón” elaborase co soro que queda despois de facer o queixo. Cállase de novo e aí temos o “requesón”, considerado coma un subproduto do queixo.

Nada que ver co noso requeixo, que se elabora con leite de vaca enteira. Na Capela, o mesmo que sempre se fixo no Cadramón (O Valadouro), de onde procede un requeixo para min mítico, callase o leite por efecto da temperatura, mentres nas Neves (Pontevedra) fano con callo natural. Deixase repousar a callada, retírase a tona e o resto métese en saquetes de lenzo que se colgan para que escorra o soro. Unha vez escorrido, agregase de novo a tona e amásase á man para romper a callada pero deixando que queden pequenos gromos. E vai xa para o prato, co engadido de azucre ou mel e tómase na sobremesa.

Eu prefiro a neutralidade do azucre. E se cadra unhas gotas de coñac polo medio, que lle vai moi ben. Meu pai poñíalle un chisco de viño tinto e o requeixo volvíase dunha bonita cor lila.

No norte de Lugo un bo e abundante requeixo na mesa da festa do patrón sempre foi sinal de prosperidade e boa educación. Lean senón o que conta Cunqueiro sobre a elección entre requeixo e colineta.

O requeixo das Neves é algo diferente do que se elabora na Capela ou na Mariña de Lugo. Alguén definiu moi ben a diferenza: o da Capela e da Mariña é un requeixo para comer con culler, o das Neves cómese con garfo. É así porque nas Neves escorren máis a callada e queda un requeixo máis sólido, que o mesmo serve para sobremesa cun pouco de mel que para o aperitivo acompañando un bo xamón, por poñer un caso.

O asunto é que o 26 de agosto hai festa do requeixo na Capela (75 céntimos a terrina de 250 gramos). Aconsello ademais o queixo do país da cooperativa Campo Capela: insuperable.

E se queren saber algo máis do requeixo pódense pasar o xoves 23, as cinco da tarde, pola Casa da Cultura da Capela, onde haberá mesa redonda con representantes de Medio Rural, dos concellos da Capela e As Neves, a cooperativa da Capela, a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago, o escritor Xavier P. Docampo e eu mesmo.

2 comentarios sobre “Vela festa, que hai requeixo

  • el 22 de agosto de 2007 a las 16:00 04Wed, 22 Aug 2007 16:00:01 +000001.
    Permalink

    Cando morreu Fermín Penzol, un artigo na Voz de Galicia, decia que nacera na mais irredenta das Galicias, esa que non ten dereito a chamarse po lo seu propio nome.
    Isto ven a conto, porque eu considero que vivo nunha desas partes da Galicia irredenta, no occidente de Asturias, ó pé da Ria do Eo, e quero recordar que nesta zona, tamén existe un fenomenal requeixo, e sobre todo si se lle bota zucre, e non sal, coma ten feito nalguna ocasión un que eu sei…

    Saudos

    Respuesta
  • el 22 de agosto de 2007 a las 23:57 11Wed, 22 Aug 2007 23:57:12 +000012.
    Permalink

    Eu tomo o requeixo en Arbo e botolle vinho.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *