A Estación-Blogastrónomos 6-0 6-0 6-1

Enorme expectación a vivida o 7 do 7 do ano 7 na pista central de A Estación, en Cambre, onde se xogou a terceira final das Xantanzas Blogastronómicas. Sen dúbida un partido desigual. Dun lado Juan Crujeiras, convertido en aguia bicéfala grazas ao tándem Crujeiras-Sotelo, e do outro dezaseis blogastrónomos ávidos de permitir que o equipo local amosara os seus mellores saques.

Para entrar en calor unha degustación de aceites (dous), acompañados de sal maldon e dous tipos de pan: de trigo e de millo. O primeiro espléndido acompañante dos aceites, mentres que o de millo como pan era estupendo, pero como acompañante de aceites non me convenceu nadiña. Unha parella desigual na que o peso do xogo lévao por completo o pan e o aceite semella estar alí de comparsa.

No comezo do partido o equipo de Crujeiras saíu a matar e colocou un impresionante ace derriba da mesa: Bombón de foie-gras de parrulo e chocolate especiado. Despois do ¡¡¡ooooooooh!!! de rigor, os os blogastrónomos abandonaron a raqueta e, ocupando as bancadas do público, comezaron os cánticos rituais: “Todos queremos máis… e máis e máis e moito máis”.

Acompañando ao marabilloso bombón, un Carpaccio de polo piñeiro e cítricos. Unha suave carne de polo autóctono galego mariñado cun cítricos que aportaban un explosivo toque de frescor. Primeiro punto para o servizo e emoción desatada dos blogastrónomos, coa consecuencia de que a fotografía sae desenfocada.

A todas estas polas copas dos presentes andaba Moraima o último dos viños das Rías Baixas chegado ao mercado, cun presente delicioso e un prometedor futuro.

Medrados polo éxito do primeiro punto, o equipo local acomete o segundo xa con toda a súa artillería: Sardiña mariñada con queixo de Arzúa e tomate. Espléndido o lombo de sardiña, que entre nos seus mellores momentos, acompañado de queixo de Arzúa e tomates secos. E cando os comensais estaban dispostos a restar a bola acometendo a sardiña garfo en man, a camareira comeza a afogar o peixe co líquido dunha xarra que semellaba auga da fonte, cando en realidade se trataba dunha esencia cristalina de gazpacho oficialmente denominada auga de tomate. Estupenda a combinación da sardiña coa auga, pero para o meu gusto sobraba o queixo, non porque distorsionase o prato, senón porque parecía estar alí so para facer vulto. Xa, xa sei que me repito máis que as cebolas (mirar o post da primeira xantanza), pero que queren que lles diga se resulta que a min o queixo nestes pratos non me di nada.

Con dous puntos a favor e cero en contra xa non había quen lle tusira ao equipo local, que se descolgou cun Atún á prancha con salsa de iogur con lima y aguacate, no que o cítrico daba un perfecto contraste a un peixe preparado no seu punto: sellado pola temperatura no exterior e cru no centro.

E chegou o momento dun mate esmagante. Cantou un galo afastado cando entrou na pista a que para min foi a gran estrela do partido: Canelón de polo piñeiro con salsa de olivas negras. ¡Entrou, entrou! Cantou entusiasmado o blogastrónomo ¡e como entrou aquel canelón cun suave recheo de polo piñeiro!. Quedaba clara abrumadora superioridade sobre o campo do equipo local, pero alí ninguén abandonaba, á espera de novas emocións.

E chegou a seguinte xugada maxistral do Mero, mexillóns, coprinus e emulsión de escabeche. A emulsión de escabeche daba o contrapunto a un delicado mero e uns delicadísimos gromos de coprinus, produto da terra que se está impoñendo nos restaurantes galegos.

O menú, na parte salgada, completouse cunha Carne do país á grella. Boa carne, bo tratamento térmico, espléndidos pementos de Padrón (mágoa que ningún picara un chisco) e unhas correctas patacas. Posiblemente foi o máis común e menos destacado de tódolos pratos servidos, o que non deixa de sorprender, xa que non é a mellor maneira rematar o menú cunha preparación que deixa frío ao comensal despois de tódolos ¡¡¡¡ooooooh!!!! escoitados. Pero xa din que os partidos sempre son difíciles de rematar.

O apartado de sobremesas abriuse cun chupito de Te con leite e limón que preparaba a boca para a Piña colada.

E para remate Crujeiras preparaba outro ace: Milfollas de chocolate e laranxa con xeado de chocolate jivara lactee. Un potente saque que nos deixou a todos pensando no próximo partido, non sen antes dar conta dunhas trufas de chocolate e unhas mini oreo. Faltou o mini vaso de leite para acompañar as mini galletas, tal e como mandan os canons. ¡Por fin encaixa un tanto o equipo local!.

A todas estas levabamos xa un tempiño gozando dun tinto galego: Pagos de Galir Selección Rosa Rivero, unha acertada elección de magago.

E mentres nos sufríamos a malleira culinaria que nos proporcionou o equipo de Juan Crujeiras, Federer e Nadal zurrábanse na pista central de Winbledon. Igual foi polo exercicio, pero paréceme que hai que ir pensando xa na cuarta edición, que parece que vou tendo apetito.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *