Falafel, croquetas de garavanzos

Tiña con xmanoel o compromiso de publicar a receita do falafel tal como eu o preparo, así que aquí vai, acompañada dalgunha fotografía do que preparei para a comida de hoxe.

Os ingredientes que precisamos son os seguintes: garavanzos, cebola, allo, comiño en po, sementes de coandro (coriandro) e coandro verde, perexil, menta, sal, pemento doce, levedo químico (royal).

O primeiro é remollar os garavanzos durante toda a noite.

De seguido, coa picadora ou o robot de cociña, pícanse os garavanzos e o resto dos ingredientes, mesturándoos ben. Sae unha pasta como a que se ve na foto.

Tómanse culleradas da pasta, dáselles forma redonda e algo achatada e frítense en aceite abundante ata que está douradas. Sérvense cun prebe de iogur que se pode aromatizar con cogombro e pementa negra, por exemplo.

Todo o mundo quere saber as cantidades dos distintos ingredientes. Para un cuarto de quilo de garavanzos (peso antes de remollados) eu emprego un 15 gramos de perexil e o mesmo peso de menta (a menta véndese normalmente en envases de entre 15 e 20 gramos, así que é fácil o cálculo). Tamén media cebola mediana ou unha pequena, dous bos dentes de allo, unha cullerada de sobremesa de sementes de coandro e outro tanto de comiño en po e pemento doce. Pouco menos de lévedo e sal ao gusto.

A min gústame que no falafel dominen as especias por derriba das herbas, pero as proporcións pódense variar a gusto de cadaquén.

Picar os garavanzos e o resto de ingredientes non é ningún problema cunha picadora ou un robot de cociña, pero resulta imposible coa minipimer, así que nin intentalo. As sementes de coandro convén esmagalas previamente no almirez, xa que se non van acabar enteiras no falafel, e seguramente non resultará nada agradable.

Sinxelo ¿non si?

O prebe pódese facer cun bo iogur natural sen azucre, mellor se é ben cremoso. Sálgase e pódese engadir allo esmagado, pementa negra ou cogombro. Neste caso, é preciso previamente quitarlle ao cogombro parte da moita auga que ten para que non licúe o iogur. O mellor e trituralo ou esmagalo e despois deixalo nun coador para que tire a auga. A pasta que queda engádese ao iogur e listo. Pódense combinar diversos ingredientes, a gusto do consumidor.

Tamén podemos recorrer a un prebe semellante de iogur grego que vende Danone baixo a marca Salsiki, que non está nada mal.

Na primeira foto vese o falafel rematado, na segunda a pasta preparada para o falafel (medio quilo de garabanzos, falafel para seis ou sete persoas), na terceira falafel sin fritir (esquerda) e frito (dereita).

3 comentarios sobre “Falafel, croquetas de garavanzos

  • el 13 de mayo de 2007 a las 21:40 09Sun, 13 May 2007 21:40:15 +000015.
    Permalink

    ¡¡Espactualar!!
    Moitas gracias.
    Sempre tiña a dúbida de se se cociñaban antes os garbanzos, pero agora vexo que non. Isto o fai ainda máis fácil e asequible.
    Coma sego sen trituradora, coido que tentarei facelo en plan primitivo (cun garfo) a ver se sale algo.

    Respuesta
  • el 14 de mayo de 2007 a las 20:26 08Mon, 14 May 2007 20:26:23 +000023.
    Permalink

    A fórmula ven ser a mesma que emprego eu, ainda que eu cargo a man coas especias (gústame tamén darlle un toque de cúrcuma e, se o teño, de cardamomo en pó) e emprego máis as herbas no prebe.

    Non podo evitar ler “falafel” e que me veñan á mente os mellores que tomei, nun posto na rúa en Atlantic Avenue, en Brooklyn, a principal zona musulmana de Nova York. Simplemente inesquencibles.

    Respuesta
  • el 21 de mayo de 2007 a las 00:09 12Mon, 21 May 2007 00:09:11 +000011.
    Permalink

    Eu cominos o sábado no Firs da Praza Elíptica de Vigo pero seguro que os teus son millores.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *