O sabor agridoce do Axquid, restaurante árabe en Bertamiráns

Era o único da familia que aínda no coñecía o local e fun rematar con esa situación, xa que tanto o que me dicían na casa como o que lle lin a Goumet de Provincias parecíame unha proposta abondo interesante, inda que ao final quedoume un sabor agridoce.

Eramos dous. Pedimos hommos, falafel, un mega-vacabab, como denominan a un descomunal kebab de tenreira (non había de polo) e pastela.

Primeiro chegou o hommos (crema de garavanzos con pasta de sésamo, aceite de oliva e pemento doce). Como ao pedir dubidamos entre hommos e babagameuch (pasta de berenxenas asadas, pasta de sésamo, aceite de oliva e pemento doce), acabaron servíndonos un mix: dous terzos de hommos e un terzo de babagameuch. Moi ben os dous. De entrada gustoume máis o babagameuch, pero conforme íamos avanzando no seu consumo funme decantando cara o hommos. A razón: penso que as berenxenas se asaron con moita temperatura e a pel acabou moi queimada. O sabor afumado que ao comezo facía moi atractivo o babagameuch acabou sendo un pouco rallante.

Cando o hommos e o babagameuch estaban a piques de acabarse chegou á mesa o falafel (croquetas de garavanzos moi especiadas). Levaba unha certa prevención respecto del, xa que na miña casa dicían que era mellor o que fago eu que o que serven en AxQuid. A min o falafel pareceume espléndido, se cadra algo dura a capa exterior, pero cun interior saboroso, tenro e celmoso. É diferente do que eu preparo, xa que cargo máis nas especias (comiño, pemento doce…) mentres o de AxQuid pareceume máis baseado nas herbas (coandro, menta…), pero non peor.

Despois do hommos, babagameuch e falafel tivemos tempo de facer a dixestión ata que chegou a pastela (pasta bric reenchida de polo, froitos secos…), que me decepcionou un pouco, inda que a culpa seguramente foi miña. Eu agardaba a mesma pastela que comera, da man do mesmo cociñeiro, no restaurante que en tempos tivo en Bertamiráns. Pero resulta evidente que non se pode dar o dobre de cantidade por un prezo menor e que o produto sexa o mesmo. Claro que eu tampouco agardaba que, por seis euros, me foran poñer unha pastela que entre dous non fomos capaces de acabar. Malia pequena decepción persoal, a pastela non está mal, especialmente a un prezo de seis euros.

O mega-vacabab (enorme kebab de tenreira) quedou sen tocar. Xa antes de que saíra da cociña pedimos que o envolveran para levar, que na casa teño ao monstro dos kebabs, que deu boa conta del á cea. Eu nin o vin, polo que unicamente podo dar fe do tamaño do bocadillo: descomunal.

Con tres refrescos a conta foi de 22,50, e dicir, máis barato que un menú se temos en conta que pedimos dous, pero en realidade comemos tres.

As pegas

O local ten algunhas pegas, e abondo graves segundo o meu punto de vista. O peor a lentitude. Con catro persoas no comedor (nos e outros dous) o tempo de espera entre o falafel e a pastela foi longuísimo (¿20 minutos?) o que me fai pensar que ao mellor este é un prato que debería desaparecer da carta en ben dunha mellora organización do traballo e do servizo.

A carta xa é abondo curta, e ao non haber kebab de polo reducíase aínda máis. De kebab de cordeiro nin falar.

E o absurdo de non servir bebidas alcólicas. O propietario do local (supoño que é o propietario inda que onte estaba na cociña) tivo restaurante en Bertamiráns e creo recordar que servía viño. Pero aínda que non fora así. Se o propietario é musulmán e non quere beber viño paréceme ben, pero se a clientela demanda esta bebida, ou cervexa, ou o que desexe, non hai motivo para castigala sen ela.

Non despachar bebidas alcólicas en Galicia paréceme tan absurdo como se eu monto un restaurante en Casablanca e so vendo Ribeiro.

Non teño fotos, así que a tomo prestada de Gourmet de Provincia.

4 comentarios sobre “O sabor agridoce do Axquid, restaurante árabe en Bertamiráns

  • el 23 de abril de 2007 a las 08:02 08Mon, 23 Apr 2007 08:02:25 +000025.
    Permalink

    De acordo co comentario. Coido que vemos as mesmas virtudes e defectos no restaurante, aínda que eu non lle vexo a pega ó de non servir alcohol. É algo moi habitual en restaurantes árabes ou hindúes londinenses ou de Paris e tendo en conta, ademáis, que as bebidas alcohólicas non “maridan” especialmente ben con este tipo de cociña non me parece unha eiva destacable, senón unha opción persoal do propietario. Pero, xa sabes, é a miña perspectiva de cliente que rara vez pide viño.

    Respuesta
  • el 25 de abril de 2007 a las 16:36 04Wed, 25 Apr 2007 16:36:08 +000008.
    Permalink

    ¿esta a receita do Falafel en Colineta?

    Respuesta
  • el 25 de abril de 2007 a las 16:37 04Wed, 25 Apr 2007 16:37:52 +000052.
    Permalink

    Segundo o Google non hai receta de Falafel…. A ver se te animas un día a compartir o segredo. Ainda que coido que hei de pensar en comprarme unha minipimer dunha vez. Teño que darlle ó Tapenade de Jorge e agora tamén ó Falafel.

    Respuesta
  • el 25 de abril de 2007 a las 18:59 06Wed, 25 Apr 2007 18:59:08 +000008.
    Permalink

    Non te preocupes, Xosé Manuel. En canto teña uns minutos libres publico a receita do falafel. Pero coa minipimer non te vas amañar, precisas unha picadora en condicións.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *