De tapas ao Valadouro

Tradicionalmente, cada 2 de febreiro e 25 de marzo Ferreira do Valadouro vivía o seu mercado anual, que se sumaban aos mercados semanais que teñen lugar na maña de cada sábado.

Os tempos modernos acabaron cos mercados anuais, que agora se recuperan grazas a Asociación Deportivo Cultural Valadouro.

Cada sábado que hai mercado en Ferreira estanse a revivir as propias orixes da vila, na que naceron meu pai e miña nai, meus irmaus e na que nacín ao mundo conscientes dos aromas e sabores, inda que respirase o meu primeiro ar, e comera as miñas primeiras ancas de ra na Habana.

En Ferreira había unha capela na que se veneraba una imaxe de pedra da Virxe: Nosa Señora de Ferreira. E nada máis. A capela foi, lamentablemente, derruída nos comezos do século XX e a imaxe da Virxe estivo desaparecida durante moitos anos, ata que un veciño xa falecido informou de que fora soterrada baixo o altar maior da actual igrexa, onde segue si a información é certa. Unha Virxe dando de mamar ao neno, que é de supoñer procede da mesma capela, apareceu hai algúns anos cando se reformou a sancristía da actual igrexa: era a pedra que formaba da porta exterior da sancristía, coa imaxe da virxe e o neno cara abaixo.

A lenda di que a capela construíuse no lugar en que Virxe se apareceu a unha mulleres e o caso é Santa María de Ferreira tivo durante moito tempo sona de milagreira (xa non fai milagres, eu non lembro ter visto ningún), polo nos días dedicados á Virxe (tódolos sábados do ano, 2 de febreiro, 25 de marzo, 8 de setembro) a xente congregábase arredor da capela, imaxino que na busca da milagre.

É de supoñer que nesas datas habería postos de venda de alimentos para os romeiros, ferradores que atenderían as necesidades dos animais e, pouco a pouco, foise formando un mercado. A comezos do século XVII o Bispo de Mondoñedo e as autoridades civís desta vila amósanse preocupados porque o mercado de Ferreira lle quita vida aos de Mondoñedo e chegan a conseguir que se prohiba o mercado de ferreira. Pero o cura de Budián, parroquia da que entón dependía a capela, de nome Angel Castañón y Ayala, enfrontouse ao Bispo e chegou a facer campaña dende o púlpito a favor do mercado de Ferreira. Unha vez máis, segundo o cura, a Virxe obrou a milagre. Antonio Rubiños Baamonde, mindoniense, morre en Madrid cando facía xestión contra o mercado de Ferreira. O cura de Budián chegou a explicar que detrás da morte de Rubiños estaba a intervención divina, do que moitos deberon deducir que o Ceo estaba de parte de Ferreira e contra Mondoñedo. Pode que fora o último milagre de Nosa Señora de Ferreira, pero o mercado segue a celebrarse cada sábado deste século XXI.

Pero o caso é que con motivo de recuperar os mercados anuais, esta fin de semana en ferreira hai festa. Estupendas tapas nos bares da vila (ver a foto que segue), e degustación de produtos de porco celta o domingo pola tarde.

Hoxe, venres, haberá charla sobre o pasado e futuro do mercado e o comercio no Valadouro, con intervención dun representante da Consellería de Medio Rural e Ramón Hermida, natural do Valadouro e gran coñecedor dos seus mercados. Eu debía estar tamén alí, que o programa anuncia a miña presenza, pero lamentablemente non poderei facer acto de presenza na casa da cultura de Ferreira. Pero como ao Valadouro nunca lle digo que non, xa está en Ferreira a miña intervención, en papel e gravada en mp3, para que os organizadores faigan con ela o que consideren oportuno. O luns, se todo vai ben, publicarei aquí ese texto.

Anuncio xa que me meto cos alcaldes do Valadouro, que en tempo de eleccións vende moito. Digo alcaldes en plural porque a comarca do Valadouro está composto por dous concellos: Alfoz e O Valadouro. Como non recoñezo esa división artificial, igual debería escribir “supostos alcaldes”.

Eso de Val do Ouro que se pode ler no programa é unha chorrada que se leva moito dun tempo a esta parte. Sempre a comarca se chamou Valadouro e non vai deixar de chamarse así por moito que a alguén se lle ocorrera chamarlle O Valadouro a un dos dous concellos, concello que antes de normalización lingüística se chamara Ferreira del Valle de Oro, e antes Tierra Llana del Valle de Oro.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *