Casa Chicho, un arxentido na Coruña

Andaba eu pola Coruña con pouco tempo para comer, polo que decidín entrar no primeiro sitio que atopase. Ata un bar ou cafetería onde comer un bocadillo me valía.

E fiel ao meu propósito entrei en Casa Chicho (Parrilla, Vinos), cun aspecto exterior tan atractivo como se ve na foto. Do interior non hai imaxes, pero é aínda moito mellor que a fachada: estrutura de vella taberna, madeira no chan, paredes de ladrillo visto ou pintadas, cubertas de cadros, fotografías e murais. Unha sorpresa que as presas me levaran ata alí.

Algúns detalles deixaron claro dende o momento que estaba nun local rexentado por arxentinos (ou emigrantes retonados dalá), polo que non me sorprendeu atopar na carta o bife de chorizo, empanadas arxentinas, moegas (SUPERRR, Cuando las hay 250 grs. Ración, di a carta), matambre, queixo provolone, churrasco e parrillada, xunto con polbo, peixe, salpicón ou pementos de Padrón.

“¿Hai moegas?, preguntei ao camareiro que supoño é propietario do negocio e que, baixo un semblante tan serio que parece cabreado, oculta un home que sorrí con facilidade. “Hai”, contestou.

Pois moegas e unha ensalada…” dixen eu de inmediato mentres daba un repaso rápido ao longo apartado de ensaladas da carta reparando nunha que xunto coa parte verde que se agarda en toda ensalada (“Paisaxe -di un amigo- que o coman as vacas) ofrecía polbo en vinagreta. “…unha ensalada de polbo. Todo xunto, por favor, e unha copa de viño tinto”, completei o pedido.

Resulta que Casa Chicho ademais de restaurante serve viños nunha pequena barra, polo que un pode pedir unha copa de viño se non vai beber máis.

Comecei a preocuparme cando serviron o primeiro prato das mesas que quedaban á miña dereita e esquerda: inmensos pratos de revolto de ovos con cousas estupendas, que os meus veciños, vese que coñecedores do local, compartían.

Pouco tardaron en chegar as miñas moegas. Unha ración moi xenerosa, moi ben feitiñas na grella. Sinxelamente deliciosas. Viñan acompañadas dunha enorme fonte de patacas fritas, que tamén pedín, de moi boa calidade. E unha inmensaaaaaaa ensalada de leituga, tomates cherry, cenoria e polbo. Aparte da paisaxe había nela unha moi xenerosa ración de polbo, cortado en toros xenerosos e cun punto de cocción perfecto.

Acabei coas moegas, pero sobrou a metade da ensalada e a meirande parte das patacas fritidas. Despois un café e a seguir.

Paguei en total 19 euros polas moegas, ensalada, patacas, copa de tinto e café.

Pero cando chegaron os segundos dos meus veciños xa quedei extasiado. Pola miña esquerda chegou un bifé de chorizo (entrecot) de carne arxentina cunha pinta espléndida. Pola dereita xa non me convenceu tanto o churrasco de porco, que era desa costela moi carnuda que nunca queda suficientemente feita por dentro.

O bife de chourizo (350 gramos) sae por 16 euros e a punta traseira do mesmo peso por 14. O churrasco de porco (medio quilo por ración) ponse en 7 euros e o de tenreira (400 gramos) en 9. Medio polo á grella (tiña unha pinta estupenda) está en 6 euros. A todo hai que engadirlle 1,8 euros de patacas fritas ou gornición de verduras. As ensaladas oscilan entre 3 euros (Leituga, tomate e cebola) e a de polbo que está en 8 euros.

Sen dúbida Casa Chicho é un bo lugar para comer “en arxentino”: local moi agradable, boa comida e moi abundante, bos prezos. O peor son as cadeiras, clásicas de taberna, bonitas, pero moi incómodas.

Casa Chicho está no número 12 da rúa Posse, na Coruña, moi preto do Forum e do centro comercial Cuatro Caminos.

2 comentarios sobre “Casa Chicho, un arxentido na Coruña

  • el 09 de marzo de 2007 a las 10:17 10Fri, 09 Mar 2007 10:17:25 +000025.
    Permalink

    Estou totalmente de acordo co que aquí describes. Teño comido unhas cuantas veces na Casa Chico e coido que a sua relación calidade/precio é fantástica. Tamén penso que ten bastante sona para certos comensales da Coruña, pois teño coincidido moitas veces con xogadores do Depor, directivos e intermediarios. Resumindo un bo lugar para degustar unha excelente carne

    Respuesta
  • Pingback: La Caja de los Hilos » Blog Archive » Festa da Vincha en Cerdedo

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *