Un menú irrepetible

O menú mexicano que comín o outro día en Xantar é irrepetible porque, pasado o Salón, xa non queda nada do restaurante no que puiden gozar de algunhas marabillosas especialidades mexicanas… e doutras non tan notables.

O menú comezou cos “Chiles del Septiembre de Itúrbide”, os famosos chiles en nogada que popularizou no mundo enteiro a película “Como agua para chocolate”.

Coñecía a fama deste platillo mexicano, pero non tivera oportunidade de probalo. Despois de facelo, non me importa repetir en calquera momento, inda que para o meu gusto o traballo do cociñeiro para reducir o picante dos chiles foi excesivo e non picaban practicamente nada. E a min gústame o picante.

O pemento estaba delicioso e o recheo de carne, verduras e froitas sinxelamente perfecto. Pero a nogada, ai a nogada. ¿Cómo é posible pasar tantos anos como pasei eu sen probar semellante delicia e non acabar tolo?. Unha vez máis, esta salsa (noces, queixo de cabra e pouco máis) confírmame que as cousas sinxelas poden ser o máis delicioso da cociña. Un día destes preparo un prato de nogada para comela con culler, e se cadra un pouco de pan para mollar. Igual uso esta receita, ou quen sabe se esta outra.

Despois da nogada chegou á mesa unha “Crema de Coyoacán” (feixóns negros, xudías verdes e viño tinto). Certamente saboroso como primeiro prato para un menú de sete euros, pero absolutamente impresentable nun de 30, fundamentalmente polo mal servida que estaba, sen ningunha graza, nun prato certamente feo. Un desastre.

Non foi mellor a experiencia do “Lenguado de Careyes”, neste caso porque o peixe estaba requetecocidísimo, de maneira que na boca tiña máis tacto de estropallo que de peixe. O sabor, mollado nun prebe abondo gordo de pipas de cabaza lembraba unha crema de nécoras, o quen non está mal, pero xa digo que o punto do peixe era terrible. E non mellor o do arroz da gornición, que quedou íntegro no prato.

A cousa amañouse algo coa sobremesa. O pastel de chocolate non me dixo nada. Como di na carta, era coma un brownie norteamericano, pero mal feito (hai que recoñecer que en Estados Unidos se atopan excelentes mostras deste pastel). Pero o xeado de vainilla era outra cousa. Máis que un xeado semellaba unha nube fría e aromática que se desfacía na boca. Fantástico.

Comezou a comida cun prebe fantástico e rematou cun xeado igual de fantástico. Todo o do medio sobraba. Eu conformábame co chile, que era unha ración xenerosa, e o xeado. Para beber, unha cervexa Coronita (onde estea unha Estrella de Galicia…). E punto. Non había café Veracruzano (con canela e cravo) que tanto me gusta, malia estar anunciado na carta.

Un comentario sobre “Un menú irrepetible

  • el 08 de marzo de 2007 a las 13:20 01Thu, 08 Mar 2007 13:20:00 +000000.
    Permalink

    Mañá publicamos a nosa visión… pero vese que xantamos no mesmo sitio porque coincidimos plenamente…

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *