A próxima, no Fogar do Santiso

Crónica social da II Xantanza de Blogogastrónomos Galegos en Casa Solla

Saíndo de Casa Solla ao remate da II Xantanza de Blogogastrónomos Galegos, entre ¡¡¡ohsss!!! de admiración e cun pouco de fina retranca alguén lanzou unha proposta: a próxima edición no Fogar do Santiso. Quería o autor da mesma expresar que ía ser moi difícil superar o vivido e que para volver a subir aos pazos era mellor baixar antes aos cortellos que, en definitiva, foi o dito fogar nalgún momento.

O certo é que estou agora ante a pantalla en branco, con media ducia de liñas escritas, e non sei moi ben que facer. O de Solla foi tan redondo no culinario, no servizo e no trato amable (Solla tratounos como a vellos amigos malia que non coñecía de antes a case ninguén) que estou temendo que ao remate do post isto pareza un anuncio de xabón de tanto que lle dea ao cociñeiro. Joder, so lle falta ao Solla ser guapo para que acabe alguén dubidando das miñas intencións.

E doulle voltas e máis voltas á xantanza e o único negativo que se me ocorre dicir é que un dos pratos que me puxeron a min tiña unha esquina esconchada, algo imperdoable nun restaurante da categoría. Pero si despois de tres aperitivos, catro entrantes, tres pratos fortes, tres sobremesas, cinco “petit fours”, dous viños brancos, un tinto e un Oporto non se pode dicir ningunha outra cousa “fea” pois xa me dirán.

Rebusco e rebusco pola cabeza e si, por fin, atopo uns cogomelos aliñados que non me dixeron nada (semella que hai unha moda en Galicia ultimamente de amañar os cogomelos coma se foran champiñóns de lata, ou polo menos coa mesma textura, que non me interesa moito), ou o mollo da vieira encebolada, cun exceso de sal (pareceume a min que por levar demasiada salsa de soia, pero vai vostede a saber). Oia, a vieira estaba de medo e a ceboliña que a acompañaba era canela fina.

E xa está. Agora xa so me queda criticar os dous erros mecanográficos no menú que Solla imprimiu para a ocasión. Dixo Pepe que era erros intencionados para que falaramos deles e nos esqueceramos do resto, así que aquí me teñen a min dándolle gusto (veña xabón ao cociñeiro).

O conto é que un dos erros do menú deu pe a unha anécdota que lle aconteceu ao menú compañeiro de mesa, do que non direi o nome, pero van aí os comodíns do público a chamada e o 50 por cento todos xuntos: comeza por “m”, remata por “o” e polo medio ten repetidos o “a” e o “g”. E como cantaba Celia Cruz: “se oye el rumor del pregonar que dice así” díse o pecado, pero non o pecador. Xa. Mentres eu comía o meu oviño derriba dunha torrada de pan de centeo el dedicouse a facer unha longa serie de fotos, que si o collo coa man, que si o levo á boca, que se mira vaia carie, que vai bocado, que aí vai o segundo… E vai publicar a serie de fotos sen terme vendado antes os ollos para que non se me coñeza publicamente…

O conto é que no menú di: “Gambas al ajillo, setas aliñadas y otra escabechada”. Pois aí teñen ao gachó, como di meu pai, preocupado porque xa comera as setas aliñadas pero non atopaba a otra escabechada. Ostra, o que quixo poñer Solla no menú foi ostra, que efectivamente alí estaba. E xa teño aquí outro motivo de crítica comparada: Yayo Daporta tena máis grande. A ostra, eh!.

E isto é todo o que teño que contar sobre a comida.

Cando xa íamos rematando, o Solla presentounos ao seu fillo pequeno, unha reprodución do cociñeiro en tamaño bonsai. A presentación non foi algo casual, senón que estaba moi pensada, igual que os erros do menú. “Ensinolles ao bebé e déixanme en paz rapidiño, que me están destrozando o prestixio do local con tanta foto, tanto flash e tan gaita”, debeu pensar Pepe.

Fotos houbo moitas. Pero a máis sonada debeu ser a dos blogogastrónomos con Carlos Arguiñano, que comeu dúas mesas máis aló e ao que asaltamos antes de marchar. Miren que lle bota o home desparpaxo e soltura ante as cámaras da televisión, pero no comedor de Solla quedou, como diría, acohonado e desbordado polo entusiasmo dalgún

blogogastrónomo que lle dicía “pase, pase, que está entre amigos”, ao que el contestaba polo baixiño “si, pero eu non coñezo a ninguén”. Total, que aberta a veda da foto polos blogogastrónomos tódolos presentes no comedor se lanzaron a conseguir a instantánea. Houbo incluso algún blogogastrónomo que tirou fotos para os outros clientes, que non tiñan máis que un teléfono móbil para inmortalizar o momento.

Pero antes de ir de cabeza ao perexil, dicía que de nada lle valeu a Solla a estrataxema de amosarnos ao neno. O blogogastrónomo galego é implacable e as súas ansias de saber (iso si, sempre despois de comer, que co bandullo baleiro é difícil estudar) obrigaron a Solla a acabar sentado entre nos contándonos as aventuras neoiorquinas dos cociñeiros galegos ata que practicamente se fixo de noite.

Saíndo de Casa Solla ao remate da II Xantanza de Blogogastrónomos Galegos, entre ¡¡¡ohsss!!! de admiración e cun pouco de fina retranca alguén lanzou unha proposta: a próxima edición no Fogar do Santiso. E houbo unha segunda cuestión: ¿Porque entre xantanza e xantanza nos mellores templos da gastronomía galega non organizamos outra xantanza na que cociñen os propios blogogastrónomos, para demostrar que non so saben comer senón tamén cociñan (algúns)?.

Así quedou o conto. Agora marcho, pero volverei cun novo post no que, de maneira cronolóxica, contarei que comemos e bebemos na II Xantanza, coas súas correspondentes fotos. Destas, de momento, deixo a do aperitivo no Rianxo, na pontevedresa Praza da Leña. E algún outro detalliño.

6 comentarios sobre “A próxima, no Fogar do Santiso

  • el 11 de febrero de 2007 a las 21:26 09Sun, 11 Feb 2007 21:26:09 +000009.
    Permalink

    Que conste que tería moito mérito facer unha seta en escabeche! 😉

    Respuesta
  • el 11 de febrero de 2007 a las 21:46 09Sun, 11 Feb 2007 21:46:40 +000040.
    Permalink

    Se na votación gaña o Fogar do Santiso (que eu non coñezo), pois aló imos, faltaría máis… E se hai que cociñar…

    Respuesta
  • el 11 de febrero de 2007 a las 23:50 11Sun, 11 Feb 2007 23:50:22 +000022.
    Permalink

    Por certo, i en defensa de Magago: ate que chegou o prato á mesa, a min tamén me tiña moi intregada a seta escabechada, x-dddd.

    Respuesta
  • Pingback: chuza.org

  • el 15 de febrero de 2007 a las 12:53 12Thu, 15 Feb 2007 12:53:45 +000045.
    Permalink

    Qué curioso eu tamén tiven un prato esportillado… tamén hai que mentar os defectos senon a crítica perde todo o seu valor.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *