México, onde Galicia se asoma ao Pacífico

Foto: Tsitika

A finais de febreiro celébrase en Ourense o salón Xantar, no que haberá 15 restaurantes galegos, españois e portugueses, máis un convidado de luxo: México. É a primeira vez que convida a unha cociña non ibérica. Escribindo sobre o asunto, lembrei un artigo que publiquei hai dez ou once anos nunha revista que entón editaba Área Central, o centro comercial compostelano, e que recupero de seguido:

[ México, onde Galicia se asoma ao Pacífico

Miña terra, que tes dous mares” cantou o poetisa, esquecendo o terceiro mar galego, aquel que baña as costas de Nova Galicia, aquel ao que chamaron Pacífico.

O viaxeiro coñece, seguro, moito de México, ese país irmán do outro lado do Atlántico, un dos mares galegos. Sabe tamén de charros, e tal vez polos corridos escoitou falar de Jalisco (“no te rajes”) e de Guadalajara (“en un llano, México en una laguna”); tamén saberá da Virxe de Guadalupe (a mexicana, non a de Rianxo, na Coruña) ou de Puerto Vallarta, un dos centros turísticos máis importantes do Pacífico mexicano.

Pero tamén deberá saber o viaxeiro que estando nestas terras de Jalisco ou Puerto Vallarta atoparase no que en tempos se chamou Nova Galicia, e que estaba composta polos actuais estados de Jalisco, Aguascalientes e Colima, así como por partes dos estados de Nayarit, Durango, Zacatecas, Guanajuato e Michoacán.

En Nova Galicia, pode o turista conformarse coa estancia en Puerto Vallarta e o viaxeiro ver e coñecer outras culturas, outros pobos e outras festas, porque estará nunha das zonas máis festeiras dun país tan amplo e diverso como é México.

Na segunda quincena do mes de abril comeza a Feira Nacional de San Marcos, na cidade de Aguascalientes, capital do estado do mesmo nome. Cunha antigüidade notable, xa que data do ano 1604, a Feira Nacional de San Marcos está considerada como a mellor de todo México.

Durante tres semanas propios e estraños gozarán de corridas de touros, palenque de galos con 18 pelexas diarias, encontro de arte novo, concurso de traxes típicos, festival de rondallas, encontro internacional de poetas, concertos, teatro, exposicións gandeiras e de artesanía… E para pasear polo recinto feiral nada mellor que contratar un dos moitos mariachis ou tamboras que están a disposición do visitante.

Algo despois, no mes de outubro, celébranse las “Fiestas de Octubre”, en Guadalajara, capital do estado de Jalisco, nas que participan activamente os 124 municipios que integran o estado.

Ao longo de 30 días as exposicións de arte e artesanía, as corridas de galos e touros, os deportes e a festa en xeral fanse donos de Guadalajara. E non se pode deixar de visitar la “Zona del buen comer”, cunha importante oferta da cociña mexicana e internacional, nin a “Zona do tentempié”, con todos os “antojitos” (algo así como nosas tapas) imaxinables.

E desde finais de novembro ata mediados de decembro, Puerto Vallarta celebra a Virxe de Guadalupe, irmandándose relixiosamente co noso Rianxo.

A festividade da Virxe, patroa de México, celébrase o 12 de decembro, pero as festas comezan dúas semanas antes, ao longo das que prende o espírito festeiro en Guadalajara, finalizando o día da Patroa con ofrendas de alimentos e flores e unha gran procesión na que a Virxe é acompañada por música e bailes aztecas.

Tamales, tacos, tostaos, churros e zumes de froitas son consumidos abundantemente ao longo de toda a festividade.

E falando de comida mexicana, deberá o viaxeiro levar a boca preparada para enfrontarse a unha cociña forte, abundantemente condimentada e cunha proliferación do picante non sempre ben tolerado polo noso padal. Fronte á fortaleza de certos pratos, outros mostran unha singular delicadeza, como son aqueles nos que se empregan flores, principalmente as de cabaza (que en España poden atoparse en lata) ou as rosas. Por iso cando penso na cociña mexicana veñen á miña cabeza as imaxes desa estupenda película, “Como auga para chocolate”, na que a protagonista cociña con flores e engade uns pétalos de rosa ao prato que moitos coñecedores consideran o summun da gastronomía mexicana: os chiles en nogada. ]

NOTA FINAL: sempre pensei que a charrería, deporte nacional mexicano exportado a Estados Unidos a través de Texas, tiña moitas semellanzas coas nosas rapas das bestas, “mar por medio”, como din algúns títulos de propiedade da Mariña de Lugo, onde as terras lindan ao norde con Inglaterra. Non coñecía, cando escribin este artigo, a vida e obra dun ourensán, Sebastián de Aparicio, “el príncipe de la charrería”, que está detrás desta actividade e dalgúns costumes gastronómicos do día de defuntos mexicano.

2 comentarios sobre “México, onde Galicia se asoma ao Pacífico

  • el 31 de enero de 2007 a las 19:22 07Wed, 31 Jan 2007 19:22:26 +000026.
    Permalink

    Fuches outros anos a esa feira? Supoño que sí… tes que comentarnos máis polo miudo de que vai… será na blogoxantanza supoño.

    Respuesta
  • el 03 de febrero de 2007 a las 17:33 05Sat, 03 Feb 2007 17:33:20 +000020.
    Permalink

    Xustamente estiven de turismo por esa parte de México. Guadalajara ten moito encanto, e o estado de Michoacán é fascinante. Xustamente todos asociamos ós indixenas con Chiapas e Oaxaca, pero en Michoacán tamén era un estado maiormente indíxena (e de paisaxes moi variadas).

    De Guadalajara sempre levarei o recordo da tipica Torta Ahogada, o bocadillo que máis pringa do mundo (en directa competencia ca Francesinha). Pero non estaba mal de todo.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *