Tremenda pota de caldo

Sempre se fixo o caldo en grandes potadas para que durase varios días, que durante moito tempo o caldo non podía faltar na mesa campesiña, principalmente por que xunto con pan era o alimento básico, que despois podía completarse con algo de leite ou queixo nas casas en que había vacas, unhas castañas cando xa non quedaba trigo, carne as menos das veces, un polo na festa grande. Ás veces sucedía que paría a cocha más bacoriños dos que era capaz de alimentar e había que axudarlle co biberón, pero en canto os porquiños acadaban un certo tamaño era preciso desfacerse dalgún. As vodas foron o destino habitual de moitos destes leitóns, pero se non había voda á vista nin a quen venderlle o porquiño, ese podía acabar dando un día de gran festa á familia campesiña.

Pero falaba das grandes potadas de caldo. A segunda razón das grandes potadas de caldo é cualitativa. Non se obtén o mesmo resultado facendo un pouco de caldo que facendo unha pota grande.

Así que eu cando o fago é polo sistema tradicional, ao por maior. Vexan senón a megapota que merquei hai tempo en Valença do Minho (comparen o seu tamaño co da vitrocerámica e faranse unha idea).

Merquei en Santiago (A Cesta da Saúde, rúa Ramón Cabanillas) unhas estupendas nabizas ecolóxicas procedentes de Palas de Rei e, polo tanto, de nabos de Lugo (desculpen a incorrección e perdoe quen se sinta molestado, pero as nabizas de nabos de Santiago, coma o parque da canción, nin son nabizas ni son ná). En Bertamiráns (noutro momento direi o nome da tenda, que agora non a sei) merquei lacón, panceta e touciño de porco celta procedente da Fonsagrada, animais sacrificados con 18 meses de idade e de carnes ben feitas. Eu quería cachola, nosa señora dos mil sabores, pero non había.

Cun anaco de xarrete de tenreira, algo de polo por non ter galiña, uns chourizos, dúas orellas e outros tantos rabos (alegría, alegrote); fabas, patacas e unto caseiro traídos do concello de O Pino e auga da traída de Brión (iso de cociñar con auga mineral paréceme unha mariconada, ¿non si?. ¡Que incorrecto andas hoxe Miguel! ¡Quita de aí Pepito Grilo, que saco o ZZ!) consumouse o caldo.

Así que hoxe, de primeiro caldo e de segundo as carnes acompañadas de patacas cocidas e garavanzos. Mañá caldo. As carnes que restan hai que comezar a disimulalas, pode ser cun chisco de pemento picante, pode que acaben todas picadas, prensadas e nun bocadillo frío, pode que se convertan en croquetas, pode.

¡Última hora! A tenda onde merquei a carne de porco celta chámase Jamonería Chacinería Orvi Dous, está en Bertamiráns, na Avenida da Mahía, ao pe dun supermercado cuxo nome comeza por Ga e remata por Dis (Nome encriptado por un procedemento que inventou o doctor Bacterio para evitar a publicidad de balde de establecementos que nada teñen que ver co caso)

4 comentarios sobre “Tremenda pota de caldo

  • el 10 de diciembre de 2006 a las 18:17 06Sun, 10 Dec 2006 18:17:00 +000000.
    Permalink

    caldiño con este tempo…. Tomeiche un prato del ás cinco e pico da mañá. Érache un caldo con grelos de Monfero, que eses si que son grelos, que foron no seu día ao arcón conxelador logo de escaldalos un chisco. E de sobremesa metinlle unha entrada á orella que quedara, metida nun chisco de pan. E a agardar durmindo polo domingo.
    parabens polo caldo ese teu, que pintaza!

    Respuesta
  • el 11 de diciembre de 2006 a las 01:26 01Mon, 11 Dec 2006 01:26:27 +000027.
    Permalink

    non che hai nada mellor que o caldo de quentadura, o da primeira quentadura. E os grelos namentras non xee moito están todos moi bos

    Respuesta
  • el 12 de diciembre de 2006 a las 12:02 12Tue, 12 Dec 2006 12:02:22 +000022.
    Permalink

    Os meus pais fan a matanza esta semán; e xa estou pensando nun caldiño de verdade, dese con touciño do bandullo, osos de lombelo… e moita verduriña verde. Ummmmm

    Respuesta
  • el 13 de diciembre de 2006 a las 13:09 01Wed, 13 Dec 2006 13:09:09 +000009.
    Permalink

    Chegar a casa e que che recivam com um bom caldo, alimento do espírito…

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *