Cocido express e tinto das Rías Baixas

Meu cuñado, madrileño, de ascendencia manchega e recastado ao pe do mar do Orzán, ten a súa propia fórmula para o cocido express, tipo madrileño: na pota a presión pon unha boa cantidade de garavanzos e outra non tan xenerosa de carnes, rabo, lacón ou panceta, etc. Cubre con auga abundante e deixa todo xunto a remollo ata o día seguinte, en que tapa a pota, acende o lume e media hora despois está o cocido listo para comer.

Así qeu que hoxe probei a fórmula. Onte á noite foron á pota medio quilo de garavanzos (quería que sobraran para facer mañá garavanzos fritos), dous rabos pequenos, media orella e un anaco, pequeno, de lacón.

Hoxe, pouco antes de hora de comer, tirei parte da auga por se o sal, pero non toda, e completei con auga limpa. Tamén puxen un chourizo e dúas patacas. Quería poñer unhas cenorias, para madrileñizar algo máis o cocido, pero non tiña á man.

Puxen a pota, express, ao lume e á media hora destapei, emplatei e comín, coa compaña dun vasiño de SanNomedio, un tinto das Rías Baixas (si, si, con Denominación de Orixe Rías Baixas) que lembra os antigos tintos galegos, lixeiro, afroitado, algo acedo, pero criado en barricas de carballo francés, o que lle da lixeiros aromas de crianza e unha certa complexidade. Fóra chovía e zoaba o vento, circunstancia certamente dixestiva.

Non vai ser esta a última vez que prepare este cocido express. Os garavanzos e as patacas estaban fantásticos, as carnes riquísimas, e o viño… o viño era exactamente o que eu podería soñar para este cocido.

Evidentemente, non é un deses cocidos galegos “alegres”, como dicía Picadillo, con moitas carnes e poucos garavanzos. En realidade é un dos que o alcalde da Coruña (Picadillo, non o fantasma de Roma) cualificaba como “tristes”: moito garavanzo e pouca carne.

O máis curioso do asunto é que nos 18 anos que vivín en Madrid non lembro ter comido cocido madrileño nin unha soa vez. Daquela interesábanme exclusivamente os cocidos alegres. Pero vese que a idade nos vai cambiando e, por moito que a carne me siga gustando moito (¿para cando un monumento á cachola, madre de tódolos sabores?) dun tempo a esta parte as verduras e legumes fanme moito máis chiste do que xa me facían (que era moito, eu son omnívoro perfecto, o único que non me gusta é traballar).

Conclusión: se mañá, sábado, que non hai que traballar, me dan a elixir, pido un cocido galego con máis cachola que lacón, un bo tinto e un o sofá para despois. Pero este cocido express, para un venres activo, resulta certamente interesante.

2 comentarios sobre “Cocido express e tinto das Rías Baixas

  • el 24 de noviembre de 2006 a las 15:20 03Fri, 24 Nov 2006 15:20:01 +000001.
    Permalink

    Ideal para las prisas de hoy en día,me lo quedo.
    Y el vino habra que rastrearlo.

    Respuesta
  • el 24 de noviembre de 2006 a las 16:55 04Fri, 24 Nov 2006 16:55:53 +000053.
    Permalink

    Observese o neolóxismo do segundo párrafo do texto: qeu = que +eu. Ideal para teléfonos móbiles, non é máis que un erro mecanográfico.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *