Bótalle azucre

“Bótalle azucre” é a expresión que empregamos cando queremos dicirlle a alguén, con suavidade, que se amole. Cando non temos un chisco de diplomacia, o habitual é substituír esta frase po outra máis contundente: “fódete”.

O caso é que por causa dunha broma, descubrín que miña bisavoa por liña materna-materna botáballe azucre ás patacas fritas que lle servía a meu tío-avó José María do Perrochico.

De inmediato probeinas e non me pareceu unha idea tan extravagante como pode parecer. E de seguido lembrei que miña avóa, por liña materna, tamén era moi afeccionada ao emprego do azucre en pratos que, normalmente, comemos con sal.

Así que lembro moi ben as tortillas francesas que, de neno, me poñía con azucre por derriba e que tanto me gustaban, polo que xa teño o firme propósito de volver probalas.

Tampouco é unha idea tan rara a da tortilla francesa con azucre, que pode moi ben ir reenchida de mazá ou de plátano, que previamente se pasan pola tixola cun pouco de manteiga ou un aceite de pouco sabor, preferentemente o de xirasol. Pero para tortillas doces, a de pera que me ensinou a facer miña sogra, colombiana e expertas en doces sorprendentes.

Pélase unha pera, córtase en anaquiños e pónse a cocer nun pouco de auga con azucre. Unha vez cocida retírase e no xarope que queda empapase un anaco de biscoito, unha madalena, un “sobao” ou calquera cousa semellante que se teña á man. De seguido mesturase a pera, o biscoito empapado en xarope e o ovo batido e faise unha tortilla que acaba tendo os aspecto da de pataca, pero evidentemente un gusto moi diferente. A min gústame cando aínda está morna.

Desmontado, pois, a extravagancia da tortilla francesa con azucre, teño que lembrar os ovos fritos, con azucre no canto de sal, que tamén facía miña avoa materna. E non poido lembrar o seu sabor porque penso que nunca os comín, por moitas veces que llos vira facer. Terei que probalos.

E non sei se miña avoa o fixo algunha vez (penso que non), pero miña tía Pepita, que facía as mellores colinetas do mundo, acostumaba a pasar os roxós pola tixola e servilos quentes espolvoreados con azucre, que é unha maneira distinta de comelos pero moi rica, palabra. Tampouco me parecde un uso tan estraño se temos en conta que a empanada de roxóns, noutros lugares coñecida como torta de roxóns, leva azucre, anís e pasas e resulta deliciosa.

Seguindo cos usos familiares do azucre, lembro tamén a meu tío Paco comendo aguacates de sobremesa. Párteo pola metade ao longo, saca a semente e reenche o burato con azucre. De seguido, cunha culler, vai collendo un pouco de aguacate e un pouco de azucre. ¡Rediola, tampouco os probei!, teño moita tarefa pendente. So dicir, para rematar, que meu tío colleu ese costume en Brasil, onde vive.

13 comentarios sobre “Bótalle azucre

  • el 22 de noviembre de 2006 a las 10:58 10Wed, 22 Nov 2006 10:58:40 +000040.
    Permalink

    Eu tamén lembro o sucre nas tortillas francesas. Pero non coma algo moi habitual, máis que nada porque non tomábamos moitas tortillas francesas.

    En canto á torta de roxóns, definitivamente é un clásico do doce en Galicia.

    Coma tamén a miña aboa facía (e segue facendo) as filloas de sangue con piñóns e pasas.

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 13:11 01Wed, 22 Nov 2006 13:11:23 +000023.
    Permalink

    Non tiña nin idea de que colineta era o nome dun doce. Terei que probalo.

    Por outra banda, non penso que fora tan estravagante o da tortilla de azucre, na miña casa tamén se tomaba, e na da miña avoa nin che conto. E o viño cunha mazá asada e azucre… aínda o toman no Nadal as veces.

    Xmanoel, de acordo completamente con todo, pero as filloas de sangue son a mellor sobremesa do mundo, probablemente porque só as podo tomar unha vez o ano… pero xa queda menos… 😉

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 13:21 01Wed, 22 Nov 2006 13:21:27 +000027.
    Permalink

    Eu son pouco doce, así que o da tortilla francesa, ou calqueira outro prato “salgado” con azucre non serán nunca santo da miña devoción. Nin sequera llo boto á salsa de tomate, algo sobre o que penso xa falaches noutra ocasión.

    Nas lembrazas con azucre teño, eso si, a tortilla de pan mollado en viño tinto que facía a miña avoa Sofía, e que ás veces (poucas) imita a miña nai.

    Das filloas de sangue…¡que decir! Só que eu teño sorte de, unha vez ó ano (ou dúas, máximo) poder comelas. Tamén me lembran á mña avoa, que se pasaba horas e horas na lareira facendo filloas para toda a familia.

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 13:41 01Wed, 22 Nov 2006 13:41:18 +000018.
    Permalink

    A miña avoa (e a través dela despois a miña nai) preparaba con frecuencia esa tortilla francesa azucarada para os netos nas tardes de inverno, pero tiña outra variante que aínda me prestaba máis: a tortilla azucarada de pan. Móllase ben o pan en leite morno, escúrrese e se bota troceado no ovo batido. O resto vai como na tortilla que comentas ti.

    Respecto ós roxóns azucarados e ás filloas de sangue, son especialidades ás que tiven acceso a través da miña familia “política” de Valdeorras. Os primeiros non os probei (aínda), pero as filloas ben que me gustan. Tamén probei unha especialidade preparada en A Estrada (descoñezo se é típica) que ven sendo unha filloa de sangue moito máis grosa (como 1 centímetro de alto) que probablemente leva tamén fariña no amoado e que inclúe pasas e piñóns. E tamén probei as filloas de sangue no entroido de Porto do Son, hai uns anos, xunto cuns amigos italianos ós que constou convencer para que lles botaran o dente. Aínda que logo o que costou foi convencelos para marchar.

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 13:44 01Wed, 22 Nov 2006 13:44:12 +000012.
    Permalink

    E outra especialidade con azucre via avoa materna. É da súa familia de Vilanova de Arousa, pero entre eles é tradición remontala ós seus antepasados, conserveiros cataláns chegados de Vilanova i la Geltrú e afincados, entre outros lugares, en Palmeira, A Pobra do Caramiñal e Cabo de Cruz: móllanse rebanadas de pan en vinagre de viño branco polas dúas caras e, de seguido, se lles espolvoréa unha culleriña de azucre e listo. Non sei se será catalana ou non, pero desde logo esa especialidade ten moi pouca pinta de ser galega (de feito recorda máis ó sabor do arroz do sushi que a outra cousa). Sorprende, pero non está mal.

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 13:47 01Wed, 22 Nov 2006 13:47:00 +000000.
    Permalink

    Quero saber máis. Máis sobre esa tortilla de pan mollado en viño tinto de Moraiminha e máis sobre esa mazá asada con viño de Makeijan. Como dicía un amigo meu, facedeme un “salgo”: “salgo de casa a las ocho de la mañana…” e despois todo o demáis para poder probar na casa esas maravillas.

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 13:54 01Wed, 22 Nov 2006 13:54:53 +000053.
    Permalink

    A colineta, amigo Makeijan, é unha especie en extinción. Miña tía, que era a única que as facía no Valadouro, morreu hai anos. Deixou a receita a todo aquel que lla pediu, pero non é doada de facer. Tamén a facían as monxas en Viveiro e Ribadeo, pero non sei se continúan.
    Mira se era cousa exquisita, que é o único prato que Cunqueiro lle fai cociñar á raíña Xenebra en “Merlín e Familia”: “De señorío era, e don Merlín señoreábaa ao falarlle e na cociña non poñía man, como non fora pra facer colineta os días de festa”.
    Para saber máis rascades o peto e mercades “A cociña do Merlín” (Editorial Galaxia) que a principios de ano teño que cobrar dereitos de autor e xa lle teño botado o ollo a unha finca a 501 metros do mar para facer unha urbanización de 100.000 chalets “adobados”.

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 14:01 02Wed, 22 Nov 2006 14:01:21 +000021.
    Permalink

    A tortilla de pan remollado en leite, amigo Gourmet, é prato antigo da cociña galega, con nome propio: Formigos. Xa aparece a receita no Picadillo, que di “Cena clásica de los chiquillos de mi época”. Manuel María Puga y Parga, Picadillo, naceu en Santiago de Compostela en 1874.

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 17:05 05Wed, 22 Nov 2006 17:05:56 +000056.
    Permalink

    ¿E naide dice nada dos ovos fritidos con azucre? Tamén eran prato da nosa nenez, feitos pola aboa.

    Respuesta
  • el 22 de noviembre de 2006 a las 17:12 05Wed, 22 Nov 2006 17:12:38 +000038.
    Permalink

    Ovidio, hai que ler con máis atención: “Desmontado, pois, a extravagancia da tortilla francesa con azucre, teño que lembrar os ovos fritos, con azucre no canto de sal, que tamén facía miña avoa materna. E non poido lembrar o seu sabor porque penso que nunca os comín, por moitas veces que llos vira facer. Terei que probalos.”. Sétimo párrafo.

    Respuesta
  • el 23 de noviembre de 2006 a las 16:43 04Thu, 23 Nov 2006 16:43:33 +000033.
    Permalink

    Perdoa, non o vira

    Respuesta
  • el 30 de noviembre de 2006 a las 10:05 10Thu, 30 Nov 2006 10:05:09 +000009.
    Permalink

    En Brasil ,aguacates se comen con azucar ou como unha pasta de leche e azucar (abacatada)
    Na miña casa ,de neno,comiamos tortillas de pan con azucar ,e filloas tamen con azucar.
    Tamen me gusta Creme Galego ( ovos batidos con leche ,azucar e esencia de aniz ou almendras) cozense ata que quede cremoso.

    Un saúdiño dende Brasil

    Respuesta
  • el 01 de diciembre de 2006 a las 22:37 10Fri, 01 Dec 2006 22:37:01 +000001.
    Permalink

    catei a torta de roxóns como a fan en navarra, txantxigorri chámanlle, e non gostei moito do conto. De aspecto semellaba unha torta de améndoa ou unha de cenoria que fai a miña nai, mais tiña un regusto que non me chistou. Se cadra non era a mellor torta de roxóns.
    Hei de probar a tortilla esa de pera e xa darei conta da experiencia!

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *