Yayo Daporta: un bo comezo para os Blogogastrónomos

Dous entrantes, dous medios primeiros, dous medios segundos, sobremesa e as lambetadas finais, que oficialmente hai que denominar “petits fours” compuxeron o menú que se degustou na I Xunta de Blogogastrónomos Galegos, no restaurante Yayo Daporta.

O menú degustación, especialmente elaborado para a ocasión, é substancialmente diferente do que serven a diario, xa que unicamente coinciden nun dos entrantes e na sobremesa.

Segundo nos indicou o cociñeiro, compuxo o nos menú con alquelas especialidades da carta que el considera máis representativas da súa cociña, que foron:

  • Mouse de coliflor con vinagreta de café, berberecho e aceite de albaca.
  • Terrina de foie-gras con queixo de Arzúa e cabaza caramelizada
  • Ostras sobre royal caramelizada de coliflor e maracuiá, espinacas fritas e vinagreta de cenoria.
  • Mexillóns en tempura sobre crocante de arroz e algas.
  • San Martiño asado con verduras ecolóxicas salteadas con zamburiñas.
  • Foie-gras asado sobre cabaza crocante e salsa de trufas.
  • Infusión de froitos vermellos con xelado de queixo fresco.

En vista da relación de prato servidos, calquera pode caer na conta de que se producen varias repeticións que poderían, como mínimo, levar a monotonía do menú: dúas veces aparece a coliflor, dúas veces a cabaza, dúas veces os caramelizados, dúas veces os crocantes. Malia iso, as preparacións realizadas en cada caso eran o suficientemente diferentes para que non tiveramos a sensación de repetición.

Quero aclarara neste comezo que o restaurante estaba pechado ao público, polo que non había no mesmo máis comensais que os blogogastrónomos. Supoño que por esa razón o equipo de cociña estaba reducido á súa mínima expresión e esta foi a causa de que os tempos de espera entre prato e prato foran algo máis longos do desexable, inda que sen grandes esperas. O servizo de sala, pola contra, foi rápido e eficaz.

Aquí remata a parte amarga das miñas apreciacións. E comeza o bo. A comida.

Mouse de coliflor con vinagreta de café, berberecho e aceite de albaca. A vinagreta de café sorprendeu a todos dende o seu enunciado ata a súa degustación. Servida nunha copa de cóctel, a mouse sabía a coliflor ata que se mesturaba coa vinagreta, momento en que a verdura quedaba oculta tralos aromas do café e o toque de picante. Por momentos o comezo semellou un final, unha sobremesa con toque de picante, como gustan os coreanos. A espléndida vinagreta de café foi un dos descubrimentos do día, que anunciaba tempos aínda mellores.

Terrina de foie-gras con queixo de Arzúa e cabaza caramelizada. Se o primeiro entrante anunciaba estupendas sensacións, a terrina estaba, sinxelamente, espléndida. Servida derriba dunha lasca de pan torrado e cunha cabaza caramelizada, o contraste de sabores doces e salgados, e de texturas crocantes e untuosas, foi do mellor da comida. Se cadra, o queixo de Arzúa non aporta aquí nada, inda que tampouco molesta.

Ostras sobre royal caramelizada de coliflor e maracuiá, espinacas fritas e vinagreta de cenoria. Non son as ostras o meu alimento preferido, e non foi este prato o mellor do menú. Pero se hei de comer ostras, non me importa nada que sexa desta maneira. As espinacas fritas da gornición sinxelamente inmellorables.

Mexillóns en tempura sobre crocante de arroz e algas. Uns mexillóns de tamaño xigante, saborosos e celmosos, pechados nun rebozado crocante e cubertos cunha escuma da súa cocción que para nada estragaba o crocante da tempura, como pensei nun primeiro momento.

San Martiño asado con verduras ecolóxicas salteadas con zamburiñas. Tal vez o único erro do menú estaba no punto do peixe, que precisaba uns segundos máis de cocción para non quedar cru no interior, como foi o caso. Espléndido o tratamento das acelgas da gornición, ao dente, saborosísimas (¿quen dixo que as acelgas son insípidas?).

Foie-gras asado sobre cabaza crocante e salsa de trufas. O prato con máis contraste de todo o menú. O foie-gras estaba correcto, pero o seu aroma desaparecía trala potencia da salsa de trufas. Pola contra, a cabaza crocante foi outro dos grandes momento da comida. Unha preparación que merece máis protagonismo que o ser simple acompañamento do foie-gras.

Infusión de froitos vermellos con xeado de queixo fresco. O xeado, cremoso e no seu punto, a infusión de froitos vermellos deliciosa e polo medio os propios froitos, achegando nalgunhas culleradas a sorpresa da acidez dalgúns deles, que contrastaba moi alegremente coa dozura do xeado e a sopa.

Como lambetadas finais pinchos de piña e melón, alquenquejes frescos e unhas culleriñas que non cheguei a probar.

Viño: antes da comida tomamos o branco da casa, un Rías Baixas moi afroitado que lembra os vellos condados, e que seguimos a tomar durante toda a comida, con excepción do foie-gras, que se acompañou dun sauternes no caso da terrina, e dun rosado navarro no segundo caso.

O pan estupendo, de bola, típicamente galego, moi fresco, con codia crocante e recendos de forno de leña, miolo moi esponxoso e brando con grandes ollos.

O café, expreso, tipicamente galego, negro negrísimo, saboroso, cun chisco de amargor co que non podía o azucre. E dicir, o café que non gusta aos críticos pero que nos gusta aos galegos. ¡Que lle imos facer!.

Local: O antigo Hospital Real de Cambados, construído no século XVI e rehabilitado en 1990, ofrece un marco inmellorable ao restaurante, en plena zona vella da vila. Traspasadas as nobre pedras da porta, a paisaxe cambia totalmente, cun pequeno comedor con decoración moderna e sinxela, moi acolledor. A adega, acristalada e climatizada, atópase no mesmo comedor, o que permite ao cliente elixir viño coas botellas á vista.

9 comentarios sobre “Yayo Daporta: un bo comezo para os Blogogastrónomos

  • el 13 de noviembre de 2006 a las 18:56 06Mon, 13 Nov 2006 18:56:57 +000057.
    Permalink

    Sinto discrepar contigo no punto do peixe, o meu estaba realmente bo.

    Respuesta
  • el 13 de noviembre de 2006 a las 19:02 07Mon, 13 Nov 2006 19:02:55 +000055.
    Permalink

    Primeira demostración do que dicía eu no post anterior: cada un teu o seu propio gusto persoal e, polo tanto, as apreciacións son diferentes.

    Respuesta
  • Pingback: chuza.org

  • el 14 de noviembre de 2006 a las 09:04 09Tue, 14 Nov 2006 09:04:32 +000032.
    Permalink

    Ver como de trece comensais poden sair trece opinións diferentes da moi boa idea de como isto da gastronomía é algo básicamente subxetivo. Pero vexo que, en liñas xerais, máis ou menos todos vamos coincidindo nos momentos “cumio” da xantanza.

    Respecto ó que dis do punto do peixe, que non se deu no meu prato, creo que pode deberse a un exceso de celo despois do que lle dixo Capel. Para min, en calquera caso, estaba magnífico.

    Respuesta
  • el 14 de noviembre de 2006 a las 10:05 10Tue, 14 Nov 2006 10:05:32 +000032.
    Permalink

    Da gusto ler ós profesionáis. Isto é o bo do medio, que calquera pode deitar unha opinión por aí. Ata eu 😉

    Respuesta
  • el 17 de noviembre de 2006 a las 22:41 10Fri, 17 Nov 2006 22:41:19 +000019.
    Permalink

    Respecto do que comentas do menú diario, e sobre o link que pos ca páxina de Yayo…
    ¿ Fun eu o único que reparou que hai pratos que estaban escritos no menú na entrada do restaurante é que non aparecen no web? Son bastante desmemoriado, pero lembro de ver un plato de Raia, que non dou visto na páxina web.
    ¿Alguén pode confirmar o meu recordo ou confirmarme que teño moi mala memoria?

    Respuesta
  • el 18 de noviembre de 2006 a las 08:22 08Sat, 18 Nov 2006 08:22:32 +000032.
    Permalink

    O problema xeral das webs é que unha vez creadas case ninguén se lembra de actualizalas. Pero confírmoche que na carta do Yayo Daporta o domingo 12 de novembro estaba a raia, ee estaba ao teu lado cando miraches a carta da entrada e lembro que comentaches a presenza deste peixe.

    Respuesta
  • el 27 de diciembre de 2006 a las 22:10 10Wed, 27 Dec 2006 22:10:29 +000029.
    Permalink

    E certo que moitas veces o cambio de carta non coincide co cambio correspondente na páxina web, é o prezo de que un amigo che faga a páxina, xa que logo non estás tan pendente de darlle a tabarra para que che faga os cambios pertinentes.
    De todos modos, moitas grazas por tódolos vosos comentarios e opinións, terémolas en conta para mellorar.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *