Éxito rotundo da primeira xuntanza de Blogogastrónomos galegos

Rematada a I Xuntanza de Blogogastrónomos Galegos, celebrada no restaurante cambadés Yayo Daporta, con asistencia de 13 comensais representando a 10 blogs, temos que felicitarnos polo éxito rotundo acadado, tanto na organización como no menú servido por un cociñeiro novo ao que los críticos profesionais non sempre tratan tan ben como se merece.

Claro que, como dixen onte, ¿quen se fía dos críticos profesionais, sexan de cine, de teatro, literarios ou gastronómicos? Eu non. Tan endiosados andan eles sentando cátedra, que se permiten xulgar o traballo alleo cunha arrogancia e prepotencia que chega a causar temor entre os cociñeiros.

Xa, xa sei que se trata de xentes que van de restaurante en restaurante, a cal mellor, e que acumulan unha extraordinaria experiencia no mundo dos fogóns, e falo agora exclusivamente dos críticos gastronómicos. E xa sabemos que, segundo o dito, a “experiencia é a mai da ciencia”, pero como non hai branco sen negro, outro dito fala de que en ocasión “a experiencia é a persistencia no error”. Desto saben abondo os científicos.

E nesto da gastronomía, convénzanse, non hai cánones, senón apreciacións e sensacións absolutamente persoais, únicas para cada individuo, condicionadas pola educación de cada un, pola maneira en que cada persoa se enfronta á vida e ata, ás veces, polas condicións físicas de cadaquén, que cun bo catarro ás costas non saben as cousas igual que co nariz despexado, que xa se sabe que comer comeremos pola boca, pero sen nariz non hai sabores plenos.

E pásame hoxe como no soneto aquel que mandou facer Violante, no que Lope de Vega acaba os catorce versos sen falar máis que do propio soneto. Pensaba eu escribir aquí sobre a experiencia de onte no Yayo Daporta e pérdome dende o primeiro parágrafo en disquisicións sobre a crítica gastronómica profesional para chegar á conclusión, recomendación máis ben, de que debemos fiarnos do noso padal, o noso nariz e os nosos gustos e usar aos críticos so como referencia para elixir o lugar onde buscar pousada… a non ser que un coincida tanto en gustos cun columnista habitual como para convertelo en “crítico de cabeceira”.

Viña todo isto a conto de que algúns críticos profesionais din de Yayo Daporta que traballa con pratos e técnicas xa moi vistas, introducindo unicamente modificacións nas materias primas empregadas. Seguramente terán razón, pero a min que me importa. Eu, coma vostede, querido lector, non ando a diario polos comedores dos grandes restaurantes, como si fan os profesionais da crítica. E o mesmo pasa cos outros 12 compañeiros que onte se sentaron na mesa de Yayo Daporta. Para min foron toda unha novidade, agradable, algunha desas cousas que os profesionais lle reprochan como “antigallas”.

Sobre o que se comeu escribirei no seguinte post. Queda aí a foto de tódolos participantes xunto co cociñeiro, tomada despois da comida e que collo prestada de Gourmet de Provincias, aproveitando para felicitar a Jorge, alma mater da xuntanza, polo traballo realizado.

A relación dos blogs representados na xuntanza é a seguinte (por orde alfabética):

Another Cow In The Corn
Cocinalia
Colineta
Deakialli
De Pinchos
Diario del Gourmet de Provincia y el Perro Gastrónomo
La caja de los hilos
Laconada
Pantagruel, Supongo
Paparotas & Co, integrado en Capítulo cero

2 comentarios sobre “Éxito rotundo da primeira xuntanza de Blogogastrónomos galegos

  • el 14 de noviembre de 2006 a las 08:37 08Tue, 14 Nov 2006 08:37:11 +000011.
    Permalink

    Un pracer para os sentidos unha boa comida e non menos boas conversas.

    Respuesta
  • el 18 de noviembre de 2006 a las 00:36 12Sat, 18 Nov 2006 00:36:20 +000020.
    Permalink

    A verdade é que hei apoiar o teu comentario sobre os ‘críticos gastronómicos’. Entendo que haxa moitos mellores cociñeiros, cociñeiros que fan cousas máis innovadoras, e que pode que Yayo esté facendo cousas que xa están demodés…

    Pero non deberíamos medir o placer culinario coma absoluto: mentras 4000 millons de personas non podan acudir a comer no Bullí, o mundo está cheo de restaurantes moi interesantes.

    De feito deberíamos se cadra plantexarnos na cociña que a satisfación non é algo puntual, e non hai que buscar o mellor restaurante do mundo e a mellor comida, se non que é a combinación de experiencias aquí e alá.

    Respuesta

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *